Cartografías das resistencias: Pensarmos a revolta

Cartaz do obradoiro Dominio Público proxectoderriba

A Facultade de Filosofía da USC e o colectivo Proxecto Derriba organizan este mércores e xoves un obradoiro, Cartografías das Resistencias, que busca analizar os efectos que as revoltas aínda en proceso están a ter no xeito de facer e pensar a política nun momento de fin de ciclo e mutacións globais. Enmárcase dentro dos Cursos da Universidade de Verán da USC.

Oito relatorios buscarán trazar os límites e dimensións da política, "un espazo agonístico no que as súas redefinicións discursivas son xa accións políticas"

Oito relatorios buscarán trazar os límites e dimensións da política, "un espazo agonístico no que as súas redefinicións discursivas son xa accións políticas". Como pensar a relación entre corpos, accións e discursos na era das mallas sociais? Que implican os procesos de resignificación para termos como “democracia ou mesmo política? Que impulsa a xente a saír a rúa co obxectivo de tornarse en axentes dun cambio social? Como contestar a legalidade dende unha xustiza que deslexitima os poderes de feito? Son algunhas das preguntas que se lanzarán en todas as direccións, na procura de conceptos que sirvan de guía para explicar e sinalar o camiño do presente.

"Coa crise estanse a multiplicar no noso contorno as tentativas de crear unha alternativa real ao capitalismo, nunha mestura de urxencia ante a precarización do estado de benestar, crecente desconfianza ante as institucións estatais, certa inviabilidade da toma de poder"

Francisco Conde Soto (Vigo, 1978) falará de O malestar na cultura: individuo ou sociedade?, "unha reflexión en torno a como deben ser lidas as queixas contemporáneas do individuo na sociedade, é dicir, acerca de cal é o desexo que transluce por entre as súas demandas". Lucía Castro Varela (A Coruña, 1980) analizará as Micropolíticas en transición: do local ao global, nunha exposición que lembrará que "coa crise estanse a multiplicar no noso contorno as tentativas de crear unha alternativa real ao capitalismo, nunha mestura de urxencia ante a precarización do estado de benestar, crecente desconfianza ante as institucións estatais, certa inviabilidade da toma de poder e unha actitude proactiva na constitución do que nos gustaría que fose".

Diego Lubián Prieto (1979) afondará na cuestión das “drogas”: unha abordaxe dende a xenealoxía foucaultianaDelmiro Rocha (Salceda de Caselas, 1980) analizará a Desobediencia civil a través do movemento 15M. Pola súa banda, Rebeca Baceiredo (1979) en O afecto indignado e outro desexo preguntarase "Que lle sucede a unha sociedade cando ela mesma deixa de poder crer na solvencia do seu modelo?".

"Como se pode artellar un movemento dende a asunción radical das diferenzas? Como concibir o común sen que sexa nin un punto de partida nin o termo dun proceso?"

Abraham Rubín (Ourense, 1978) buscará en O acontecer do común "pensar a revolta como un acontecemento, que ten o seu fundamento na reivindicación dunha concepción do común que está en perigo polas derivas neoliberais actuais". Mentres, Beatriz Blanco (1980) tratará en Outra política: lingua, poder e as diferenzas de "Como se pode artellar un movemento dende a asunción radical das diferenzas? Como concibir o común sen que sexa nin un punto de partida nin o termo dun proceso?". Finalmente, Brais González Arribas (Ourense, 1980) pechará o obradoiro con A policía na democracia, onde analízará "a actuación política no contexto da actual democracia neoliberal".

Cartaz do obradoiro Dominio Público proxectoderriba

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.