Aumentan os divorcios, en descenso dende o inicio da crise

Divorcios, nulidades e separacións por cada mil habitantes en Galicia, 2015-14 Dominio Público Praza Pública

Nas últimas décadas sinalouse a existencia dunha relación directa entre o número de divorcios e separacións e a situación económica. De xeito que durante un período de recesión e crise, con incremento do desemprego, as taxas de ruptura nos matrimonios se reducirían, aumentando en momentos de bonanza económica. Así o salienta, por exemplo, Teresa Castro-Martín, investigadora do CSIC e unha das maiores expertas en divorcio de España, que sinala que "a crise produciu máis tensións familiares, pero tamén menos posibilidades de separarse e ter dous fogares". É dicir, as dificultades económicas da parella ou dun dos seus integrantes terían feito menos viable a posibilidade dunha vida e duns gastos por separado.

En Galicia a taxa de divorcios, nulidades e separacións situábase nos anos previos á crise ao redor das tres rupturas por cada mil habitantes. En 2009 situouse nas 2.09

As estatísticas amosan tamén esta correlación. En Galicia a taxa de divorcios, nulidades e separacións situábase nos anos previos á crise ao redor das tres rupturas por cada mil habitantes (3.13 en 2006, 2.87 en 2007). Porén, en 2008 esta reduciuse ata as 2.54 e en 2009 situouse nas 2.09. Dende entón, a taxa mantivérase estable ao redor desa cifra, incrementándose lixeiramente en 2012 (2.25) e volvendo caer en 2013 (2.01). Os datos correspondentes a 2014, coñecidos esta semana, amosan un incremento dos divorcios e separacións, que volveron ascender, ata as 2.17 por cada mil habitantes. Segundo Teresa Castro-Martín, este ascenso débese en parte a "separacións pospostas" polas malas circunstancias económicas. "Por impedimentos económicos as parellas pénsano e van postergándoo e, ao final, rompen".

Os expertos sinalan que esta estatística vai perdendo cada vez maior validez, ao non recoller os datos oficiais as separacións das parellas de feito

En total, o pasado ano houbo en Galicia 5.948 rupturas de matrimonios (divorcios na súa práctica totalidade). A taxa de rupturas matrimoniais sitúase en Galicia por debaixo da media española (2.28), aínda que supera a de comunidades coma Estremadura, Castela-León, Castela-A Mancha, Euskadi ou Navarra. Os expertos sinalan que esta estatística vai perdendo cada vez maior validez, ao non recoller os datos oficiais as separacións das parellas non casadas (parellas de feito), cada vez máis numerosas. O número de matrimonios en Galicia reduciuse dende os 11 mil de hai unha década ata os actuais 8 mil. 

Divorcios, nulidades e separacións por cada mil habitantes en Galicia, 2015-14 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.