Cañete cambiará a lei para sancionar o 'bunkering' en Gibraltar. E en Ferrol?

Barco subministrando combustible CC-BY-SA M Häggström

O ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, anunciou este xoves que levará ao Consello de Ministros unha proposta para mudar a lexislación que afecta ás gasolineiras flotantes permanentes (bunkering) en Gibraltar, para poder sancionar esta práctica. A lexislación vixente esixe a existencia de "dano ambiental" e non só dun "risco potencial", coma o que segundo denuncia o ministro se está producindo no Estreito. Segundo Cañete, nos portos da Península as gasolineras flotantes con tanques de gran tonelaxe de carácter permanente só se empregan en Gibraltar e esta práctica implica un elevado "risco" de vertido ao mar.

O pasado 10 de agosto entrou en vigor a autorización coa que a Autoridade Portuaria de Ferrol permite a práctica do bunkering, barcos que lles serven combustible a outras embarcacións sen tocar terra. Sertosa Norte SL foi a primeira empresa á que se lle concedeu un permiso; a segunda foi concedida a Cepsa e no futuro poderíaselles sumar Aegean Limited, que xa pediu a autorización. A Autoridade Portuaria destacou o "positivo efecto" que este servizo podería ter para a economía da comarca e mesmo para o medio ambiente, pola "presenza dun novo buque anticontaminación punteiro a nivel mundial para servizo da costa noroeste española e con base no porto de Ferrol". 

A alarma foi tal que as dúas autorizacións concedidas foron bloqueadas de forma provisional hai uns días, como se viu obrigado a recoñecer o propio alcalde de Ferrol, José Manuel Rey

Con todo, de inmediato o bunkering espertou as críticas das forzas políticas da oposición e o PSdeG mesmo presentou varias iniciativas parlamentarias neste senso, e outras de carácter xudicial. Tamén xerou alarma entre os mariscadores da ría e en grupos ecoloxistas. A alarma foi tal que as dúas autorizacións concedidas foron bloqueadas de forma provisional hai uns días, como se viu obrigado a recoñecer o propio alcalde de Ferrol, José Manuel Rey. Para o alcalde de Ares, Julio Iglesias, o bloqueo "obedece á situación de oposición total" xerada entre os mariscadores e moitos concellos de todo o Golfo Ártabro.

ADEGA, Verdegaia e a SGHN xa alertaron sobre o dano que esta actividade podería producir na ría de Ares

Segundo o Goberno, os casos de Ferrol e Gibraltar son distintos, porque na ría de Ferrol unha gabarra encargaríase de transportar o combustible en viaxes de ida e volta á dársena, mentres que na Baía de Algeciras os barcos-gasolineira están permanentemente no mar. ADEGA, Verdegaia e a SGHN xa amosaron a súa sorpresa ante a "incongruencia" do Ministerio, e alertaron sobre o dano que esta actividade podería producir na ría de Ares, libre de contaminación polo momento e que aínda que incomprensiblemente non ten ningunha figura de protección medioambiental mantén certos valores naturais, e existe nela unha gran actividade marisqueira".

A modificación lexislativa ad hoc anunciada este xoves por Arias Cañete debería facer máis difícil o desenvolvemento do bunkering en toda España, tamén na ría de Ferrol, pero é esperable que a súa redacción se esforce en centrar a súa acción en Gibraltar, o seu obxectivo.

Barco subministrando combustible CC-BY-SA M Häggström
Comparecencia de Arias Cañete © Congreso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.