Cando unha execución hipotecaria se engade a unha situación de malos tratos

Concentración contra os desafiuzamentos na Coruña © Stop Desafiuzamentos

Patricia, unha muller da Baña con catro fillas menores ao seu cargo, enfróntase ao posible desaloxo da súa vivenda. Este podería ser un caso máis de desafiuzamento, duro de por si, pero a situación agrávase pola situación de malos tratos e agresións continuadas que a muller e as rapazas sufriron durante anos a cargo do seu marido. Este martes comezou na Coruña o xuízo contra o home, acusado de maltratar a súa dona e de violar repetidamente as nenas, unha delas filla biolóxica e as outras tres fillastras.

Bankia iniciou hai uns meses o proceso de desafiuamento contra Patricia, que conta cuns ingresos mensuais de 426 euros, coa circunstancia engadida de que o home, en prisión preventiva dende novembro de 2014, é cotitular da vivenda sobre a que pesa este procedemento de execución hipotecaria. "Sen a súa sinatura, Patricia non pode actuar sobre a súa hipoteca, nin acollerse ao código de boas prácticas nin solicitar unha dación en pago, os procedementos aos que recorren as persoas na súa situación. Se as circunstancias non mudan, o proceso levaraas a quedar sen vivenda e cunha débeda de por vida", explican os colectivos antidesafiuzamentos (Stop Desafiuzamentos Compostela, A Coruña e a Rede de Apoio Mutuo Ferrol Terra) que están a apoiar a Patricia no inicio do proceso contra o home acusado de malos tratos e violación.

Stop Desafiuzamentos denuncia "a violencia que rodeou a esta muller e as súas fillas máis alá do seu domicilio" por parte dos seus veciños, da administración e do seu banco

Stop Desafiuzamentos denuncia "a violencia que rodeou a esta muller e as súas fillas máis alá do seu domicilio: violencia dos seus veciños por mirar cara a outro lado, violencia institucional na ineficacia dos mecanismos de protección de mulleres vítimas do terrorismo machista, violencia dunha entidade bancaria que demostrou que carece absolutamente de empatía e despreza sistematicamente a súa clientela". E realizan un chamamento "á sociedade civil, a esa parte que non quere ser partícipe ni cómplice" a que "se mobilice, que se sume, que faga oír a súa voz e que nos acompañe durante os días do xuízo para que elas saiban que non están soas".

 

Concentración contra os desafiuzamentos na Coruña © Stop Desafiuzamentos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.