Beiras define a planta de Reganosa como "un crime político"

A planta de Reganosa, a uns centos de metros do núcleo urbano de Mugardos CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Xosé Manuel Beiras ataca duro á presenza de Reganosa en Mugardos, no interior da ría de Ferrol, o que considera "un crime político". O voceiro nacional de Anova reclamou o traslado da plantta de gas ao porto exterior de Caneliñas, tras manter unha reunión no barrio de Esteiro con mebros do Comité Cidadán de Emerxencia pola ría, que agrupa medio cento de colectivos cívicos e veciñais que se opoñen á localización da regasificadora que funciona na vila de Ferrolterra desde maio do 2007.

Beiras critica a modificación do marco legal que permite a Reganosa seguir na ría: "É prevaricación"

Así, o líder da nova formación nacionalista reclamou a execución da última sentenza do Tribunal Supremo, de hai menos de dous meses, e na que, segundo o Comité de Emerxencia, se declara a "ilegalidade total" da planta tras anular a primeira tramitación urbanística que autorizou un cambio nos usos do chan en Punta Promontoiro, onde se levantou a terminal a poucos metros dun núcleo rural de vivendas na parroquia de Mehá.

Tal e como recorda o Comité, mentres os tribunais discutían esta cuestión, o Concello de Mugardos aprobou unha segunda modificación do PXOM que emendaba os erros da primeira e que desde a Xunta defenderon como o "encaixe legal" que permite a Reganosa seguir na súa actual localización. "Modificar o marco legal para que un fenómeno criminoso non sexa delituoso é unha prevaricación", dixo o portavoz nacional de Anova.

"O peor de todo é o seu perigo para mileiros de cidadáns nun radio de dous quilómetros"

Xosé Manuel Beiras mostrouse en todo momento crítico coa localización da planta e co castigo legal a un grupo de mariscadores ferroláns, procesados nun xuízo penal por pechar o paso aos gaseiros en 2007. "O peor de todo é o seu perigo para millleiros de cidadáns nun radio de dous quilómetros", subliñou. "É unha ameaza permanente, unha barbarie e un crime para o que non valen apaños nin hai encaixe legal", concluíu.

Gaseiro en Reganosa CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.