Os recortes que está a sufrir o ensino cébanse cos máis febles. Cébanse coa calidade educativa, cos docentes e especialmente co rural. E cébanse, e moito, cos máis necesitados. Tamén cos cativos con necesidades específicas, aqueles que por mor dun trastorno, sexa cal for, necesitan unha atención especial.
“Está claro que se se reduce persoal educativo, sexa cal sexa, especialistas en pedagoxía terapéutica, mestres ou calquera, as aulas estarán máis masificadas, o que impide o trato individualizado, teña o alumnado necesidade específica de atención educativa ou non; o alumnado con algún trastorno, dificultade ou necesidade, obviamente que o vai sufrir máis que o resto”, explican desde a asociación Anhida da Coruña, colectivo de nenos con trastorno por déficit de atención e/ou hiperactividade (TDAH). A súa reflexión é a de moitos colectivos, que ven un futuro “negro” cos axustes na educació .
"A realidade para estes nenos xa é moi precaria, pero a perspectiva é aínda peor; obviamente que sofren os recortes máis que o resto"
“A realidade xa é moi precaria, sen formación nin os recursos necesarios, pero a perspectiva é aínda peor”, sinala Esther Cuadrado, membro da Plataforma Galega pola Educación Inclusiva, así como da estatal, nai dun neno con síndrome do espectro autista e autora do coñecido blog La sonrisa de Arturo. Desde o seu colectivo, veñen de denunciar un caso no que a Consellería de Educación recortou profesores de atención directa a nenos con autismo nun centro da Coruña. É só un dos moitos casos que hai e que se agardan nos vindeiros meses.
Coñecedoras da realidade dun neno con necesidades especiais, as súas nais -e á vez loitadoras desde diversos colectivos pola concienciación sobre os trastornos dos cativos- explican como ninguén o que poden supoñer os intensos recortes que está a sufrir o ensino en Galicia. Menos profesores, aulas máis masificadas, menos unidades, falta de especialistas en pedagoxía terapéutica ou mestres de audición e linguaxe...
“Hai e haberá menos persoal de apoio, os docentes dispoñen de menos tempo para a atención específica e a masificación das aulas dificulta o trato que precisan os rapaces”, resume María José Muñiz, presidente de Asperga, Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome de Asperger, outro tipo de trastorno autístico, que enumera varios dos atrancos que os nenos con esta problemática poden sufrir por mor dos recortes. “Os cativos precisan unha metodoloxía diferente de ensino e máis tempo de dedicación; ademais, tamén necesitan unha persoa de referencia, un profesor de apoio que estea pendente deles cando se poñen nerviosos”, conta, logo de exemplificar nun caso moi concreto o que pode supoñer o aumento das ratios nas aulas. “A masificación das clases prexudícaos moito xa polo feito da súa sensibilidade auditiva; a máis ruído, máis problemas para eles, e cun profesorado que non lles vai poder dedicar todo o tempo necesario”, aclara.
Contar con apoio en audición e linguaxe no colexio exclúe do dereito a un logopeda pola Seguridade Social
Tamén é clara Iolanda Veloso, concelleira do BNG en Vigo e nai dun rapaz con trastorno do espectro autista. E engade algunha problemática máis, como a que atopou ela non hai moito. Ocorreu cando a foniatra do neno a avisou de que no caso de que tivese clases de audición e linguaxe no colexio “xa non tería dereito a un logopeda pola Seguridade Social, xa que a Administración entende que é duplicar apoios”. “A realidade é que na atención temperá, tan importante para o desenvolvemento posterior destes cativos, non hai unha intervención global, senón parches”, denuncia. “O pouco que se foi conseguindo recórtano agora; unha profesora nun grupo de 14 alumnos pode facer algo por un neno con autismo se conta con profesores de apoio; pero se aumenta o número de alumnos e non hai nin profesores de apoio?”, pregúntase, tras denunciar a “falta de acceso á formación especializada ou aos recursos de apoio” ante os axustes que está a sufrir a ensinanza.
E vai máis aló. “Os nenos que precisan unha atención específica quedan aparcados. O tempo que se perde nas idades máis temperás é irrecuperable porque é fundamental para o diagnóstico e para a intervención desde pequenos, onde se teñen resultados moi bos; non só non camiñamos cara a unha mellor atención temperá senón que estamos eliminando os recursos máis importantes”, asegura, tras contar outro caso particular que deixa ben ás claras até onde chegan os problemas.
"A propia consellería ten recomendado aos pais que non leven os fillos á escola se están de baixa as coidadoras"
“Ao non cubrirse as baixas de menos de quince días, a propia Consellería de Educacion ten recomendado aos pais que non manden o seu neno á clase cando están de baixa as coidadoras”, di, tras recoñecer que o futuro que se albisca para estes nenos con necesidades especiais “é preocupante”. “Estamos ante unha involución, ante un retroceso brutal”, recoñece.
Tampouco morde a lingua Esther Cuadrado, que denuncia o feito de que estes cativos sexan destinados a unha aula de educación especial desde os seus inicios escolares, negándoselles a estar “na mesma aula que os seus compañeiros”, e logo das últimas reformas lexislativas en forma de decreto. “Se non se lles garante un mínimo de profesorado nin de educación inclusiva, o que se fai é segregalos, separar o diferente ou o rapaz que se entende que pode ser un handicap para o resto do grupo”, asegura, que ve “indecente” tratar así uns cativos “aos que se está condenado a ter problemas no futuro”.
"Non é criterio economicista, senón segregacionista; entenden a educación destes rapaces como unha esmola ou rehabilitación"
Preguntada sobre se considera que estes recortes están baseados nun criterio economicista, Cuadrado é clara: “Hai un afán segregacionista máis que economicista, consiste en entender a educación destes nenos como unha esmola ou como rehabilitación”. Ademais, denuncia que na Consellería chegaron a dicirlle que o seu neno “tiña algo moi grave”. “Non é unha cuestión económica, é unha cuestión de pensar que uns colectivos teñen dereitos e outros só teñen dereito á miseria e á esmola”, engade.
“O ensino, tanto público como privado, ten a obriga de responder ás necesidades educativas do alumnado, teña trastornos ou non”, resume Anhida-Coruña. “Os nenos aprenden moito da diferenza, pero o que van aprender se ven que eles mesmos están desatendidos? Pois aprenderán que o que pode se salva e o resto, non”, resume Iolanda Veloso.
Todas elas chaman a atención sobre os problemas dos seus fillos e dunha morea de familias máis. Recoñecen as dificultades para facer visibles os seus problemas e para unirse a través de colectivos que, en moitas ocasións, son minoritarios e moi disgregados. Por iso, máis que nunca, piden o apoio de todos. Pais e nais, docentes, sindicatos e todos aqueles que apostan por unha educación pública, de calidade e inclusiva.