Case trinta iniciativas pola defensa dos animais no Parlamento galego

Presentación do EPDA no Parlamento, con presenza de deputadas de PSdeG, AGE e BNG © EPDA

O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais (EPDA) colle folgos e aumenta a súa actividade na Cámara galega. Os deputados deste intergrupo -formado por seis parlamentarios en representación de PSdeG, BNG e AGE- presenta agora un paquete de iniciativas a prol da protección animal e logo doutra serie de iniciativas anteriores nas que preguntaron polas axudas para as sociedades protectoras e aos refuxios sen ánimo de lucro, polas corridas de touros e o acceso a elas de menores, polas condicións nas que se atopan os zoolóxicos ou pola compra-venda de animais domésticos. En total, 27 iniciativas foron xa canalizadas a través deste colectivo parlamentario.

Case trinta iniciativas a prol da protección animal foron canalizadas a través do EPDA

Agora, estes seis deputados (Patricia Vilán, Carmen Gallego, Antón Sánchez, Eva Solla, Ana Pontón e Carmen Adán) céntranse na situación de maltrato dos cabalos, así como do "entramado taurino", tal e como recorda o intergrupo nun comunicado.

Así, as socialistas Patricia Vilán e Carmen Gallego, xunto a José Fernández e Sánchez Bugallo, veñen de rexistrar unha iniciativa sobre o sistema de identificación do gando equino en Galicia, baseándose na abundante normativa promulgada tanto pola Xunta como outras institucións como a Comisión Europea. As cuestións pretenden coñecer "o número de cabalos identificados, a porcentaxe dos que todavía non levan o microchip transpondedor, así como as vindeiras accións que ten previstas o Goberno galego neste ámbito". Os parlamentarios do PSdeG poñen como exemplo a seguir a capacidade de diálogo que outras rexións da UE teñen con respecto á obriga de identificar cabalos.

Unha iniciativa do Bloque sobre as pexas foi xa aprobada por unanimidade no Parlamento, que pediu solucións ao Goberno

En canto ao BNG, Ana Pontón, Tereixa Paz e Carme Adán rexistraron unha pregunta para a súa resposta escrita na que se volven denunciar "as dificultades para dar cos responsables da colocación das pexas e outros artefactos nas patas dos cabalos" e nas que se cuestiona á Xunta sobre "as posibles actuacións e iniciativas para previr o maltrato e o fomento da identificación disuasoria".

Esta pregunta chega logo de que desde o Bloque se impulsase unha proposición non de lei sobre as devanditas pexas e que foi aprobada por unanimidade o pasado 11 de abril. Daquela, a Cámara instou por unanimidade a Xunta a levar a cabo as medidas axeitadas para localizar e denunciar os responsables da colocación de calquera artefacto inmobilizador nos cabalos e tivo a súa orixe no traballo da asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber. Estes colectivos levan moito tempo desenvolvendo unha actividade moi intensa para erradicar o uso destes artefactos, que supoñen un calvario para os animais, impedíndolles desprazarse correctamente, sendo branco fácil de depredadores e vehículos nas estradas, e provocándolles toda clase de sufrimentos e deformidades nas patas. A iniciativa fora reforzada coa recollida de 43.000 sinaturas pedindo a fin da colocación das pexas.

AGE pregunta polos gastos derivados da presenza da Policía Autonómica nas touradas da Coruña e Pontevedra

Pola súa banda, os deputados de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez e mais Eva Solla, tamén teñen previsto rexistrar unha iniciativa na que se inquire a Xunta de Galicia a "facer públicos os gastos derivados da presenza da Policía Autonómica nos festexos taurinos que tiveron lugar na Coruña e na cidade de Pontevedra o pasado ano", despois de que tamén estes deputados se fixeran eco das denuncias dos tres sindicatos maioritarios neste corpo onde se explicaba que estes servizos "estaban financiados co desvío doutras partidas orzamentarias".

Dende o comezo da lexislatura, o EPDA xa canalizou a presentación de 27 iniciativas de todo tipo, dende preguntas orais ata proposicións non de lei. O integrupo do Parlamento de Galicia anuncia tamén que ten previsto impulsar nas vindeiras semanas "novas canles de participación coa cidadanía e cos colectivos dedicados ao benestar e protección dos animais".

Presentación do EPDA no Parlamento, con presenza de deputadas de PSdeG, AGE e BNG © EPDA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.