Carlos Callón abandona a presidencia d'A Mesa pola Normalización Lingüística, logo de doce anos como máximo dirixente e de "máis de media vida" como membro da súa Comisión Permanente. Nunha carta aberta no seu blogue, anuncia que, tras un "período de reflexión", decidiu non encabezará ningunha candidatura na asemblea nacional que o vindeiro 26 de abril elixirá na Coruña unha nova dirección para a entidade cultural con máis socios (uns 4.000) de Galicia. Agora, fai balance para Praza da década e pico que pasou na presidencia do colectivo máis activo en defensa da lingua propia.
Que o levou a esa reflexión e á decisión final de abandonar A Mesa?
Esa reflexión existe sempre cando vas asumir unha nova responsabilidade. Nesta ocasión, a reflexión conduciume a conclusións diferentes ás doutras ocasións. Por unha banda porque creo que é boa unha renovación para mellor, con xente que saiba seguir cos acertos que tivemos, pero que tamén saiba corrixir erros e superar limitacións. Porque temos moitas limitacións humanas e económicas malia ser a maior asociación cultural de Galicia. Xa a nivel persoal, levo a metade da vida na dirección da Mesa e doce anos como presidente e é un labor absorbente con dedicación completa, así que preferín asumir novos retos: regresar á miña dedicación como profesor, continuar co meu activismo lingüístico e afrontar outros traballaos no ámbito cultural ou da escrita que se irán sabendo.
"O peor do meu paso pola Mesa foi a etapa entre 2008 e 2010, cando chegaron os ataques máis agresivos contra a entidade e o galego"
Que foi o mellor e o peor do seu paso pola entidade?
O peor, sen dúbida, foi a etapa entre os anos 2008 e 2010, cando se producen os ataques máis agresivos contra a lingua galega e A Mesa, aquela onda na que navega Feijóo para entrar na presidencia da Xunta e os primeiros anos do seu mandato. Son os anos máis agresivos, tanto polas campañas mediáticas a nivel galego e estatal contra o galego e contra a Mesa, como polos intentos por criminizarnos. Houbo anos, e agora podo dicilo en alto, nos que A Mesa estivo en serio risco de desaparecer. Conseguimos que non desaparecese.
"A Mesa estivo a piques de desaparecer por aqueles fortes ataques que chegaron desde varias frontes, pero resistimos"
A piques de desaparecer por aqueles ataques?
Si, por aqueles ataques. Porque foron moi fortes e desde varias frontes. Ademais, xuntáronse coa crise económica e con outras moitas cousas. Pero non só logramos superar eses ataques, senón que logramos avanzar nalgúns sentidos: conseguir ser unha panca para a mobilización social, que tivo un salto cualitativo e cuantitativo moi importante, e seguir medrando. Resistir era un obxectivo e conseguímolo.
E resistiron moi ben...
Cando falo con outros movementos sociais europeos en defensa da lingua, continúan a sorprenderse coas fotografías das manifestacións en defensa do galego nestes últimos anos. E iso é moi descatable se reparamos en que son mobilizacións que non saen en moitos medios de referencia do país como a TVG, que leva tempo exercendo a censura contra A Mesa, algo que mesmo o comité de empresa da compañía denunciou.
"O Goberno de Feijóo foi o máis agresivo contra o galego, pero a maior perda de falantes de galego prodúcese con Fraga"
Foi o Goberno de Feijóo o peor para a lingua galega desde o franquismo?
O Goberno de Feijóo foi o máis agresivo, o máis descarnadamente agresivo, malia que nos últimos tempos intenta empregar unha dose maior de narcóticos. No entanto, os sucesivos gobernos de Fraga foron claves na perda de falantes do noso idioma. É certo que Fraga empregaba máis as carautas, os anestésicos... Pero a maior perda de falantes da nosa lingua prodúcese durante ese período. Feijóo, cando ve que o bipartito decide aplicar normas que Fraga aprobara, decide tombar con todo. Con este presidente, o que vemos é un proceso para que o galego non sexa lingua oficial, aínda que non de iure, si de facto.
