Carnota valora recuperar a xestión total do Pindo ante o desleixo da Xunta

O Monte Pindo, despois do incendio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

O pasado martes, a asociación Monte Pindo Parque Natural anunciaba que a Xunta ordenara paralizar o proxecto civil xurdido en Carnota para "devolver a vida" ao bosque arrasado polo lume no verán. A iniciativa, apoiada tamén polo Concello e a comunidade de montes de Caldebarcos, tivo que ser suspendido inmediatamente baixo as ameazas de sanción por parte da xefa do Distrito Forestal.

O proxecto SOS Monte Pindo fora creado para "devolver a vida ao monte asasinado pola cobiza humana e o desleixo e a traizón dos representantes políticos elixidos para defendelo" e naceu despois de que, malia as advertencias, as cinzas e os lodos danasen varias áreas da zona ante a ausencia de traballos que evitasen as escorrentías. Logo das 2.500 hectáreas queimadas hai uns meses, nas dúas fins de semana que durou a iniciativa participaron 55 voluntarios, plantáronse 2.500 castiñeiros e máis de mil carballos e tratáronse case 6 hectáreas con gramíneas de crecemento rápido para agarrar a terra e evitar riadas.

As inscricións de voluntariado disparáronse tras o anuncio de paralización do proxecto por parte da Xunta

Tras a paralización forzosa, e malia a suspensión dos traballos, as inscricións no voluntariado disparáronse nos dous últimos días. Pero nada se poderá facer ata que a Xunta ceda e negocie con SOS Monte Pindo os permisos necesarios para seguir os traballos. Será o Concello quen xogue un papel fundamental aquí, malia o desinterese que o Goberno galego ten amosado, tal e como denuncia o alcalde, Ramón Noceda. "Nin tan sequera me avisaron de que había que paralizar o proxecto", conta o rexedor, que insiste na intención de "obter todos os permisos necesarios" para continuar co voluntariado, pero que advirte tamén de que, malia que existe un convenio co Executivo galego para xestionar o Monte Pindo, a titularidade é do Concello e da comunidade de montes.

O Concello ameaza con reverter o monte, que é xestionado pola Xunta pero que é propiedade do municipio e da comunidade de montes

"É monte patrimonial; a Xunta é administradora del, pero non é dona do espazo. Nós podemos reverter o monte para nós e se cadra é o que facemos porque coa falta de diálogo que amosa o administrador é difícil acadar solucións", asegura Ramón Noceda, do BNG, que cre que o Goberno galego "nin fai nin deixa facer" nun espazo sobre o que leva anos reclamando medidas de prevención e coidado. Ademais, censura que o Executivo ordene paralizar o proxecto de voluntariado creado en Carnota mentres mantén un propio que supón un gasto público. "Moléstalles que haxa un voluntariado libre no monte porque eles xa teñen o seu", explica.

"Manteño un gran respecto polo labor que desenvolven, pero a Xunta está gastando unha media de 100 euros diarios en cada un deles pola comida e a hospedaxe, mentres na comarca hai unha morea de parados que poderían facer ese traballo por eses cartos ou menos", engade o rexedor, que xa reclamara ao Executivo que contratase desempregados da zona para levar a cabo os traballos de recuperación do Pindo. A ausencia de iniciativa levou finalmente o Concello a apoiar o proxecto de voluntariado activado ante o "desleixo" da Administración autonómica e logo de criticar as "accións cosméticas e de cara ás cámaras" que desenvolvía a iniciativa do Goberno, tal como a cuberta de palla que tan só tapou unha mínima parte do monte.

O alcalde denuncia que mentres a Xunta acaba cun "voluntariado libre" mantén outro propio que supón un gasto público en lugar de dar traballo aos parados da zona

"O ideal sería non ter voluntariado ningún, senón contratar xente para facer os labores e dar traballo na zona; non se fixo e agora moléstalles que un proxecto actúe gratis e desinteresadamente sobre a zona", asegura Noceda, que manterá unha entrevista a vindeira semana coa delegación de Medio Rural na zona para artellar solucións. Non irá moi confiado e insiste na "discriminación política" que tamén denunciou a asociación Monte Pindo Parque Natural.

"Se aquí gobernase outro partido, a Xunta colaboraría e non pasaría o que está a pasar", denuncia Noceda

"Se aquí gobernase outro partido, a Xunta colaboraría e non pasaría o que está pasando", engade o alcalde, que lembra que Núñez Feijóo o acusou de "estar durmindo" cando comezou o grave incendio do verán no Pindo. "Todo o mundo sabe que estiven sempre ao carón dos veciños, pero o presidente empregou o Parlamento para dicir parvadas e para intentar acabar cun alcalde que non sei por que lles molesta tanto", remata.

Ramón Noceda, alcalde de Carnota CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.