Unha ‘timba’ feminista para desvelar a historia negada

Raquel Veiga, Tania Merelas e Noelia Darriba, educadoras sociais e creadoras de 'Feminismos no tempo'. CC-BY-SA Cedida

Tres educadoras sociais galegas veñen de completar un proxecto en forma de xogo de mesa para deitar luz sobre esa historia silenciada de mulleres relevantes que merecen o seu lugar no coñecemento  colectivo

Que teñen en común a cervexa, o libro electrónico ou o limpaparabrisas? Son todos elementos que forman parte da vida diaria na actualidade e que foron ideados por unha muller, aínda que moi pouca xente coñeza os nomes da alemá Hildegarda De Binger, a galega Ángela Ruiz Robles ou a estadounidense Mary Anderson. Nos últimos meses tres educadoras sociais galegas veñen de completar un proxecto en forma de xogo de mesa para deitar luz sobre esa historia silenciada de mulleres relevantes que merecen o seu lugar no coñecemento e recoñecemento colectivo. Feminismos no tempo propón unha 'timba'  para xogar, aprender e debater.

“As veces tes que elixir entre a lingua ou a perspectiva de xénero, porque as dúas cousas non se dan; e para nós, que traballamos desde esas dúas claves, parecíanos importante”, explica Tania Merelas, educadora social. “Os recursos que existen están en castelán, entón se utilizamos eses materiais dentro das dinámicas de traballo temos que renunciar á lingua, que tamén é un elemento importante”, engade. Merelas xunto con Noelia Darriba e Raquel Veiga son as artífices de Feminismos no tempo, unha proposta con tres barallas de cartas con nomes e historias de persoeiras relevantes tanto galegas como do resto do mundo que merecen ser coñecidas. 

Exemplo dunha partida co xogo 'Feminismos no tempo'. CC-BY-SA Cedida

As educadoras sociais Tania Merelas, Noelia Darriba e Raquel Veiga tiñan desde había tempo no maxín o soño de facer algo así. Afeccionadas aos xogos de mesa, partillaban esa ilusión e en 2022 pasaron da utopía aos feitos. De botar en falta o recurso, a crealo

As tres educadoras sociais tiñan desde había tempo no maxín o soño de facer algo así. Afeccionadas aos xogos de mesa, partillaban esa ilusión e en 2022 pasaron da utopía aos feitos. De botar en falta o recurso, a crealo. “Saíu dunha ilusión de sempre, do ‘como molaría que fixeramos nós algo’. Sabiamos que tiñamos a capacidade para facelo, o coñecemento e a creatividade. E somos argalleiras”, detalla Noelia Darriba. “Foi un reto para nós. Queriamos crealo para usalo nas nosas propias intervencións, ver se funciona en diferentes sitios, ou como ferramenta para profesorado, entidades ou diferentes persoas que queiran espallar unha ferramenta así feminista e na nosa lingua”, detalla Raquel Veiga.

Cumpría darlle forma ás ideas e ocuparse de asuntos como o envase, buscar unha persoa para ilustrar ou unha imprenta. Autoeditar non é sinxelo mais hai tres anos viu a luz o primeiro xogo, Acontecementos, para plasmar a historia do feminismo nunha baralla de cartas. “Ao facelo decatámonos de que nos quedaban moitísimas cousas fóra e decidimos entón facer tres para acadar unha visión máis global”, indica Noelia Darriba.

Así chegou Invisibilizadas, en 2023 e xa a finais de 2024 viu a luz Galegas, con 55 cartas centradas en mulleres galegas relevantes, aínda que, segundo explican as autoras, hai persoeiras da nosa terra en todos os xogos. 

As tres barallas contan cos deseños de Marta Conde, creadora de Conxenia. “Foi un traballo custoso, que conleva moito esforzo pero que é recompensado cando ves as cartas e a xente xogar. Ves o feedback positivo que está a ter”, subliña Raquel Veiga.

Algunhas cartas que compoñen o xogo 'Feminismos no tempo'. CC-BY-SA Cedida

"Decatámonos desa historia que se nos negou e que non coñeciamos. Sendo persoas que estabamos neste campo e con formación, aínda así, descubrimos que había mulleres súper interesantes das que non tiñamos nin idea. Vimos que era moi necesario”, argumenta Tania Merelas

Malia os coñecementos que as tres educadoras xa tiñan de seu sobre a historia feminista, aseguran que aprenderon moito elaborando o xogo. “Facendo o primeiro decatámonos desa historia que se nos negou e que non coñeciamos. Sendo persoas que estabamos neste campo e con formación, aínda así, descubrimos que había mulleres súper interesantes das que non tiñamos nin idea. Vimos que era moi necesario”, argumenta Tania Merelas, creadora do proxecto Avezar, onde leva tres anos apostando polo xogo como ferramenta social en clave feminista e en galego.

