Asociacións profesionais e sindicatos únense no rexeitamento ás áreas de xestión clínica

Protesta contra os recortes no Sergas © SOS Sanidade Pública

"Reclamamos a paralización da implantación das Áreas de Xestión Clínica, a recuperación das Xerencias de Atención Primaria e a restauración dos orzamentos da sanidade pública. Propoñemos unha intensa movilización unitaria contra o desmantelamento dos servizos públicos que están a realizar os actuais gobernantes desde o propio poder". A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, a Asociación Galega de Médicos, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, CIG, CC.OO., UGT e os colexios médicos de Ourense e Pontevedra pronunciáronse este martes de forma unánime e consensuada contra as Áreas de Xestión Clínica impulsadas pola Xunta. 

Consideran que o proxecto da Consellaría de Sanidade será negativo para traballadores e usuarios, prexudicando o sistema sanitario público e, especialmente, a atención primaria. Tamén alertan de que "o proxecto laboral é ambiguo e pouco definido, o sistema de incentivos é de unha dubidosa ética profesional (baséase no aforro e non na boa práctica clínica), e non hai suficiente información e transparencia para a elaboración dos contratos de xestión". Engaden que pode "xerar duplicidades no conxunto dos traballadores do Sergas" e "inequidades na atención aos usuarios".

Afirman que as áreas poden "xerar duplicidades no conxunto dos traballadores do Sergas" e "inequidades na atención aos usuarios"

O documento de consenso conclúe que unicamente "saen gañadores desta estratexia as empresas privadas que tentarán buscar beneficio neste desorde, e a pleiade de xestores que ven neste modelo unha saída para o seu porvir profesional". E alerta de que as áreas "favorecen a creación de modelos diferenciados dentro do sistema: todo un traballo previo para a posterior privatización dos centros asistenciais desde dentro". 

Ademais, aínda que apuntan que para que o sistema público de saúde se adapte aos seus novos retos (envellecemento, modernización teconlóxica...) podería ser aceptable a "estratexia da xestión clínica, entendida como unha recuperación da autonomía e liderado por parte dos clínicos", sinalan que a Consellaría carece de "credibilidade" á hora de facer propostas para potenciar a Atención Primaria e a fortalecer a sanidade pública. E denuncian "a drástica reducción do orzamento sanitario", o "incremento masivo das externalizacións" ou "exclusión da cobertura sanitaria de diversos colectivos da poboación" ou a "introdución de copagamentos", medidas que teñen provocado "danos para a saúde individual e colectiva". 

O documento de consenso conclúe que unicamente "saen gañadores desta estratexia as empresas privadas que tentarán buscar beneficio neste desorde"

Lembran que o propio Consello Consultivo de Galicia emitiu un ditame o pasado mes de marzo, no que sinalaba que "o proxecto de decreto polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde resulta contrario ao ordenamento xurídico”. E tamén que o decreto que pon en marcha as áreas "foi aprobado por vía de urxencia, sen que houbese ningun debate parlamentario e sen consulta previa aos profesionais nin ás forzas sindicais". Finalmente, chaman á mobilización contra as áreas de xestión clínica e solicitan "a apertura dun amplio debate social para realizar os cambios necesarios no modelo asistencial que permita garantir continuidade dunha sanidade pública e universal". 

Protesta contra os recortes no Sergas © SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.