Cando a Xunta impide vivir como muller

Charlotte Goiar, nos xulgados CC-BY-NC-SA PSdeG

Charlotte Goiar é unha muller que padece a síndrome de Harry Benjamin, un transtorno do desenvolvemento sexual polo cal a persoa nace e medra cos xenitais do sexo oposto. Diagnosticada dende os sete anos de idade, esta viguesa recibe dende 1991 tratamento hormonal pero tamén psiquiátrico, toda vez que a súa doenza lle provocou unha síndrome ansioso-depresiva a causa da "falta de tratamento cirúrxico", explica. En maio de 2013 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza firme na súa demanda contra o Servizo Galego de Saúde, instando a sanidade pública galega a asumir a operación que precisa Charlotte. Un ano despois vén de acudir ao Valedor do Pobo para tentar que o mandato xudicial torne en realidade.

"Dende esa data -explica na súa queixa- permanezo á espera de que se me realice a cirurxía", demorada "sen explicacións convicentes". Esa demora levouna unha vez máis aos xulgados tras o ditame do TSXG en novembro do pasado ano, cando un xulgado vigués "requiriu ao Sergas para que no prazo dun mes dese cumprimento" á resolución. Pero "tampouco nesa ocasión se cumpiu o mandato dado polos tribunais. A tardanza e o propio proceso xudical "véñenme causando graves problemas emocionais ao impedirme realizar un proxecto de vida normalizada", salienta.

A Xustiza dálle a razón a Charlotte e obriga o Sergas a atendela

A situación complícase aínda máis polo feito de que "a cirurxía que preciso non se realiza en calquera centro da sanidade española", xa sexa pública ou privada. O Sergas, explica Charlotte, "indica como referencia" o hospital Carlos Haya de Málaga, centro hospitalario que, "a requerimento do xulgado", xa sinalou que "non ten experiencia" na técnica cirúrxica que precisa este caso. Tantos anos de tratamentos fan que sexa a propia afectada quen "coñece de xeito pormenorizado" os centros que realizan estes tratamentos. Por iso reclama "que me deriven ao Hospital Clìnic de Barcelona, posto no que neste centro coñecen o meu caso, para acelerar a avaliación e realizar a operación" cun doutor que é quen de realizala.

"Non é unha cirurxía estética nin un capricho"

"Toda esta información vén sendo desprezada polos poderes públicos, prolongando así a miña espera e a desesperación de non poder curar a patoloxía xenética que veño sufrindo toda a vida", relata. Por iso pídelle ao Valedor que "interceda ante a Xunta e poida operarme, curar a miña enfermidade e comezar a miña vida, que xa é hora". Dende maio de 2013 "estou agardando pola Xunta e dilatan o proceso, e creo que hai motivos ideolóxicos, padezo unha enfermidade moi grave, non é unha cirurxía estética, non é un capricho", subliña.

O PSdeG lamenta a actitude "hipócrita" da Xunta, na que ve "transfobia"

Na súa xuntanza co Valedor a cidadá estivo acompañada pola voceira do PSdeG en materia social, Carmen Gallego, e polo voceiro do grupo LGTB do partido, Fito Ferreiro. "A Xunta ten que acatar as sentenzas xudiciais que obrigan o Sergas a sufragan a operación, eu mesma lle pedín á conselleira que atenda esta persoa, di que si e despois non fai nada", censura, no que define como "actitude hipócrita e incomprensible, a non ser que falemos dunha ideoloxía rancia". "Estamos ante un tema de transfobia", abonda Ferreiro, nun contexto no que "o Goberno Feijóo fai fotos con colectivos de gais e lesbianas perso despois non actúa".

Charlotte Goiar, nos xulgados CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.