Cada día denúncianse 15 casos de violencia de xénero en Galicia

Marcha contra a violencia de xénero, organizada por estudantado de Educación Social © Compostela en Negro

Os medios de comunicación fanse eco habitualmente dos asasinatos machistas, os casos máis graves de violencia de xénero. As súas cifras (máis de 50 cada ano en España, 7 en Galicia en 2015) falan por si soas da gravidade deste problema e da urxente necesidade de porlle freo. Porén, por debaixo destas situacións extremas hai unha realidade máis ampla, igualmente grave e que afecta a milleiros de mulleres en Galicia. Cada día se presentan ao redor de 15 denuncias por violencia machista na nosa comunidade, un total de 5.210 ao longo de todo o pasado ano. O vindeiro 25 de novembro celébrase o Día pola eliminación da violencia contra as mulleres, no que de novo se volverá poñer sobre a mesa esta situación e a demandar a adopción de medidas. De igual xeito, este luns pola tarde está convocada unha concentración en Vigo con este mesmo fin.

Das 5.210 denuncias presentadas en Galicia, a maior parte producíronse despois dun atestado policial (catro de cada cinco) e 763 chegaron acompañadas dun parte de lesións

A magnitude dos números certifica que non estamos a falar de problemas individuais ou de casos illados, senón dun problema social de primeira orde. As cifras oficiais achegadas polo CGPJ sitúan a Galicia como unha das comunidades autónomas con menos denuncias por violencia de xénero por habitante. No segundo trimestre deste ano 2016 (última estatística dispoñible) as 1.389 denuncias presentadas en Galicia significan un ratio de 9.15 por cada 10.000 mulleres, moi por debaixo da media española (14.18) e aínda máis lonxe das cifras de Murcia, Baleares ou Canarias (por riba de 20) ou a Comunidade Valenciana (ao redor de 18).

Desas 5.210 denuncias presentadas en Galicia, a maior parte producíronse despois dun atestado policial (catro de cada cinco), 763 chegaron acompañadas dun parte de lesións e outras 400 realizáronse antes de que houbese intervención policial ou se chegase a producir unha agresión física. Un 23% das denuncias dirixíronse contra o conxuxe da vítima, o 14% contra o ex-cónxuxe, o 30% contra un home co que mantiña unha relación afectiva no presente, e o 33% contra unha persoa coa que mativera unha relación afectiva no pasado.

Solicitáronse 1.564 ordes de protección, concedéndose finalmente 930 e sendo denegadas o resto, ao redor dun terzo

A pesar do mito que dende algúns ámbitos se quere fomentar de forma interesada, a porcentaxe de denuncias falsas é moi reducido (calcúlase que un 0,4% no conxunto de España) unha proporción menor que a que presentan as denuncias por outro tipo de delitos. Así mesmo, solicitáronse 1.564 ordes de protección, concedéndose finalmente 930 e sendo denegadas o resto, ao redor dun terzo.

En total, ao longo de 2015 investigáronse en Galicia 5.388 delitos agrupados baixo o epígrafe de violencia contra a muller; a maior parte (4.489) corresponderon ao delito de malos tratos

En total, ao longo de 2015 investigáronse en Galicia 5.388 delitos agrupados baixo o epígrafe de violencia contra a muller; a maior parte (4.489) corresponderon ao delito de malos tratos. Destacan tamén os delitos contra a liberdade (407), contra a liberdade sexual (25) e contra a integridade moral (120). Ademais, procesáronse 420 casos de faltas, a maior parte por vexación inxusta (199) e inxurias (167). Finalmente, 679 destes casos chegaron a xuízo en 2015, resultando 496 condenas e 183 absolucións. Entre as medidas e penas adoptadas para os agresores houbo algunhas de prisión (45), pero a máis habitual foi a de afastamento (952) e a de prohibición de comunicación (922).

Marcha contra a violencia de xénero, organizada por estudantado de Educación Social © Compostela en Negro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.