Carta a Turquillas

As Turquillas © Efrén Legaspi

Hai uns días xornaleiros do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT) tentaron ocupar de novo o predio de Las Turquillas, propiedade do Ministerio de Defensa. Fixeran un chamamento para que se achegase quen quixese axudar. E alá foi un galego, Efrén Legaspi, que o conta para Praza.

O outro día collín o autobús e fun a Osuna. Dende alí camiñei e fixen autostop até a entrada da finca de Las Turquillas. Quedei sen batería no móbil antes de chegar, así que as únicas fotos que vos podo amosar son dos campos  vistos dende a estrada que rodea a propiedade. Aínda que vivín durante anos en Andalucía, nunca tiña estado naquela zona mais que de pasada.

Nas Turquillas o exercito mantén oitenta eguas e unhas ducias de burros para criar mulas. A finca ocupa unha extensión de mil duascentas hectáreas. Nos concellos da comarca teñen un corenta por cento de paro. Non conseguín ver as bestas dende preto, pero de seguro que son fermosas. A xente coa que estiven alí por un par de días é xente traballadora. Isto non é unha valoración miña. Un corpo criado no latifundio dos anos sesenta é evidencia do que digo. A pel, a fibra pura, a estatura, as pernas, os pes, as dúas mans.... o ergonómico que chega a ser o lombo para adaptase á tarefa.

No lume de oliveira a xente fala. Fala do traballo no hospital comarcal, do coidado de anciás, de cando había traballo na construción en Málaga. Falan sobre que facer en España se acabas de rematar a carreira de mestra, sobre a recollida da oliva e do espárrago, da campaña na Francia, de como a máquina vai acabando cos xornais... Comparamos os prezos da auga da traída nos diferentes pobos dos que viña a xente. No lume de oliveira a xente escoita. Cando non queda outra, tense que trucar o contador.

Tampouco imos falar aquí de por que existe o PER, se funcionou ou non funcionou, nin por que a reforma agraria rematou por ser outra gran promesa incumprida

Pola maña cedo recóllense caracois. Este ano choveu moito, así que o cereal está moi verde e medrado. A choiva veu no seu tempo, así que foi boa para o agro. Tamén encheu as lagoas e chegaron os flamencos. Cando empezan a voar en formación é imposible non seguilos coa mirada. Pero nas primeiras horas do día tamén chegan os mosquitos, e despois a calor.

Non nos imos complicar con datos sobre a propiedade da terra en Andalucía, a súa evolución, ou a ausencia da mesma ó longo do tempo. O traballo a xornal en grandes propiedades alleas segue a ser a base do sustento de moita xente. Tampouco nos imos complicar con cifras sobre as subvencións europeas que reciben os grandes propietarios, o coñecido como "subsidio dos ricos". O monto que manexaba a xente no campamento refiren un pouco mais de trescentos mil euros ó ano en carto europeo para unha terra que da de comer a oitenta eguas. Tampouco imos falar aquí de por que existe o PER, se funcionou ou non funcionou, nin por que a reforma agraria rematou por ser outra gran promesa incumprida. Non cometín a imprudencia de comprobar o dato para matar a verdade, pero o que alí me dixeron é que as Turquillas levaban no mesmo sitio dende o tempo de Napoleón.

O pasado día primeiro de maio entraron de novo, pero tiveron que marchar nesa mesma noite. Acamparon na porta e fixeron un chamamento a calquera que quixese apoiar a súa decisión de volver entrar. E ala fun

O Sindicato Andaluz de Traballadores –antes de Obreros del Campo- xa ocupara as Turquillas hai uns meses. Conseguiron ficar 18 días. O pasado día primeiro de maio entraron de novo, pero tiveron que marchar nesa mesma noite. Acamparon na porta e fixeron un chamamento a calquera que quixese apoiar a súa decisión de volver entrar. E ala fun. Había moita xente do SAT, pero outra non. Ninguén me preguntou de onde viña. Ó escoitarme falar sábese que son galego, pero fai tempo que me sinto coma un andaluz estrañado.

O sábado intentouse entrar novamente na finca. Eramos un par de centos de persoas. Todos e todas demostraron que a ocupación non quería nin ía ser violenta. De feito só o feito de escribir aquí violenta é unha sorte de derrota; bórrena das súas pantallas. Formamos en ringleira e comezamos a camiñar ate o interior da finca. Un cordón de gardas impedía avanzar, así que volvemos para a porta de entrada. Os corpos destes gardas tamén son corpos traballadores –e corpos traballados-, só que desta volta con ergonomías e tarefas ben diferentes.

O sábado intentouse entrar novamente na finca. Eramos un par de centos de persoas. Todos e todas demostraron que a ocupación non quería nin ía ser violenta

Camiñamos polo perímetro da propiedade mentres os gardas ían mudando o cordón até cubrir o novo punto de entrada. Despois de avanzar unha ducia de metros polo cereal de avea, volvemos parar diante do cordón. Un xogo xogo do gato e o rato. O ambiente era relaxado para todo o mundo, así que estou por dicir que os gardas tamén estaban a gozar da súa excursión campestre. Visto que a autoridade competente non admitía a proposta, volvemos tranquilamente para o campamento.

Cañamero e Gordillo colleron o tren esa tarde para chegar pola noite a Madrid e participar nun programa da televisión. Parte do xogo xógase alí. Nós vimos o debate en dous teléfonos con conexión a internet, unha ducia de oíntes por aparato. Cortábase constantemente, pero o que escoitei deixoume o corpo cheo de carraxe. Cañamero e Gordillo foron recibidos e tratados por algunha xente con maldade. Non atopo outra verba e así o penso. Pola nosa parte, despois de apagar a televisión pasamos unha noite de moitos risos. Leña de oliveira, guitarra flamenca e acontecidos e contos varios. Funme pola maña cedo, pero a xente segue alí, facendo quendas e esperando que os competentes muden de idea.

Onte lin na prensa que Cañamero visitara parlamentarios en Madrid para que axudasen a dar a coñecer o que se fai por aquí abaixo na procura de traballo e dignidade. Tal vez estea errado nisto, pero teño a impresión de que no caso de Cañamero a distancia que existe entre "o mundo do que fala" e "o mundo dende o que fala" é  bastante menor da que existe en moitos dos seus interlocutores.

Teño a impresión de que no caso de Cañamero a distancia que existe entre "o mundo do que fala" e "o mundo dende o que fala" é  bastante menor da que existe en moitos dos seus interlocutores

Non piden a propiedade da terra, só o dereito de traballala. Tampouco queren que marchen as bestas, queren compartir con elas o que lles sobre das mil duascentas hectáreas. Aquí e agora isto non e un acto simbólico, é unha urxencia. A verdade actualizase sempre nun momento en un lugar concreto. O que eu vin alí foi xente boa. Por cousas coma esta, a xente do SAT ten pendente penas que suman cincuenta anos de cadea e case medio millón de euros de multas. É porque era o único do campamento que neses días falaba galego que decidín escribir esta carta e deixala na Praza.

PD. Unha aperta forte para Carmelo e familia, que me levaron á súa casa para que me lavase.

As Turquillas © Efrén Legaspi
As Turquillas © Efrén Legaspi
As Turquillas © Efrén Legaspi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.