Cabral elixe este domingo entre megacentro comercial ou monte comunal

Montes comunais que serían expropiados para construír o centro comercial © A Ría No Se Vende

O vindeiro domingo 26 é o día decisivo. A xornada na que os membros da comunidade de montes de Cabral en Vigo decidirán en asemblea se lles venden ou non os seus terreos á multinacional inglesa Eurofund Ivestments para a construción dun megacentro comercial e de ocio nun dos montes que arrodea a cidade e que vén cargado de polémica. 

Os comuneiros dos montes de Cabral deciden este domingo en asemblea se lles venden ou non os terreos á multinacional inglesa

"Todo se decidirá o domingo e non sabemos o que vai pasar; pode que os cartos acaben por inclinar a balanza", recoñecen desde os varios colectivos contrarios ao proxecto, que conta tamén co rexeitamento de Anova, EU ou o BNG, que este mesmo mércores amosou a súa oposición a que se constrúan novos centros comerciais na cidade, pediu "información real" sobre Porto Cabral e criticou o uso "demagóxico" da suposta creación de emprego. "O que se está a vender é moito fume", denuncian os colectivos contrarios, que o pasado domingo volveron manifestarse cunha camiñada polo monte na que volveron pedir "transparencia", un prazo para o estudo da iniciativa e votación final en urna.

O presidente da comunidade de montes di que a única alternativa é "aceptar a oferta ou asumir unha expropiación forzosa"

As palabras do presidente da Comunidade de Montes de Cabral son claras, xa que advirte de que a única alternativa é "aceptar a oferta económica e unha seguridade de cobro" da multinacional ou asumir "unha expropiación forzosa" que, segundo di, provocaría dilatar moito no tempo o cobro e aceptar unha diminución do prezo dos terreos. Ademais, tamén lembrou que o PGOM "deseña e contempla" a actuación comercial nos terreos de Liñeiriños, polo que se amosou sorprendido polo rexeitamento do BNG á iniciativa.

Prométense 3.000 empregos tan só durante a construción e o desenvolvemento comercial da zona, mentres os opositores ao proxecto advirten da eliminación da masa mofestal do que é un pulmón da cidade de Vigo, a afectación do patrimonio arqueolóxico, social e cultural e a posta en perigo dos recursos económicos asociados a este monte. Ademais, tal e como advirten BNG ou AGE, o centro comercial e a súa liberdade total de horarios suporían outro duro golpe para o pequeno e mediano comercio da urbe.

A empresa promete 3.000 empregos mentres os opositores alertan da eliminación da masa forestal e dos recursos económicos asociados ao monte

A decisión chegará o vindeiro domingo a partir das 10 da mañá no Ifevi. Será a segunda ocasión na que se intente tratar o asuno en asemblea, logo da suspensión anterior provocada polas protestas dun grupo de comuneiros molestos por non ter información suficiente sobre o proxecto e por ter que realizar a votación a man alzada. Desta vez, á xuntanza só poderán pasar os socios, uns 800, que votarán en urna se o solicitan. Tan só media hora antes, ás 9.30, está convocada unha manifestación ás portas do recinto coa que os opositores intentarán concienciar aos comuneiros do prexuízo que eles atribúen á iniciativa de Eurofund.

Os seus argumentos, tal e como advertiron na marcha do pasado domingo, son claros: "Un bosque ben xestionado podería dar beneficios constantes non só aos comuneiros senón a xente de toda a comarca. A xestión dos múltiples productos forestais en madeira, froitos, cogomelos, espacios de lecer e esparcimento, etc. poden ser unha fonte de emprego local, sostible e perdurable; as grandes áreas empregan a moita menos xente que o pequeno comercio. E emprego de peor calidade".

O proxecto, similar a Porto Venecia, en Zaragoza, plantexa ocupar unha cuarta parte de Liñeiriños (Cabral, Vigo) e ofrecer 187.000 metros de superficie arrendable. Ocuparía aproximadamente 1,5 millones de metros cadrados e  situaríase bordeando a autopista AP-9, entre o polígono do Rebullón e os campos de fútbol do Santa Mariña, tal e como lembra o proxecto O Monte é Noso, Sachando no Procomún.

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.