Cara a unha 'cooperativa integral galega' como alternativa ao sistema

Obradoiro de autoconstrución desenvolvido no barrio coruñés do Campanario por Hábitat Social Coop. Galega © Hábitat Social Coop. Galega

Un grupo de persoas vencelladas a distintos proxectos galegos, dende cooperativas de produción e consumo, sindicatos labregos, centros sociais, editoriais, medios de comunicación comunitaria, así como activistas polo decrecemento, convocan a unha asemblea aberta para analizar a posibilidade de crear unha cooperativa integral galega, co obxectivo de "autoorganizarse desde abaixo, cubrindo todos os ámbitos da vida e conformando unha alternativa á sociedade capitalista". A asemblea celebrarase en Compostela o vindeiro 25 de xullo, no Centro Social A Gentalha do Pichel (rúa Santa Clara), a partir das cinco e media da tarde.

A asemblea celebrarase en Compostela o vindeiro 25 de xullo, no Centro Social A Gentalha do Pichel (rúa Santa Clara), a partir das cinco e media da tarde

O obxetivo primeiro da xuntanza é promover o diálogo e o coñecemento mutuo entre a gran cantidade de iniciativas sociais que xurdiron nos últimos anos en Galicia e que teñen en común a vontade de autoxestión de todas os ámbitos da vida, dende a alimentación local e ecolóxica, iniciativas populares de ensino, centros sociais, cooperativas de consumo, redes de troco ou bancos de tempo ou hortas urbanas. Os convocantes desta asemblea afirman que "non será unha cita para tomar decisións, senón unha reunión para conversar, preguntar e compartir ideas entre os asistentes. Por iso, non haberá ningunha premisa nin orde do día, co obxectivo de lograr que a reunión sexa plenamente aberta e libre".

"Se na asemblea se deixa notar vontade real de apostar polo cooperativismo integral galego, será o momento de crear grupos de traballo que vaian preparando unha xuntanza posterior"

Afirman que "se na asemblea se deixa notar vontade real de apostar polo cooperativismo integral galego, será o momento de crear grupos de traballo que vaian preparando unha xuntanza posterior na que se constitúa realmente a cooperativa integral galega". Entre as persoas impulsoras están Carlos Taibo, Olalha Couso (Sindicato Labrego Galego), Antón Gómez-Reino (Hábitat Social Coop. Galega), Olga Romasanta (Centro Social Mádia Leva! de Lugo), Marcos Abalde (Estaleiro Editora), Manuel Casal Lodeiro (Véspera de Nada) ou Júlio Teixeiro (Escola Popular Galega).

Os convocantes cren que a saída da crise económica pasa "por construir unha nova forma de vida baseada na axuda mútua e no respecto á contorna. Comprobado que non se pode contar con que o Estado nin o Capital axuden nesta transformación social, o grupo promotor cre que chegou a hora de apostar porque sexa o pobo, directamente e dende abaixo, o que tome o destino pola súas mans". Para máis información os e as interesadas pode dirixirse a cooperativismogalego@gmail.com

Obradoiro de autoconstrución desenvolvido no barrio coruñés do Campanario por Hábitat Social Coop. Galega © Hábitat Social Coop. Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.