Nace ‘Nosoutras’, a primeira serie audiovisual sobre as mulleres da revista 'Nós'

'Nosoutras' é un proxecto de Nós Televisión. CC-BY-SA Nós Televisión

'Nosoutras' constitúe a primeira serie documental sobre as mulleres que escribiron artigos propios na revista 'Nós' 

 Nós Televisión presenta a primeira serie documental sobre as tres mulleres que escribiron artigos propios na revista ‘Nós’, un dos maiores emblemas culturais galegos, baixo nome de 'Nosoutras'. “É a primeira vez que se aborda a revista ‘Nós’ fixándose nas mulleres e que se coloca a vida e obra delas no centro da órbita Nós”, destacan desde o equipo de Nós Televisión, que contou co patrocinio da Deputación de Ourense para elaborar esta serie documental que foi gravada maioritariamente nesta provincia.

A ourensá Eira Losada presenta os tres capítulos da serie 'Nosoutras, as mulleres da revista Nós' desde espazos como a rúa Alejandro Outeiriño, onde se fundou La Región mais tamén onde se imprimiu o primeiro número da revista Nós en 1920, a Praza Maior ou a rúa Francisca Herrera no barrio ourensán da Ponte.

A intelectual e mestra irlandesa Anne MacSwiney protagoniza o primeiro capítulo de 'Nosoutras'. CC-BY-SA Nós Televisión

O primeiro capítulo de 'Nosoutras' xira arredor da mestra e intelectural Anne MacSwiney, que escribiu artigos de seu na revista 'Nós' 

O primeiro capítulo, que xira arredor da irlandesa Anne MacSwiney, estreouse este sábado, 21 de outubro, na canle de youtube de Nós Televisión. As estreas dos seguintes episodios, que narrarán a vida de Francisca Herrera e Margot Sponer, terán lugar os seguintes sábados 28 de outubro e 4 de novembro.

A serie completa tamén está dispoñible desde xa na plataforma Movistar Plus+, no servizo de contidos baixo demanda en todo o Estado español, e igualmente emitirase na canle 119 de R nas vindeiras semanas.

Anne MacSwiney e Irlanda en 'Nosoutras'

A revista 'Nós' acolleu regularmente contidos relacionados con Irlanda chegando a contar coa sinatura de Anne MacSwiney, intelectual e mestra que difundiu a tráxica historia do seu irmá Terence, morto por unha folga de fame durante a guerra de independencia de Irlanda. Por esta causa, MacSwiney escribe na revista ‘Nós’.

Neste primeiro capítulo, abórdase o papel que desenvolve Irlanda para a xeración ‘Nós’, a importancia da sinatura de MacSwiney e a vida da propia irlandesa que non só se centrou no activismo senón tamén no sector educativo. Anne MacSwiney destacouse como mestra fundadora das Scoil Íte, unhas escolas que fomentaban o uso e estudo da lingua e cultura gaélicas.

Margot Sponer e Francisca Herrera

O descoñecemento existente arredor das mulleres de ‘Nós’ bate coa historia fascinante que alberga cada unha delas. É o exemplo da galega Francisca Herrera que tivo un papel especialmente relevante na nosa cultura e na revista Nós.

Francisca Herrera foi a primeira muller en escribir na revista 'Nós' e fíxoo con 'A muller galega', un artigo que a investigadora Carmen Blanco sitúa como o primeiro ensaio de temática feminista escrito en galego.

Trátase da primeira muller en escribir unha novela en galego, a primeira académica da Real Academia Galega, e a primeira muller logo de Rosalía en ser homenaxeada co Día das Letras Galega en 1987. A maiores de todos estes camiños abertos, Francisca Herrera tamén foi a primeira muller en escribir na revista 'Nós' e fíxoo con 'A muller galega', un artigo que a investigadora Carmen Blanco sitúa como o primeiro ensaio de temática feminista escrito en galego.

Francisca Herrera foi a primeira muller en escribir unha novela en galego. CC-BY-SA Nós Televisión

Non menos relevante é o caso de Margot Sponer, unha lingüista alemá que en 1926 percorre Galicia na procura de documentación para súa tese de doutoramento converténdose nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Nese mesmo ano, tomou contacto co grupo da Revista 'Nós' e foi proposta como integrante do Seminario de Estudos Galegos.

A lingüista alemá Margot Sponer foi unha das pioneiras dos estudos galegos polo mundo. CC-BY-SA Nós Televisión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.