Cara a onde van os tiros?

© tripandoterrons.prazapublica.com

A principios do mes de marzo rematou o período de información pública dun novo proxecto de lei de caza que introduce numerosas rebaixas na regulación actual. A actividade cinexética pode representar un recurso sostible de interese para o medio rural, mais o xiro que o goberno quere darlle con esta nova regulación encamiña á sociedade a un conflito constante. Por este motivo é preciso revisar quen está a disparar e a onde. Unha análise de Xabier Bruña en Tripando terróns, o blog de Praza sobre o mundo rural

A actividade cinexética pode representar un recurso sostible de interese para o medio rural, mais o xiro que o goberno quere darlle con esta nova regulación encamiña á sociedade a un conflito constante

Hoxe en día, a actividade cinexética ten que resolver algúns conflitos importantes que enfrontan a distintos grupos da sociedade (persoas cazadores, labregas, gandeiras, condutoras, usuarias do territorio). Entre eles, temos que salientar os danos das especies cinexéticas nos cultivos (estimándose en 25 millóns de euros a cantidade de perdas anuais producidas aos gandeiros galegos) e na rede viaria (con máis de 2.500 accidentes de tráfico en todo o país).

A redacción do novo anteproxecto de lei comezou con polémica, ao externalizarse os servizos da súa redacción á empresa Manzano, Lamela, Vinagre y Asociados, S.L. por 48.300 €; e presenta defectos na forma e no fondo. En canto á forma indicar que a tramitación fíxose só co peso dunha parte dos grupos de interese -e en concreto cunha parte das persoas cazadoras- esquecendo a administración que a caza é un recurso máis do medio rural que comparte o mesmo territorio que outras actividades, polo que é preciso compatibilizar o seu desenvolvemento con outros que se poidan dar no mesmo tempo e lugar.

En canto ao contido, a maioría dos artigos do novo anteproxecto son similares á actual lei de caza de 1997 e non existe unha clara xustificación da necesidade dunha nova lei, tendo en conta que esta foi modificada parcialmente no ano 2006.

Un dos elementos que máis repercusión social tivo o documento presentado é o feito de establecer a idade mínima para poder cazar en 14 anos. Desde logo, non é a única rebaixa introducida e indica o camiño que este goberno quere seguir na regulación cinexética

Un dos elementos que máis repercusión social tivo o documento presentado é o feito de establecer a idade mínima para poder cazar en 14 anos. Desde logo, non é a única rebaixa introducida e indica o camiño que este goberno quere seguir na regulación cinexética. Outras modificacións significativas corresponden a rebaixas das obrigas das persoas cazadoras (na seguridade propia e ante terceiras persoas, nas súas responsabilidades e no seu control), das sociedades que xestionan a actividade cinexética (na responsabilidades dos danos, na cesión dos dereitos cinexéticos, na sinalización, na obriga de ter vixilancia) e da administración (na súa intervención, no fomento, na sinalización, no seguimento e control da caza); aumentando pola contra de forma incomprensible a discrecionalidade nas medidas que poden poñerse en marcha a prol da caza (competicións fóra do período hábil, caza en zonas de seguridade e refuxios de fauna).

Existe unha usurpación dos dereitos de propiedade, xa que a cesión do aproveitamento establécese nun mínimo de dez anos; chegando a falar de prórrogas indefinidas da cesión do aproveitamento cinexético. Ademais a persoa propietaria ou titular que non queira ceder o aproveitamento cinexético, ten que soportar o custe de sinalización da súa propiedade.

Non hai referencia a unha prevención proactiva dos danos que as especies cinexéticas provocan nos cultivos e na rede viaria (accidentes)

Non hai referencia a unha prevención proactiva dos danos que as especies cinexéticas provocan nos cultivos e na rede viaria (accidentes). Hoxe en día esta é unha das principais facetas que ten que resolver a xestión cinexética, e na redacción actual desta nova proposta está limitada ao chamado fondo de corresponsabilidade (que estará dotado cos ingresos das taxas procedentes da actividade cinexética), que é a todas luces insuficiente para pagar os danos e solucionar o problema.

Non introduce aspectos novidosos na planificación e xestión cinexética e repite o mesmo esquema de ordenación para a actividade da caza que o existente na lei actual, a pesar de existir novos elementos transcendentes que obrigan a realizar unha xestión activa do territorio e da caza para dar solución aos principais problemas existentes citados con anterioridade.

Por último e como gota que colma o vaso, elimina a participación e o control da sociedade (como xa fixo con outros plans) na regulación da actividade cinexética, indo en contra das regulacións europeas, estatais e da trasparencia na xestión dos recursos naturais. Neste sentido a nova norma elimina do Comité Galego de Caza e dos Comités Provinciais de Caza aos grupos ecoloxistas, aos representantes das persoas propietarias, ás universidades e ás persosas investigadores (presentes na actual lei de caza); deixando tan só á administración e a representantes das persoas cazadoras.

O texto do anteproxecto presentado parece máis un encargo das persoas cazadoras, que un proxecto de lei impulsado por un goberno que mira pola interese de toda a sociedade

Esta nova proposta normativa supón un novo retroceso no desenvolvemento rural e unha oportunidade perdida para avanzar nunha xestión cinexética sostible que dea solución aos graves problemas que esta actividade presenta na actualidade.

En definitiva, o texto do anteproxecto presentado parece máis un encargo das persoas cazadoras, que un proxecto de lei impulsado por un goberno que mira pola interese de toda a sociedade. Neste sentido é preciso denunciar á rebaixa nas obrigas das persoas cazadoras e da administración en detrimento do resto da sociedade que é a gran prexudicada.

© tripandoterrons.prazapublica.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.