Berros indignados contra o "atraco" de Facenda aos emigrantes retornados

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

"Mans arriba, isto é un atraco". Este foi un dos lemas máis berrados esta mañá polas rúas da Coruña na primeira manifestación a nivel galego de emigrantes retornados, que protestan pola campaña sancionadora de Facenda que afectou xa máis de 30.000 xubilados no país e que pode estenderse a uns 250.000 pensionistas en toda Galicia. Séntense "acosados" polas multas, xuros de demora e declaracións que Facenda lles exixe polas pensións que desde 2008 perciben dos diferentes países nos que traballaron, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias. Son multas que chegan a ducias de miles de euros en moitos casos e que provocan a desesperación de xubilados que se enfrontan a unhas exixencias económicas que non son quen de satisfacer.

Uns dous milleiros de pensionistas chegados de toda Galicia pediron a dimisión de Montoro e o final da campaña sancionadora

Neste mércores, buses de toda Galicia chegaron á Coruña para unirse a unha gran marcha, cuns dous milleiros de xubilados e cunha media alta de idade que non impediu que a través de chifres, bucinas, tambores e cánticos demostrasen a súa xenreira contra o Goberno central e a Axencia Tributaria, en cuxa delegación galega da cidade rematou a manifestación. "Montoro escoita, o pobo está en loita", lembráronlle ao ministro de Facenda, do que reclamaron a dimisión a través de berros e pancartas. Había pensionistas de toda Galicia, chegados da Costa da Morte, de Vigo, do Barbanza, de Pontevedra, do Carballiño, do Umia...

"Somos emigrantes, non defraudadores", reivindicaron unha e outra vez os manifestantes, que tamén amosaron a súa indignación en diferentes pancartas, como a que advertía de que "roubar á emigración non é a solución". Nunha delas, onde se vía unha fotografía do ditador Franco e outra de Rajoy, sentenciábase: "Este botounos á emigración, estoutro róubanos as pensións". Noutro cartel podíase ler: "Por culpa dos nosos gobernantes, os nosos fillos tamén son emigrantes".

"Franco botounos á emigración e Rajoy róubanos as pensións", podíase ler nunha pancarta

"Se isto non se amaña, caña, caña, caña; se isto non se arranxa, leña, leña, leña", advertiron tamén os cidadáns convocados pola Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, que como representante de todas as plataformas de afectados entregou un documento na delegación de Facenda onde volveron amosar as súas reivindicacións, así como os milleiros de sinaturas recollidas en todo o país contra a campaña sancionadora.

Os afectados volveron reclamar "un trato xusto e igualitario para os emigrantes retornados pensionistas, a revogación dos expedientes xa iniciados e devolución do pagado". Ademais, insisten na "inxusta decisión" do Goberno central, xa que "nin a propia Axencia Tributaria lle meteu a pensión aos emigrantes retornados na declaración do IRPF". "É inmoral a imposición de sancións a un colectivo perceptor das pensións máis baixas despios de traballar toda unha vida no estranxeiro", explica a Coordinadora, que recorda que Facenda non só obriga a facer as declaracións desde o ano 2008 e pagar multas e intereses de demora, senón que dá "un prazo de dez días" para pagar a totalidade da cantidade resultante.

Os afectados reclamaron en Facenda "un trato xusto e igualitario, a revogación dos expedientes iniciados e a devolución do pagado"

Así, as diferentes plataformas galegas piden "a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Tributaria e que lle notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios 2008-2012", ademais da anulación do cobro de intereses de demora e a modificación da lei para "garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados". A Coordinadora solicita tamén que se inicie unha campaña de información a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, "anulando os requerimentos relativos aos exercicios compendidos entre os anos 2008 e 2012", así como que se revisen os convenios marco con outros países e que se modifique a normativa para que se fixe "un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados".

Na marcha púidose ver o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, así como concelleiras municipais da mesma formación como María Xosé Bravo e Avia Veira.

Emigrantes retornados ante a delegación de Facenda Dominio Público @15Mmontealto
Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.