Cabral: Monte comunal ou macrocentro comercial?

Montes comunais que serían expropiados para construír o centro comercial © A Ría No Se Vende

As protestas dos colectivos contrarios á expropiación de 300.000 metros cadrados de montes comunais na zona de Cabral, en Vigo, para a construción dun macroespazo comercial da multinacional inglesa Eurofund Investiments obrigaron este domingo á suspensión da asemblea de comuneiros que debatía o acordo. Varios colectivos da cidade de Vigo, coma A Ría non se Vende, Equo, BNG, Esquerda Unida ou a Asociación de Afectados de Liñeiriños, manteñen unha firme oposición ao proxecto, e sobre todo ao procedemento que se pretendía seguir para a aprobación da venda dos terreos.

Os comuneiros denuncian que non foron informados dos detalles do proxecto e que se quería realizar unha presentación pública e, a seguir, unha votación a man alzada, sen tempo apenas para estudar a información. E reivindican maior "transparencia", que se abra un prazo para o seu estudo e que a votación final se faga en urna. As protestas dos colectivos ecoloxistas e de parte dos propios comuneiros, con berros coma "o monte non se vende" ou "o presidente non é de Cabral", forzaron a supensión da xuntanza, celebrada no auditorio do Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) e á que asistiron máis de medio milleiro de persoas. A asemblea volverá convocarse para estudar o acordo e debate a venda dos terreos.

Ao igual que noutros proxectos semellantes, un dos argumentos que defenden os seus promotores, aproveitando a situación de crise económica, é o da creación de postos de traballo

A multinacional Eurofund Investiments quere erguer un macrocentro comercial e de ocio no parque de Liñeiriños, dos que unha parte corresponde a propietarios privados e outra a monte comunal. A Ría non se Vende denuncia que a orixe desta operación está "no aberrante proceso de redacción do PXOM de Vigo, rexeitado, alegado e recorrido na súa contra por moita da veciñanza", que deixou estes terreos nun comezo clasificados como chan rústico de especial protección forestal "no punto de mira da especulación". Co PXOM este espazo pasou a estar clasificado como urbanizable, "dando paso a esta operación de auténtico pelotazo urbanístico que conta coa complicidade do Concello de Vigo e a presunta colaboración da directiva da Comunidade de Montes de Cabral", denuncia o colectivo.

Ao igual que noutros proxectos semellantes, un dos argumentos que defenden os seus promotores, aproveitando a situación de crise económica, é o da creación de postos de traballo, uns tres mil contando coa construción do edificio. Para os opositores macrocentro de Porto Cabral, esta cifra é completamente "irreal", e afirman que o número de empregos que achegarían as obras serían moi inferior: "estámolo vendo nas obras do novo hospital, tamén falaban de tres mil empregos e en realidade son moitos menos", di Loli Tobío, de Equo Pontevedra.

"As grandes áreas empregan a moita menos xente que o pequeno comercio. E emprego de peor calidade"

Estes grupos defenden por unha banda que este tipo de macrocentros comerciais non xeran riqueza naqueles lugares nos que se instalan e que "un bosque ben xestionado podería dar beneficios constantes non só aos comuneiros senón a xente de toda a comarca. A xestión dos múltiples productos forestais en madeira, froitos, cogomelos, espacios de lecer e esparcimento, etc. poden ser unha fonte de emprego local, sostible e perdurable". Ademais, lembran o dano que podería producir no pequeno e mediano comercio da cidade. "As grandes áreas empregan a moita menos xente que o pequeno comercio. E emprego de peor calidade", afirma Loli Tobío. A este respecto Equo e EU cualifican Eurofond de "exemplo de compañía que deseña centros comerciais co modelo norteamericano de liberdade absoluta de horarios” e que este centro comercial "será a tumba do pequeño e mediano comercio en Vigo".

Equo e EU cualifican Eurofond de "exemplo de compañía que deseña centros comerciais co modelo norteamericano de liberdade absoluta de horarios” e que este centro comercial "será a tumba do pequeño e mediano comercio en Vigo"

Esquerda unida considera que moitos veciños e veciñas de Cabral descoñecen aínda o proxecto e o impacto do complexo de ocio de Porto Cabral "interesadamente”. EU considera "impresentable" a actitude co presidente da Comunidade de Montes de Cabral descalificando como “iluminados” os veciños e veciñas que "fixeron patente que existe unha sospeitosa prisa” por aprobar a aceptación veciñal a un proxecto delirante". A coalición manterá xuntanzas con colectivos da cidade para ir conformando unha plataforma cidadá contra este proxecto. Rubén Pérez, coordinador local de EU en Vigo,  afirma que "aqueles que venden que estamos contra o progreso empregan os mesmos argumentos que no seu día El Pocero en Seseña ou os promotores do Palma Arena verquían contra a cidadanía informada que ve máis aló de estudadas operacións propagandísticas en prensa".

Lembran que os montes comunais "non pertencen soamente a unha xeración, chegaron a nós grazas ós esforzos de nosos devanceiros e é o noso deber coidalos e transmitilos no mellor estado posible ás xeracións que virán"

A Ría non se Vende denuncia que, de levarse adiante Porto Cabral, "eliminaría masa forestal necesaria como pulmón para a atmosfera dunha cidade xa bastante polucionada, afectaría ao patrimonio arqueolóxico, social e cultural, aos recursos económicos asociados ó monte, á paisaxe e á propia memoria vital dos veciños e veciñas da zona". E lembran que os montes comunais "teñen unha función ecolóxica e socio-económica derivada dos seus recursos e non pertencen soamente a unha xeración, chegaron a nós grazas ós esforzos de nosos devanceiros e é o noso deber coidalos e transmitilos no mellor estado posible ás xeracións que virán". Estes colectivos conclúen que "todos os habitantes da comarca somos beneficiarios do monte de Liñairiños. Ademáis o sendeiro panorámico de Vigo cruza os terreos, entre outros roteiros do Cinturón verde da cidade".

Activistas de Equo visitando a zona Dominio Público Equo Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.