Carlos e Serafín, Ana e Tamara: os galegos que aínda agardan polo indulto

Manifestación a prol do indulto para Tamara e Ana CC-BY-SA FB-Indulto para Ana y Tamara

Foi o propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen o pasado martes anunciou ante os xornalistas que o Consello de Ministros concederá este venres o indulto a Josefa Hernández, muller canaria en prisión por non derrubar a súa casa, situada nunha paraxe protexida. Non correron a mesma sorte outros cidadáns que agardan tamén indultos prometidos e sobre os que o silencio é xa prolongado. É o caso de catro galegos, condenados pola súa participación en folgas: Carlos e Serafín e Ana e Tamara, ademais de Carlos Cano e Carmen Bajo, andaluces condenados tamén por participar nun piquete. Todos eles levan máis dun ano esperando noticias sobre os seus indultos.

Carlos e Serafín e Ana e Tamara levan máis dun ano esperando polo indulto solicitado

Serafín Rodríguez e Carlos Rivas levan un ano e oito meses á espera do segundo indulto que solicitaron. Unha xuíza de Vigo condenounos en 2011 a tres anos de cadea por un delito contra os dereitos dos traballadores por paralizar varios camións e lanzar obxectos. Os dous traballadores -que non contan con antecedentes de ningún tipo- pediron un primeiro indulto, que lles foi denegado, e solicitaron outro despois, que levan esperando case dous anos.

Segundo fontes sindicais consultadas por este diario, nin a familia nin o avogado recibiron aínda noticias sobre o indulto, polo que CIG, CCOO e UGT reuniranse a semana que vén para determinar que medidas de presión tomar nas vindeiras semanas. En principio, manteranse as mobilizacións a favor de Carlos e Serafín o segundo xoves de cada mes para reclamar unha medida de graza que non dá chegado. 

A súa entrada en prisión está paralizada pero a espera é esgotadora. "O avogado cre que virá denegado, despois de tanto tempo esperando... Eu xa non vexo nin as noticias", di Sonia Méndez, esposa de Serafín. Os dous traballadores contan co apoio en forma de cartas escritas e firmas de compañeiros e ex compañeros de traballo, mesmo dos dous camioneiros cuxos vehículos foron danados durante a folga, que apoian o seu indulto. Nesas cartas, os camioneiros aseguran que a intención dos dous traballadores non foi impedir o exercicio da súa actividade laboral. Ademais, varias mobilizacións levan meses reclamando en Galicia un indulto que tamén solicitaron máis de vinte sindicais de todo o mundo a través dunha carta na que instaron o Goberno central, o CXPX e o Fiscal Xeral a que retire os cargos contra as persoas condenadas por participar en piquetes.

Carlos e Serafín agardan polo indulto logo de que a súa primeira petición fose denegada

Tamén os que hai contra Ana e Tamara, que pediron o seu indulto hai máis dun ano. Condenadas a tres anos de cárcere por lanzar pintura nunha piscina durante unha mobilización laboral no seu traballo, decidiron finalmente descartar o indulto. Pola contra, as dúas traballadoras presentaron un recurso nos xulgados de Pontevedra para que revisen a súa condena conforme ao vixente Código Penal. A nova norma, que entrou en vigor o 1 de xullo, rebaixa as penas por coaccións á folga e evitaría que entren no cárcere.

"Preferimos isto a que nos concedan unha medida de graza porque non sentimos culpables de nada. Quedo mellor sabendo que logramos reformar a lei. Polo menos desde o 1 de xullo respiramos porque sabemos que non entraremos no cárcere", explica Ana.

Ana e Tamara decidiron recorrer: "preferimos isto a que nos concedan unha medida de graza porque non nos sentimos culpables de nada"

Hai case un ano, o PP e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciara que a concesión do indulto para as dúas rapazas estaba encamiñada e a finais de 2014 insistiu en que "as perspectivas eran positivas". Pero as datas que se deran non se cumpren. Agora, o recurso das dúas mulleres será analizado pola Fiscalía e pasará ao xuíz. Tamara e Ana esperan recibir a notificación en setembro. O que non recuperarán é a multa de 3.250 euros que cada unha delas tivo que pagar xa

A defensa de Carlos e Serafín tamén ten o recurso preparado para que se revisen as súas penas. Con todo, de momento, esperan a que se lles comunique se o indulto é concedido ou denegado. No caso de Carlos Cano e Carmen Bajo, condenados a tres anos por atentado contra os dereitos dos traballadores en Granada, o seu indulto leva tamén esperando máis dun ano.

Xustiza prometera estudar os indultos

En xullo de 2014, e tras varias reunións dos líderes sindicais Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez cos organismos xudiciais, o daquela ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, comprometérase a estudar o indulto para estas seis persoas. O titular de Xustiza subliñou que o dereito de graza esixía un estudo individual e a política de indultos non pode contemplarse con carácter xeral "porque non o permite a Constitución".

Meses máis tarde, a finais de 2014, o novo ministro, Rafael Catalá, admitiu que se estaban producindo penas "desproporcionadas" neste tipo de casos e anunciou que se revisaría o Código Penal. Durante todos estes meses, iso si, Xustiza non moveu ficha sobre os indultos aos condenados.

 

Os casos galegos: distintos pero semellantes

O caso de Carlos e Serafín vén de hai xa varios anos. Os principais sindicatos do país, CIG, CCOO e UGT, convocaran en 2008 unha folga no sector de transporte de mercadorías da provincia de Pontevedra durante a negociación do convenio do sector. No marco desa folga, múltiples traballadores actuaron como piquetes informativos e algúns deles foron identificados pola Policía Nacional e posteriormente denunciados pola mesma. Esas denuncias policiais derivaron en varios xuízos dos que practicamente todos remataron en absolución. Pero un xulgado de Vigo considerou que dous deses traballadores, Serafín Rodríguez, da CIG, e Carlos Rivas, de UGT, eran culpables dun delito contra os dereitos de traballadores e aplicoulles a condena máxima: 3 anos de prisión.

Un xulgado de Vigo aplicou a máxima pena a Carlos e Serafín tras participar nun piquete e ser denunciados pola policía

En canto a Ana e Tamara, os feitos remóntanse ao ano 2010, cando no complexo deportivo Rías do Sur de Pontemuíños (Pontevedra) un grupo de empregados das instalacións deportivas protestaron e lanzaron pintura á piscina, manchando o traxe do xerente e berrando "esquirois". Nin Ana nin Tamara, que negan ter lanzado pintura ningunha, nin ningunha outra persoa foi identificada como autora material deste acto, pero si foron recoñecidas como integrantes do piquete informativo, xa que unha delas traballara naquela instalación.

Ana e Tamara recoñeceron formar parte do piquete pero non ter lanzado a pintura, algo que ningunha testemuña dixo ver

Ana e Tamara, tal e como se aclara no escrito que reclama o seu indulto, sempre recoñeceron que formaban parte do piquete, pero negan que fixesen algo máis. Estaban entre outras 50 ou 60 persoas e a propia acusación deixou claro que ninguén viu que elas tiraran pintura á piscina. De feito, os propios traballadores que aquel día permanecían na instalacións seguiron  no seu posto de traballo e aseguran que non se sentiron coaccionados.

Tamara e Ana © Change.org
Cartel de apoio a Carlos e Serafín CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.