"A figura e o quefacer de Lola foron un motor fundamental para os activismos feministas e as loitas polos dereitos das mulleres na Galiza nas últimas décadas", destacan as promotoras da iniciativa
Hai ano e medio, o 11 de decembro de 2023, deixounos Lola Ferreiro Díaz con só 66 anos. O inesperado pasamento da psiquiatra, docente e activista feminista nacida en Ordes significou un forte impacto en moitos colectivos e movementos sociais e nas súas persoas integrantes. Profesora no IES Lamas de Abade, colaborou en numerosas iniciativas e proxectos na súa traxectoria vital e profesional e achegou a perspectiva feminista á práctica clínica e contribuíu á creación de materiais específicos para abordar a educación afectivo-sexual no ensino.
O seu legado e a súa vizosa actividade non morreron con ela. Dende o momento do seu falecemento, un grupo de mulleres e colectivos popuxéronse "recoller e preservar tanto a produción de Lola Ferreiro -nos ámbitos da memoria, da saúde, da educación, da sexualidade e da afectividade- como a súa traxectoria vital a través dos vínculos, dos coidados e dos grupos que acompañou".
Este venres pola tarde presentouse en Compostela o espazo web narepublicamalva.gal, unha plataforma dixital que compila e afonda no seu legado a través de múltiples formatos
Nacía así a iniciativa Saúde, pracer, república e terra malva, recoñecida co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña e impulsada polas entidades Feitoría Verde, Libraría Lila, Atalaias, Arabías e Illa Bufarda, agrupadas baixo o nome colectivo de UTE-pías Feministas.
Este venres pola tarde presentouse en Compostela o espazo web narepublicamalva.gal, unha plataforma dixital que compila e afonda no seu legado a través de múltiples formatos. “É como un caderno de bitácora que convida á exploración e á descoberta mediante colaxes, fotografías, audios, cartas…”, explicou Pilar Abades, da produtora Illa Bufarda. A web incorpora testemuñas de amigas, retallos da súa actividade, imaxes e propostas de continuidade.
O equipo de traballo comezou “a trazar a constelación das súas amizades, familia e compañeiras, atopando unha resposta moi xenerosa e comprometida, resultado da lealdade que Lola foi tecendo ao longo da súa vida"
"A figura e o quefacer de Lola foron un motor fundamental para os activismos feministas e as loitas polos dereitos das mulleres na Galiza nas últimas décadas", destacan as promotoras da iniciativa, subliñando que "Lola era polifacética: médica, educadora e activista. Centrou o seu labor en achegar a visión de xénero en cada un destes ámbitos". "Desenvolveu guías, escribiu artigos e investigacións, acompañou a persoas e a institucións, favoreceu a construción de estruturas públicas que sustentaron a necesidade de mellorar a atención sanitaria e educativa", engaden.
No proxecto levouse a cabo un intenso traballo de documentación sobre a súa produción intelectual e intervención pública. Beatriz López, da cooperativa Arabías, explica que o equipo de traballo comezou “a trazar a constelación das súas amizades, familia e compañeiras, atopando unha resposta moi xenerosa e comprometida, resultado da lealdade que Lola foi tecendo ao longo da súa vida”. Pola súa banda, a psicóloga Chus Díaz Anca, compañeira de Lola e estreita colaboradora na investigación, subliñou que o propio proxecto “é o vivo reflexo de que as ensinanzas de Lola non caeron en saco roto, senón que prenderon e están a xermolar”.
A psicóloga Chus Díaz Anca subliñou que o propio proxecto “é o vivo reflexo de que as ensinanzas de Lola non caeron en saco roto, senón que prenderon e están a xermolar”
“Lola móstrase sempre absolutamente lúcida e perspicaz”, salientou pola súa banda Raquel Veiga, da cooperativa Atalaias, quen tamén destacou vontade de continuidade do proxecto. “Lola é de todas, e gustaríanos que a recuperación do seu legado seguise medrando”, engadiu Patricia Porto, da Libraría feminista Lila. Neste sentido, a irmá de Lola, Estrella Ferreiro Díaz, tamén proxectou a ollada cara ao futuro e subliñou a importancia de ter presente todas aprendizaxes que Lola deixa “para seguir loitando pola defensa da igualdade porque é imprescindible non dar nin un paso atrás”.
O acto contou coa participación da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; da deputada provincial de Igualdade, Sol Agra Tuñas; e de Mariam Mariño Costales, integrante da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Todas elas coincidiron en destacar o "papel incuestionable" de Lola Ferreiro no feminismo galego e a súa capacidade para integrar esa militancia en todos os ámbitos da súa vida.
O acto rematou cun emotivo brinde, fiel ao espírito de Lola Ferreiro: “Saúde, pracer, república e terra malva”, frase empregada habitualmente por ela e que acabou por dar nome ao proxecto. E pechouse coa interpretación colectiva de “A voz das amigas”, de Leilía.
A república malva de Lola Ferreiro
“Lola é de todas, e gustaríanos que a recuperación do seu legado seguise medrando”, engadiu Patricia Porto, da Libraría feminista Lila
Dende hai uns meses Lola Ferreiro conta xa coa súa entrada no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, obra de Charo Lopes, un texto que percorre a súa biografía, que tamén se pode consultar na web que vén de presentarse. Dende 1975 estudou Medicina na USC e especializouse en Psiquiatría, un tempo no que se tamén foi unha das fundadoras da Asociación Galega da Muller (AGM).
Entre 1980 e 1995 foi investigadora e docente do programa de posgrao do departamento de Psiquiatría da USC. E en 1987 formou parte da rede de profesionais que crea a Asociación Galega de Planificación Familiar. En 1991 doutorouse en Medicina pola USC coa tese Saúde mental e delincuencia en adolescentes, unha das primeiras presentadas en galego nesa facultade. En 1996 obtivo a cátedra de Procesos Sanitarios no IES Lamas de Abade.
O acto rematou cun emotivo brinde, fiel ao espírito de Lola Ferreiro: “Saúde, pracer, república e terra malva”
Dende 1995 ata o seu pasamento foi coordinadora do Grupo T, un equipo de mulleres feministas do ámbito da psicoloxía e a práctica clínica. E dende 1996 coordinou tamén o grupo Lúa Crecente, dedicado ao estudo e deseño de programas de Educación para a Saúde desde a perspectiva de xénero. Ademais, entre 1995 e 2007 colaborou na Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas de Compostela tanto na formación das traballadoras como de apoio ás usuarias.
En 2019 integrou o equipo que redactou o Protocolo para a prevención e abordaxe das violencias machistas nos movementos sociais promovido e difundido dende o activismo feminista galego. E en 2022 participou na creación da Rede Galega de Educadoras Sexuais, Psicólogas e Sexólogas, que trala súa morte se renomea como “As Lolas”.