CC.OO. insta a Xunta a retirar a campaña na que ironiza con que desempregados "odiarán o espertador"

Unha das imaxes da campaña difundida pola Xunta en varios medios CC-BY-NC-SA CC.OO.

"Volverás odiar o espertador". "Volverás aos cafés de 15 minutos". Son mensaxes que, xunto ao logotipo da Xunta de Galicia, figuran dende hai semanas nas páxinas de varios diarios impresos de Galicia e nas portadas dalgunhas das súas versións dixitais. Corresponden a unha campaña coa que o Goberno galego promociona as achegas económicas do Fondo Social Europeo -as autoridades comunitarias adoitan obrigar a facer publicidade das súas medidas- e na que os responsables galegos do sindicato Comisións Obreiras ven unha falta de "respecto" cara ás persoas desempregadas, polo que reclama que sexa retirada.

A través da súa secretaria de emprego, Maica Bouza, CC.OO. coida que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo optou por unha "burla" a quen non ten traballo para promocionar axudas que teñen como obxectivo crear postos de traballo. "Nin unha pausa para o café nin o son do espertador pola mañá son as principais preocupacións das persoas desempregadas", di a sindicalista, que coida que a Xunta está a atribuír a quen está en paro actitudes propias de quen non quere traballar.

No caso concreto das mensaxes sobre a "pausa do café", asemade, Bouza coida que a campaña "frivoliza" co que é "un dereito regulado" no artigo 34.4 do Estratuto dos Traballadores e que, obviamente, "non recibe o nome de pausa café". Trátase, subliña, dun "tempo de descanso que debe computar como xornada efectiva e que pode ser mellorado no convenio colectivo".

"O último que precisan as persoas desempregadas é que o seu goberno lles falte ao respecto"

Para Comisións, mentres a Xunta "carece de política propia" de emprego "axeitada á nosa realidade" o primeiro que debería facer é "retirar esta campaña" e, en todo caso, "substituíla por outra que sexa realmente útil para as persoas desempregadas", informando das características do plan, dotado con máis de 300 millóns de euros. Correspondería, asemade, "a asunción de responsabilidades políticas por esta intolerable metedura de zoca".

No caso de deseñar unha nova acción de comunicación, Bouza recoméndalle ao Goberno galego comezar por "lembrar" que "as persoas desempregadas non son números para a estatística", senón "seres humanos coas súas preocupacións e dramas particulares". "O último que precisan -agregan- é que o seu Goberno lles falte ao respecto con burlas e insinuacións fóra de lugar".

Unha das imaxes da campaña difundida pola Xunta en varios medios CC-BY-NC-SA CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.