BNG e EU únense na Coruña contra a taxa de decomisos, "un imposto á pobreza"

Manifestación contra os abusos policiais na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

O Concello da Coruña aprobou no último pleno a entrada de vigor dunha nova taxa, que prexudica notablemente os vendedores ambulantes na cidade, moitos deles inmigrantes (pero non só). Con este imposto as persoas ás que lles foi retirada a súa mercadoría pola policía vense na obriga de pagar entre 30 e 100 euros por recuperalas; ademais, se non os retiran en menos dunha semana, teñen que pagar dous euros diarios a maiores. A medida foi criticada de inmediato por numerosos colectivos sociais, sobre todo aqueles que traballan coa poboación inmigrante e persoas en situación de pobreza ou exclusión social.

BNG e EU ofreceron unha rolda de prensa conxunta, acompañados por Rubén Sánchez, do Foro Galego da Inmigración, para denunciar a situación e anunciar o seu compromiso non so de presentar alegacións de forma inmediata, senón de derrogar a norma no momento en que acaden responsabilidades de goberno.

A concelleira do BNG Avia Veira considerou a taxa como unha "medida racista", un "imposto contra a pobreza". Veira sinalou que, dado que o PP afirma que a taxa por decomiso "non ten como fin a recadación", non pode ser outra cousa que "racismo”.

O voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou que A Coruña era "a cidade en que ninguén é forasteiro" só "até que chegou Negreira e o goberno do PP dedicouse a acosar os inmigrantes sen papeis, primeiro ordenando a persecución policial, agora con taxas inhumanas”. Santiso cualificou a medida de "racista, claramente ideolóxica, retrógrada e inhumana" e "pensada para agachar a pobreza e a exculsión", porque o goberno local "quere unha Coruña Wapa onde non se visualice os dramas da exclusión social", afirmou. Santiso cre que a taxa "agravará máis se cabe a situación de emerxencia social que se está a vivir na Coruña, principalmente dos colectivos máis vulnerábeis".

A Asociación sen Papeis denunciou o acoso policial ao que se ven expostos moitos vendedores ambulantes inmigrantes

Nos últimos anos foron varias as ocasións nos que o colectivo de inmigrantes, e a Asociación sen Papeis denunciou o acoso policial ao que se ven expostos moitos vendedores ambulantes inmigrantes e mesmo casos de agresións.

O BNG chama a cidadanía a solidarizarse con estes colectivos de inmigrantes e a cubrir e presentar no Rexistro do Concello da Coruña alegacións. Tamén os colectivos de inmigrantes, veciños do barrio da Agra do Orzán e o Foro Galego de Inmigración recollerán sinaturas e alegacións este xoves pola tarde na rúa Barcelona, no mercado das Conchiñas. Tamén se creou unha petición en change.org para pedirlle ao Concello da Coruña que dea marcha atrás nesa medida.

Manifestación contra os abusos policiais na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.