O pleno municipal de Pontevedra aprobou este luns, cos votos de BNG e PP, o proxecto de construción dunha planta de compostaxe de residuos de ámbito provincial, que se instalará previsiblemente no propio Concello capitalino en virtude do protocolo asinado o pasado venres polo alcalde, Miguel Fernández Lores, e o presidente da Diputación, Rafael Louzán. Os tres concelleiros do PSdeG-PSOE, socios do BNG no goberno da cidade, abstivéronse na votación. O proxecto conta co apoio conta co apoio de asociacións ecoloxistas, como ADEGA, de mariscadoras, comunidades de montes e as tres federacións veciñais de Pontevedra.
Para Louro, o protocolo asinado por Lores e Louzán "ten perversas intencións, di pouco e oculta moito". Cualificou ademais o proxecto da planta de compostaxe de "anuncio electoralista"
Os socialistas basean os seus receos cara ao proxecto no seu temor a que a planta de compostaxe sexa o xerme da Sogama do sur. De feito, Antón Louro sinalou que Lores "puxo a súa sinatura para recibir o lixo de toda a provincia" e comparou esta situación co conflito da empacadora de Vilaboa, hai 15 anos. Para Louro, ademais, o protocolo asinado por Lores e Louzán "ten perversas intencións, di pouco e oculta moito". Cualificou ademais o proxecto da planta de compostaxe de "anuncio electoralista" e acusouno de ser "unha simple idea, incerta e sen éxito noutras experiencias". En calquera caso, os socialistas tampouco votaron en contra, limitándose a absterse: "o PSOE non pode aprobar o que se nos propón, pero tampouco queremos ser un obstáculo, e non lle imos decir que non".
Dende o BNG destacouse os beneficios para o medio ambiente que traerá esta planta: "Non é máis barato, é máis razoable", dixo o alcalde Fernández Lores
Pola contra, dende o BNG destacouse os beneficios para o medio ambiente que traerá esta planta: "Non é máis barato, é máis razoable", dixo o alcalde Fernández Lores. E os nacionalistas lembraron que servirá para cumprir a lei, as directivas europeas que establecen que en 2020 haberá que compostar un mínimo do 25% da fracción orgánica dos residuos, unhas cifras das que Galicia aínda está moi lonxe, por mor da xestión realizada en Sogama.
De igual xeito, ADEGA difundiu un comunicado no que amosa o seu completo apoio ao proxecto, lembrando a súa semellanza coa planta comarcal de compostaxe de Lousame (Mancomunidade do Barbanza). "Ábrese deste xeito, e non só para a comarca de Pontevedra, unha nova vía para que aqueles concellos que están en SOGAMA substitúan a incineración pola compostaxe, reducindo a factura do tratamento dos residuos", destacan e lembran que este proxecto comarcal "complementa ademais os exitosos proxectos de compostaxe caseira desenvolvidos polo concello de Pontevedra e que ante a demanda cidadá seguen ampliándose a máis parroquias. ADEGA, dentro da súa campaña de residuos, colabora nestas iniciativas e noutras ducias máis por todo o país, incluidos algúns proxectos de porta a porta, novidosos en Galiza, e que proximamente comezarán en Allariz, San Sadurniño, Monforte...".
ADEGA: "Ábrese deste xeito, e non só para a comarca de Pontevedra, unha nova vía para que aqueles concellos que están en SOGAMA substitúan a incineración pola compostaxe, reducindo a factura do tratamento dos residuos"
Así mesmo, os ecoloxistas criticaron a postura do PSdeG-PSOE que, din, "amosa un profundo descoñecemento sobre un sistema (a compostaxe) que permite á planta de Lousame acadar as taxas máis altas de reciclaxe e recuperación material do Estado". Ademais, ADEGA recomendoulles aos socialistas "preguntar ao alcalde de Piñor, pioneiro na compostaxe da fracción orgánica dos residuos municipais, cal é a utilidade do abono producido mediante este sistema. Ou atender ás alertas que dende finais dos anos 90 os científicos galegos veñen facendo sobre a perda de fertilidade dos solos galegos e a necesidade de achegar materia orgánica".
Alternativas a Sogama
A posta en marcha de plantas locais e comarcais de compostaxe é unha das medidas apuntadas polos grupos ecoloxistas dende hai anos como alternativa á xestión que se realiza dende Sogama. De igual xeito, hai uns meses Xosé Veira pedía a través do blog Un claro no bosque unha maior implicación das administracións locais no deseño e implementación de mellores sistemas de xestión de residuos.