E foi o decreto do plurilingüismo o ataque máis duro contra o galego?
Si, foi o máis duro. Se hai que escoller un, que é difícil, ese sería o fundamental porque non hai lingua que poida manterse viva nin revitalizarse se ten o ensino de costas. Lembremos que a día de hoxe non hai lingua ningunha no conxunto do Estado español que teña unha situación tan calamitosa como a nosa no ensino. Non lle pasa ao catalán, nin ao éuscaro nin tan sequera ao aranés. Se o ensino non funciona, isto non vai.
"O decreto do plurilingüismo é o ataque máis duro sufrido polo galego; non hai lingua que poida manterse nin revitalizarse co ensino de costas"
E todo iso sabendo que hai cargos do PP que entenden, comprenden e incluso apoian as reivindicacións d'A Mesa malia non facelo público...
Os datos da nosa afiliación son confidenciais, pero temos afiliados de todas as formacións políticas do Parlamento galego e mesmo dalgunhas que están fóra da Cámara, e tamén de militantes de base do PP. É certo que non son maioría, pero hainos. O problema co que me atopei moitas veces con militantes ou cargos do PP é a súa actitude cínica, a de saberen perfectamente cal é a situación do noso idioma, pero logo manter outro discurso público diferente.
"Temos socios n'A Mesa que son afiliados do PP e cargos populares que debían saír do armario e defender publicamente o galego como o fan en privado"
E por que cre que fan iso? Por que non defenden a súa lingua?
No caso da lingua pasa como noutras cuestións arredor do PP: a hipocrisía e o cinismo. É un discurso canalla porque saben perfectamente cal é a situación pola que pasa o idioma, pero actúan de maneira contraria. Por unha banda saben que o galego está mal, pero botan máis leña ao lume. Hai razóns ideolóxicas ou acomodación á liña dirixente do PP. Se hai quen defende a lingua galega no PP, o que ten que facer é saír do armario e dicir publicamente que a defende, como aconteceu noutros territorios como nas Balears, onde cargos populares consideraron intolerábeis os ataques ao catalán e perderon o seu cargo: Pero aquí, en Galicia, isto non acontece.
O galego está peor agora que cando vostede entrou como presidente n'A Mesa?
O galego está peor. Que en 1986 varias persoas se unisen para crear A Mesa, este escudo de protección do noso idioma, xa foi un elemento positivo, ao igual que ver como a capacidade mobilizadora pola lingua aumentou. Ademais, hai elementos contraditorios, como o feito de que haxa xente que fala español e se adhire á causa da lingua incluso mobilizándose, algo que non existía cando cheguei á presidencia. Non obstante, o elemento fundamental polo que temos que avaliar a situación dunha lingua é o número de falantes e o galego perdía falantes daquela e continúaos a perder a día de hoxe.
"O galego está peor que cando eu cheguei á presidencia d'A Mesa; hai moita demanda de galego e máis mobilización, pero falta resposta dos poderes públicos"
Está a sociedade galega realmente concienciada na defensa da súa lingua?
Penso que existe moitísima máis demanda de galego que oferta de galego, e moitísima máis xente solicitando poder vivir en galego que resposta por parte dos poderes públicos para garantilo. O que falta é que a Administración dea soporte a estas demandas. Non hai dúbida de que a maioría da sociedade defende o galego, pero o problema é despois no día a día o que ocorre. Continúan as discriminacións por usar o galego e segue a haber empresas que vetan o uso da nosa lingua no traballo. E estamos en 2014! Falta o soporte dos poderes públicos para garantir os dereitos dos galegofalantes.
O galego estaría en peor situación se A Mesa non existise?
Non teño dúbidas de que se A Mesa non existise teriamos que inventala. Calquera persoa pode imaxinar cal sería a situación da nosa lingua se non houbese A Mesa. Habería moito máis retrocesos e máis descarnados se non nos mobilizásemos. Por iso eu deixo a presidencia, pero continúo como activista de base e animo a todo o mundo a que apoie a entidade.