"Un pequeno triunfo" e "unha batalla gañada". Así definiu o colectivo Stop Desahucios os avances que este martes se acadaron no caso de Aurelia Rey, a anciá de 85 anos da Coruña sobre a que pesa unha orde de desafiuzamento que o pasado luns foi impedido en dúas ocasións tras graves incidentes e grazas á mobilización e á forte presión cidadá que este martes continuaba ante a súa vivenda. No entanto, as vivendas de aluguer social ofrecidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) foron rexeitadas pola muller ao estar ás "aforas da cidade"e porque aspira a continuar na súa vivenda ou, cando menos, na zona da cidade onde vive desde hai máis de 30 anos.
O IGVS ofrécelle unha vivenda en aluguer social a Aurelia Rey, que se nega a abandonar a casa onde vive desde hai máis de 30 anos
O apoio popular recibido pola muller para deter o seu desaloxo provocou que o Valedor do Pobo accedese a mediar con outras administracións para atopar unha solución para o seu caso, tal e como confirmou Stop Desahucios. A oferta do IGVS consiste na opción de dous pisos na zona de Eirís ou Novo Mesoiro (moi afastados do centro da Coruña), pero Aurelia Rey négase, xa que non quere saír do barrio nin da vivenda que ocupa desde hai máis de tres décadas. Para o avogado da anciá, Antonio Vázquez, afastar a muller da zona actual podería provocar a súa exclusión social ao "afastala do seu lugar habitual de vida".
"Ela está afeita a vivir aquí, coñece os veciños e pasea todos os días", xustifican as súas amigas. "Non o acepta porque están nas aforas da cidade", confirmou o voceiro de Stop Desahucios sobre a reacción de Aurelia Rey, bastante alterado logo de facerse á idea de que podería continuar no seu fogar. Agora, asume xa a marcha e incluso medita marchar á súa vila natal.
O alcalde da Coruña insiste en que a "mellor opción" para a anciá é unha residencia
O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñecía que a Administración autonómica e o Concello buscaban "unha solución inmediata" para que Aurelia Rey teña "un fogar". Malia isto, o alcalde Carlos Negreira insiste en que a residencia sería "a mellor opción" para a muller de 85 anos.
Paralelamente, tamén se produciron avances na negociación coa familia propietaria da vivenda, malia que esta négase desde un principio a calquera posibilidade que non sexa o desaloxo de Aurelia. Membros de Stop Desahucios confirmaron que se inciaron conversas "de igual a igual" entre a inquilina e os donos do inmoble para atopar unha solución. "Imos polo bo camiño e estamos máis perto dun acordo", aseguraban activistas presentes nas reunións, que agardan agora o resultado destas xuntanzas, aínda que a última hora da tarde non eran tan optimistas.
O letrado de Aurelia Rey reuniuse tamén coa familia propietaria e denunciante para intentar que paralice o proceso e retire a demanda, pero esta posibilidade está case totalmente descartada. As alternativas, xa que logo, pasan por conseguirlle a afectada unha vivenda achegada á súa actual casa, xa que ela segue negándose a ingresar nunha residencia e os donos do inmoble insisten en que abandone o seu fogar.
No entanto, e malia os avances, a mobilización continúa na rúa Padre Feijoo da Coruña, onde unhas 200 persoas se mantiveron concentradas desde primeiras horas da mañá e logo de que dez cidadáns durmisen no portal durante a noite e se organizasen en quendas para facer garda ante a vivenda. "Non nos fiamos e aquí seguimos", insisten, ademais de celebrar unha asemblea na que acordarán novas quendas para non deixar soa a vivenda de Aurelia Rey en momento ningún.
Malia que o avogado da anciá de 85 anos asegura que a execución do desafiuzamento non se produciría ata a semana que vén, os activistas temen que este mércores volva presentarse a comisión xudicial para levar a cabo o lanzamento.
"Non houbo ningunha carga, a Policía puxo a forza dos seus corpos contra outros corpos", di Samuel Juárez
Ademais, durante a mañá deste martes, Stop Desahucios leu un comunidado de apoio aos bombeiros da Coruña, no que louvaron "a valentía" dun corpo que o luns se negou a cortar a cadea que impedía o paso ao portal da comisión xudicial. aplaudimos o voso comportamento e "Aplaudimos o voso comportamento e comprometémonos coas súas consecuencias. Non vos sancionarán. Non o permitiremos, e menos despois do esperpéntico espectáculo que vivimos, onde só vos mantivestes o tipo e vos situastes co pobo", di a nota.
Pola contra, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, rexeitou as críticas á actuación policial do pasado luns - na que varios cidadáns e tres cargos políticos acabaron no chan-, xa que segundo el "non houbo ningunha carga", senón que "a Policia puxo a forza dos seus corpos contra outros corpos". O BNG vén de promover unha declaración no Parlamento para condenar a actuación policial no intento de desafiuzamento.