CCOO celebra o seu 10º congreso co obxectivo de reforzar "o muro contra as políticas neoliberais"

Faixa de CCOO nunha manifestación en Compostela CC-BY-SA Merixo

CCOO de Galicia inicia este xoves o seu 10º Congreso Nacional en Compostela. Baixo o lema Respostas fronte á crise, o sindicato arrancará outros catro anos baixo o liderado de Xosé Manuel Sánchez Aguión, actual secretario xeral, que presentará a súa candidatura para o que será un novo "e último" mandato, co obxectivo de fomentar a renovación nunha seguinte etapa. Coincidirá neste mandato cunha etapa na que, como el mesmo indica, o movemento sindical terá que se converter "no último muro de contención contra as políticas neoliberais que intentan acabar con todas as conquistas sociais e co Estado de Benestar".

"Agárdanos unha longa travesía no deserto para as clases menos favorecidas", advirte Sánchez Aguión

"Por desgraza, a xestión que se está a facer da crise lévanos a unha longa travesía no deserto para as clases menos favorecidas durante os vindeiros anos", asegura a Praza Sánchez Aguión, que cre que "máis aló das políticas levadas a cabo", o que hai é "unha profunda carga ideolóxica" nas medidas aplicadas coas que "o sector financeiro e os neoliberais procuran un cambio radical de modelo e a destrución do Estado social".

Por iso, e en canto á crise, CCOO afronta o seu Congreso deixando claro que "non hai fórmulas máxicas" para rematar coa crise, pero si claras diferenzas entre as formas de saír dela, de maneira "xusta ou inxusta".  Saír dela "de maneira xusta" é un dos grandes obxectivos para o sindicato, ademais de esixir e procurar "un cambio radical" de políticas tanto na Xunta, como no Goberno central e na UE. "Hai que impulsar o crecemento económico, a creación de emprego, a protección ás persoas en dificultades, a mellora da protección social e a recuperación do gasto nos servizos públicos e no investimento produtivo", deixaba claro Sánchez Aguión.

En definitiva, CCOO propón varios eixos de actuación: un plan de impulso da actividade económica, un plan de emprego vinculado tanto ao crecemento como á cobertura de necesidades sociais, un plan industrial de carácter estratéxico e de catro anos, un plan estratéxico de infraestruturas, un plan de ingresos públicos e un plan de incremento do gasto social. Todo, acompañado necesariamente dun novo modelo tributario máis xusto e progresivo.

Ademais, o 10.º Congreso ten como obxectivos a intensificación da presenza de Comisións nos centros de traballo, a dinamización da participación da afiliación na vida do sindicato, o impulso dun novo modelo de crecemento sostible que cree emprego, a defensa da protección social e dos servizos públicos e a loita pola igualdade no emprego, na sociedade e no propio sindicato.

CCOO márcase como un obxectivo primordial o reforzo da súa identidade nacional

Do mesmo xeito, cítase como outro dos propósitos primordiais o reforzo da autonomía sindical e da identidade nacional. Respecto deste último punto, Sánchez Aguión aclara que "reforzar os elementos de autogoberno e a capacidade da cidadanía galega para decidir o seu futuro" son elementos claves nun sindicato "que se define como nacional" e que ten "o recoñecemento de Galicia como pobo" como un dos seus sinais de identidade e como "unha forma de existir dentro do marco dun Estado federal".

O Congreso, que se pechará o venres 25, servirá tamén para facer balance sobre o papel que xoga CCOO en Galicia, onde conta con máis de 50.000 persoas afiliadas e case 5.400 delegados e delegadas, que supoñen practicamente a terceira parte do total de Galicia e que a converten "na segunda forza sindical" do país.

Durante os actos do Congreso haberá intervencións do secretario xeral confederal de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, e da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que dirixirán un saúda ao plenario do Congreso. Tamén esta confirmada a asistencia do secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e dunha delegación da CIG, así como da presidenta do CES, Corina Porro, do presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, e do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, entre outras organizacións e institucións.

Tamén asistirán á inauguración do Congreso, representantes dos principais partidos políticos de Galicia, como o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, a coordinadora xeral de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, o responsable de acción institucional de Anova, Martiño Noriega, e a secretaria de Organización do BNG, Montserrat Prado, entre outros. Ademais, asistirán representantes de CCOO de Euskadi e Cataluña ou das centrais portuguesas CGTP e UGTP.

Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO-Galicia © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.