Carral e Ferrol non queren que se esqueza a infamia

Monumento ás vitimas do franquismo Dominio Público Praza Pública

Carral e Ferrol celebran estes días senllos actos de homenaxe e recordo ás persoas represaliadas e asasinadas durante a sublevación militar e a ditadura. A Asociación Cultura Aberta de Carral organiza por oitavo ano consecutivo as Xornadas da Memoria Histórica centradas na represión na Comarca da Coruña. As sesións terán lugar este xoves e venres na Casa do Concello. Este xoves presentarase o libro A represión franquista na comarca da Coruña. Vidas na memoria, coa intervención do profesor Emilio Grandio e do investigador Xurxo Pantaleón, membros do Proxecto Nomes e Voces, e de Francisco Pillado, de Edicións Laiovento. O venres proxectarase o documental Memorias Rotas e haberá unha charla coloquio sobre a figura do Comandante Moreno e a Fuxida do Portiño,coa participación do historiador Eliseo Fernández e de Manane Rodríguez, directora do filme. Para rematar as xornadas, actuarán Mini e Mero.

A obra A represión franquista na comarca da Coruña, coordinada por Grandío, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, é un completo relatorio, con información biográfica, fotográfica e documental, de máis de 600 persoas que sufriron a persecución e a morte por parte dos grupos franquistas entre 1936 e 1939 na cidade. Porén, o libro vai máis aló desa simple sucesión de datos e nomes, como indica Grandío: "queríamos facer unha proposta nova non só sobre a represión na comarca, senón tamén plantexar novos enfoques xerais sobre as características da represión franquista". O libro afonda, principalmente, "en quen -que tipo de persoas, que estratos sociais- son consideradas inimigos do novo réxime, e por que, por que unhas persoas son consideradas branco e outras non, por que se considera que unhas persoas poden asimilarse no sistema da ditadura e outras non. E procuramos fuxir de tópicos e de análise en branco e negro".

"Os grupos que se alzan contra a República no Golpe de Estado de 1936 van "contra todo aquilo que fose liberdade individual e capacidade de organización da sociedade civil e aí entran moitos sectores"

O historiador indica que "non hai patróns matemáticos na represión, porque hai moitos factores persoais ou ideolóxicos, que rachan as lóxicas da represión en moitos momentos", pero en xeral os grupos que se alzan contra a República no Golpe de Estado de 1936 van "contra todo aquilo que fose liberdade individual e capacidade de organización da sociedade civil e aí entran moitos sectores, non só esquerdistas, anarquistas ou sindicalistas, que evidentemente son moi numerosos, senón sectores burgueses que entendían que a modernización que trouxo a República era moi necesaria, militares (hai un 10% de soldados entre as vítimas na Coruña entre 1936 e 1939), mestres e mesmo pequenos empresarios ou autónomos", salienta Grandío.

"Hai un proceso de cambio político, económico e social en todos os sectores sociais na República, un proceso modernizador que atinxe tamén á dereita"

No libro contextualízase tamén o marco desa represión: "hai un proceso de cambio político, económico e social en todos os sectores sociais na República, un proceso modernizador que atinxe tamén á dereita. Nese contexto, inserido na situación política internacional prodúcese unha fractura da sociedade, que non nace coa vitoria da Fronte Popular, senón que xa existía, como revelaron os dous intentos de Golpe de Estado previos aos 36".

 

Homenaxe a unha loitadora

As dúas asociacións entenden o acto coma "unha homenaxe a todas as mulleres de Ferrolterra represaliadas pola ditadura franquista"

As Asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán organizan este domingo unha homenaxe a Amada García e as demais vítimas da ditadura. A homenaxe terá lugar ás 12 do mediodía no Castelo de San Felipe, lugar onde esta muller foi fusilada fai agora 75 anos. As dúas asociacións entenden o acto coma "unha homenaxe a todas as mulleres de Ferrolterra represaliadas pola ditadura franquista".

Amada García era veciña de Mugardos. Aínda que está moi estendida a idea de que foi fusilada por bordar unha bandeira do PCE, o certo é que o odio que espertaba nos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa e que levou á súa execución ten que ver co seu activismo político exercido durante anos e pola súa resistencia nos primeiros días do golpe de Estado. Os militares sublevados deteñen e xulgan un elevado número de veciños e veciños do concello e entre eles a Amada García. Cando se dita a sentenza de morte contra ela, Amada García estaba embarazada, polo que se atrasou a execución a espera de que dera a luz o seu fillo. Tres meses despois do parto foi fusilada xunto con Ángel Roldós Gelpi, un profesor do colexio público O Pitieiro, e outros seis compañeiros.

O seu proceso está cheo de irregularidades e advírtese o afán vengativo e de despeito de certas persoas

A véspera de ser fusilada, Amada García deixou escrita unha carta onde explicaba detalladamente as circunstancias da súa desgraza e a identidade das persoas que lle acusaron. O seu proceso está cheo de irregularidades e advírtese o afán vengativo e de despeito de certas persoas. Un dos acusadores visitou a Amada García e quixo retirar as súas acusacións explicando as circunstancias polas que as fixo, pero foi ameazado. E dous veciños de Mugardos que eran analfabetos protestaron ao decatarse que se lles fixo asinar unha declaración que non recollía o que depuxera no interrogatorio. A pesar de declarar que o contido do escrito non era o que se lles leu, non se tivo en conta. En dous días xulgáronse a 45 persoas de Ares e Mugardos e ditáronse 37 penas de morte.

Monumento ás vitimas do franquismo Dominio Público Praza Pública
Homenaxe a Amada Garcia realizado o pasado ano Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.