Así preveñen os concellos galegos os desastres naturais na Habana

Traballos de rehabilitación do centro meteorolóxico CC-BY-SA FGCS

Como poden os municipios galegos previr os desastres naturais en Cuba? Igual que poden, por exemplo, facilitarlles o rego aos agricultores de Cabo Verde. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que agrupa a 90 concellos e ás deputacións da Coruña e Lugo, aproveita os días previos á conmemoración do Día Meteorolóxico Mundial, o 23 de marzo, para espallar o proxecto que está a desenvolver na Habana en colaboración coa Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Oficina do Conservador da capital cubana. Trátase de "mellorar as capacidades da poboación da Habana Vieja para a prevención de desastres" a través da rehabilitación dun edificio emblemático.

A asociación municipalista galega pon sobre a mesa case 30.000 euros para a instalación dun centro de interpretación da meteoroloxía no antigo convento de Belén, unha construción enclavada no centro da Habana e que é considerada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Este centro de intepretación virase sumar a outros equipamentos sociais dos que xa dispón o edificio e, segundo explican dende o FGCS, "céntrase na torre do que fora un dos observatorios máis importantes do século XIX".

"A idea é que nun futuro o museo contribúa a concienciar a poboación cubana sobre as treboadas tropicais e os furacáns"

"A idea -sinalan- é que nun futuro o museo contribúa a concienciar a poboación cubana sobre as treboadas tropicais e os furacáns", fenómenos meteorolóxicos que a afectan periodicamente, "coa finde reducir a vulnerabilidade" fronte a eles. "Á vez", din, suporá "un incentivo para o turismo e permitirá crear novos postos de traballo" na illa. O apoio do Fondo Galego serviu tamén para rehabilitar a escaleira central do antigo convento, "elemento de articulación entre zonas que tamén se empregará como espazo museístico" mediante "sistemas de protección, iluminacións e paneis gráficos". O proxecto terá tamén a súa vertente en Galicia, con palestras e exposicións da ACPP que se centrarán especialmente "na poboación escolar".

Asemblea e plan de traballo para 2014

O da Habana será un dos proxectos que aborde o Fondo Galego na súa primeira asemblea xeral do 2014, que celebra o vindeiro día 28 en Compostela. Nese encontro, que repasará o traballo realizado en 2013, exporarse o plan de actividades para este ano, no que se "reedian fórmulas de éxito como o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os contos da Tropa de Trapo" ou ciclos de cinema. Tamén figura, desta volta, a organización de obradoiros fotográficos e encontros dixitais baixo o título #Alén2015.

O Fondo tamén mantén proxectos en Mozambique ou El Salvador

"Na asemblea tamén se actualizará o avance dos proxectos impulsados en Cuba, Mozambique e El Salvador canda ONGD galegas" e o destino ao que chegaron as doazóns recadadas para Filipinas. Asemade, adiantan, "exporase a a segunda fase da iniciativa Redes para o Desenvolvemento, onde o Fondo Galego participa canda entidades de Portugal, Alemaña e Holanda co obxectivo de fortalecer as autoridades locais europeas en accións de educación para o desenvolvemento"

Escaleira do edificio, rehabilitada polo FGCS CC-BY-SA FGCS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.