Castela e León elimina outra clase de galego no Bierzo

Valentín García, con alumnos que cursan galego no Bierzo © Xunta

A Junta de Castela e León continúa a recortar recursos en educación e levando por diante aulas de galego na comarca do Bierzo. A pasada semana foron as familias e o consello escolar do instituto Bergidum Flavium de Cacabelos os que denunciaron a supresión - un día antes do comezo do curso - da materia optativa de lingua galega en Bacharelato nese centro, un dos catro de Secundaria acollido ao programa de inmersión lingüística na comarca e o único desta localidade. Tras as protestas, a Administración optou por manter a aula, pero sen achegar o profesor necesario, nin recursos e agrupando a rapaces de diferentes niveis na mesma clase. Agora os recortes chegan tamén ao IES Europa de Ponferrada e, ao igual que no outro caso, cos nenos xa matriculados e co material comprado.

Logo da supresión de aulas en Cacabelos, CCOO denuncia agora a eliminación do galego nun centro de Ponferrada

Así o denuncia CCOO do Bierzo, que ve "unha actitude pirómana" por parte da Junta a de "intentar solucionar un problema como o do galego en Cacabelos suprimindo a mesma materia no IES Europa". "Non podemos entender este tipo de actitudes que deixan en evidencia a Dirección Provincial de Educación", insiste o sindicato, que lembra que "nin en xuño nin en setembro se informou da supresión da clase, co alumnado xa matriculado e co material comprado". "A decisión tómase xusto despois de solucionar o mesmo problema en Cacabelos", critica con ironía Comisións.

Tamén lembra que o alumnado de ambos os dous centros afectados "teñen dereito a esta materia voluntaria froito dun pacto institucional entre a Junta e a Xunta", xa que "ningunha das razóns que se dá para suprimila figuran nese pacto". Esta nova supresión supón un problema para os alumnos, pero tamén para os profesores, xa que "implica unhas modificacións nas condicións de traballo duns docentes que xa asinaron os seus contratos". "É inaceptable", engade.

A RAG denuncia a eliminación do galego e pide á Xunta que "controle" o cumprimento do acordo coa Junta

A supresión de aulas de galego que está a sufrir o Bierzo provocou xa a resposta do consello escolar dos centros e dos propios pais dos alumnos afectados, que expresaron as súas queixas tanto ante a Consellería de Educación da Xunta como ante a Junta de Castela e León. A RAG tamén reaccionou e solicita nos dous ámbitos "que non haxa ningún alumno e ningunha familia berciana que, desexando voluntariamente recibir clase de galego a través do programa existente, sexa obrigada a escoller outras optativas" e recórdalle ao Goberno galego que "ten e debe exercer un control lóxico" sobre o cumprimento deste acordo, xa que "o seu Estatuto así o determina".

O caso é aínda máis grave para os alumnos, xa que cursar e aprobar as materias de galego no Bacharelato é a única opción para obter o Celga III, obxectivo que moitos deles se marcaran logo de obter o Celga II tras o seu paso por Secundaria.

Malia as dificultades para estudar galego e os "atrancos" da Administración castelá-leonesa que desde hai anos denuncia o colectivo Fala Ceibe, son uns 1.000 alumnos os que acoden a clases de lingua galega nos diferentes centros que se acolleron ao programa conxunto entre a Xunta e a Junta no Bierzo occidental. Non é a primeira vez que se denuncia a supresión de materias de galego en diferentes centros da comarca. Familias de alumnos do CEIP Jesús Maestro de Ponferrada protestaron o ano pasado pola eliminación da materia optativa no primeiro curso de Primaria.

Alumnos de galego no Bierzo CC-BY obierzoceibe.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.