Axudounos a ver o descoñecemento e xustamente a necesidade de facer este tipo de xogos para seguir aprendendo e poñer sobre a mesa cousas que estiveron silenciadas e que descoñecemos aínda que fosen próximas no territorio, como vimos con este último xogo de Galegas”, explica Raquel Veiga, que xunto con Noelia Darriba traballa na cooperativa Atalaias, iniciativa de autoemprendemento no eido socioducativo. 

Veiga lembra a sorpresa que levou cando coñeceu a historia de Ángela Ruiz Robles, galega pioneira do libro electrónico. “Sendo de Ferrol, coma min, e ninguén me falara dela”. Xunto a ela nos xogos atópanse nomes como Mary Anderson, a primeira persoa que patentou o limpaparabrisas ou Hildegarda de Binger, unha abadesa alemá que xa falaba do orgasmo feminino no século XII, escritora e compositora que acertou a engadir o lúpulo á cervexa e crear esta bebida como a coñecemos hoxe en día; ou Anarcha, Betsei e Lucy, tres mulleres negras escravas que foron torturadas e mutiladas polos que pasaron por “pais da xinecoloxía moderna” e acabaron sendo elas as expertas xinecolóxicas, recoñecidas a día de hoxe como as “nais da xinecoloxía”. 

Noelia Darriba, Raquel Veiga e Tania Merelas, autoras do proxecto Feminismos no tempo. CC-BY-SA Cedida

Tamén hai unha carta no xogo, concretamente a derradeira de Galegas, para Lola Ferreiro, médica psiquiatra activista que tamén axudou a poñer en marcha este proxecto e que faleceu a finais de 2023.

As autoras de Feminismos no tempo falan dun “traballo laborioso” onde houbo que conxugar a historia, coas escollas persoais e sobre todo que encaixen as datas, porque a dinámica do xogo, que é unha liña temporal, ten que funcionar. “En Invisibilizadas queriamos meter a Marielle Franco, activista de Río de Janeiro que fora asasinada, pero calquera das súas datas significativas estaba solapada con outras cartas, incluída a do seu asasinato. Afortunadamente acabamos chegando á súa irmá, Anielle, xornalista e escritora, que a día de hoxe é a ministra de Igualdade Racial de Brasil. Grazas a querer meter a Marielle coñecemos a súa irmá e está no xogo”, relata Tania Merelas.

Recoñecen as creadoras do xogo que pode resultar un pouco complexo ao comezo, por non coñecer os nomes, pero iso soluciónase xogando. “Iso as crianzas fano moi ben: equivócanse, aprenden e á seguinte xa o colocan ben. Pero descubrimos que as persoas adultas teñen iso do “non sei” e iso paralízanos ao xogar”, describe Noelia Darriba.  “Xa non é gañar ou perder, senón que tamén é moi enriquecedora a información que se comparte durante o xogo como se hai unha película que fala desa persoa ou un libro. Os diferentes saberes e curiosidades das persoas que o xogan tamén o fan moi flexible e moi rico”, puntualiza Tania Merelas.

Co proxecto xa publicado e á venda, as educadoras sociais aseguran que o feedback que están recibindo é moi positivo e que desde puntos de venda como a libraría feminista Lila de Lilith (Compostela) trasládanlles que as clientas están xogando e gozando coa proposta. 

A primeira baralla de 'Feminismos no tempo' está esgotada, e xa pensan en publicar unha segunda edición. CC-BY-SA Cedida

“Queremos chegar a centros educativos, bibliotecas ou centros socioculturais”, aseguran as autoras, que tamén buscan financiamento público para unha unidade didáctica que acompañe o proxecto

 A día de hoxe as 400 unidades da primeira baralla están esgotadas e xa pensan nunha segunda edición, polo que saben que a xente está a xogar. Porén, as autoras cren que non están chegando a onde lles gustaría. “Queremos chegar a centros educativos, bibliotecas ou centros socioculturais”, di Raquel Veiga . É un xogo para persoas adultas pero as crianzas a partir de nove ou dez anos xa poden xogar acompañadas, porque as liñas do tempo é algo que traballan na escola”, explican.

Agora, o seguinte paso, indican, sería buscar un financiamento público para elaborar unha unidade didáctica que acompañe o proxecto. “Cremos que o xogo ten moitas potencialidades para transversalizar no currículo, pero ese xa sería un traballo moi custoso”, aseguran as educadoras sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.