Barrios Abertos: a integración como proxecto comunitario

Acción nas festas de San Pedro © Asemblea de Cooperación pola Paz

Os barrios de Fontiñas e San Pedro concentran a cuarta parte da poboación inmigrante residente en Compostela. A súa outra característica diferencial é a fortaleza do seu tecido asociativo. Porén, a realidade é que esta poboación con orixes noutros países non adoita participar nas asociacións e entidades que funcionan nos seus barrios, unha participación que podería ser un elemento fundamental para favorecer a súa integración completa. A Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) iniciou hai meses o proxecto Barrios Abertos, que ademais de en Galicia tamén está a realizar en Asturias e Castela-A Mancha. O obxectivo é a integración social, cultural, educativa e sanitaria das persoas de orixe estranxeira, facendo dos barrios "o núcleo primario da sociabilización”.

O obxectivo principal é promover a integración, entendéndoa "como a participación na actividade cotiá do barrio e en que sexan conscientes dos seus dereitos como cidadáns, e que os reclamen"

Alejandro Quiñoá, delegado de ACPP-Galicia, destaca que o obxectivo é dobre. En primeiro lugar, promover a integración, entendéndoa "como a participación na actividade cotiá do barrio e en que sexan conscientes dos seus dereitos como cidadáns, e que os reclamen". Por ese motivo o proxecto incide moito na participación na estruturas educativas, nas anpas, "para que poidan reclamar o seu dereito á educación" e tamén promovendo que a interculturalidade sexa un valor que se transmita desde os propios colexios e institutos. Tamén se fai fincapé (en colaboración con Médicos do Mundo) no ámbito sanitario, promovendo o acceso igualitario e informado dos servizos de saúde pública e, ao tempo, sensibilizando os e as profesionais da saúde para que poidan dar unha atención eficaz e de calidade ás persoas procedentes doutras culturas. O segundo grande obxectivo está destinado á sociedade en xeral, poñendo en valor a riqueza que supón vivir nun espazo multicultural, como unha característica típica da sociedade actual.

O proxecto tamén se liga coa reivindicación dos dereitos que todas as persoas teñen, "sendo conscientes de que a poboación migrante é un dos colectivos que máis están a sufrir a desigualdade, que está aumentando nos últimos tempos", destaca Quiñoá, que quere facer un chamado a que a defensa consciente dos seus dereitos sexa un elemento de combate contra esta desigualdade e, ao mesmo tempo, que supoña un elemento que favoreza a súa integración. 

Alejandro Quiñoá fai un chamado a que a defensa consciente dos seus dereitos sexa un elemento de combate contra esta desigualdade e, ao mesmo tempo, que supoña un elemento que favoreza a súa integración

Quiñoá destaca que San Pedro e Fontiñas, barrios interconectados que comparten moitos servizos, "son barrios nos que está moi afianzado o tecido comunitario", co que a ACPP se puxo en contacto en primeiro lugar. "Non tería sentido polo que impulsásemos ningún movemento asociativo novo, senón que o que facemos é coordinar o proxecto coas redes de movementos asociativos que traballan nos dous barrios", sinala. "Se fixésemos isto noutros barrios ou noutras cidades, correrías o risco de fracasar, porque non está tan estruturado o movemento asociativo nin hai tanto coñecemento mutuo. Para nós é a principal fortaleza do proxecto", destaca, ao tempo de define Barrios Abertos como "un proxecto de integración de xestión comunitaria".

De feito, os primeiros pasos do proxecto foron precisamente a realización de xuntanzas coas distintas asociacións, centros educativos, ongs, centros culturais, e unidades de traballo social con actividade nestes barrios. Desas xuntanzas xurdiron moitas propostas, unha rede de contactos e a información necesaria para poder facer os materiais de difusión. O primeiro acto de presentación pública do proxecto foi a Festa da Primavera do barrio de San Pedro, o pasado mes de maio. Alí instalouse un photocall co obxectivo de facilitarlle á cidadanía unha forma de expresar o seu apoio á integración de maneira pública, orixinal e lúdica. Por alí pasaron máis de 200 persoas, que se fotografaron con frases como “Ti es de chocolate e eu de vainilla”, “As fronteiras son muros mentais, derrúbaos” ou “Que penso cando te miro? O que podería descubrir”.

Tamén se busca potenciar a participación de toda a veciñanza nas actividades socioculturais, de maneira que as persoas de orixe estranxeira contribúan á organización destes encontros e que poidan achegar nova riqueza cultural e social. Para facilitar a participación, editarase unha guía de servizos do sector, enfocada na poboación inmigrante, na que recompilará información sobre as organizacións coas que se pode colaborar, sobre os servizos públicos e privados que ofrece o barrio e sobre os distintos trámites que se necesitan cumprir cando se chega ao país.

"Se fixésemos isto noutros barrios ou noutras cidades, correrías o risco de fracasar, porque non está tan estruturado o movemento asociativo nin hai tanto coñecemento mutuo"

Quiñoá destaca que o moitos dos elementos do proxecto están baseados "nas experiencias do traballo que facemos no sur". "Parécenos moi interesante para trasladar as ferramentas e metodoloxías que se demostraron útiles alí. Quixemos que os procesos de aprendizaxe norte-sur, aos que estamos afeitos, se trasladases a outra lóxica, sur-norte", di. Entre estes elementos está o uso de ferramentas audiovisuais, coma a radio ou a produción de filmes documentais. Levouse a cabo, por exemplo, un obradoiro audiovisual no que rapaces e rapazas de orixe inmigrante, xuntos con outros nacidos en Galicia, aprenderon as ferramentas necesarias para facer un documental no que eles mesmos contarán de primeira man como viven a súa experiencia como migrantes, e que se poderá ver nos vindeiros meses.

A integración, entendida como participación e aprendizaxe común © Asemblea de Cooperación pola Paz
A ACPP mantivo xuntanzas cos representates do tecido asociativo dos barrios © ACPP
No proxecto lévanse a cabo distintas actividades relacionadas co audiovisual © ACPP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.