A finais de 2022 pechou a Estación de Autobuses de Vigo na confluencia coa avenida de Madrid, unhas das principais entradas á cidade. O Goberno galego chegou a presentar o seu plan para o inmoble: un centro interxeneracional. Mais nada se sabe disto
A ameaza do valado aínda no se cumpriu, pero axiña será realidade. A Xunta avisa de que está a ultimar os trámites para comezar a obra. E investirá uns bos cartiños (que aínda non concreta) en pechar o recinto da antiga estación de autobuses de Vigo para “previr a ocupación do inmoble”. Quen son estes ocupas? Persoas sen ingresos que demandan algo de estabilidade para ter a súa oportunidade. “Nos albergues estás 10 ou 15 días e tes que volver á rúa, é moi cruel”.
“É unha situación moi triste. Eu xa saíra da rúa. Vivía nun piso pero agora volvín”. Silvia García é unha moza ben nova, veciña de Vigo, que fixo algunhas cousas mal, segundo relata, e agora leva algo máis dunha semana durmindo na antiga estación de autobuses de Vigo. Alí pode refuxiarse da choiva porque hai teito e ten un colchón. Ninguén quere durmir na rúa, pero ás veces tócache a ti ser ese ninguén e aceptas con resignación. “Polo menos aquí non hai pelexas”, explica Silvia García, sentada no seu colchón baixo unhas letras pintadas na parede. “Vamos a morir todos”, escribiu alguén ata catro veces e en distintas cores.

"Nos albergues estás 10 ou 15 días e tes que volver á rúa. É moi cruel”
Silvia apenas leva días, pero Jéssica xa fixo os nove meses no asentamento da Dobrada e pensa que igual agora poderá marchar, porque acaban de lle conceder a Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia). “Os veciños axudan. Traen comida e bolsas de roupa”, explica, ao tempo que asegura non ver ningún problema de convivencia coa veciñanza. “Os albergues só che permiten estar uns días e logo estás na rúa. Eu teño un canciño e non o vou abandonar”, di Jéssica, que non dubida en amosar o seu refuxio, que comparte coa súa parella e o cachorro. “Algunha xente non quere axudar porque pensa somos drogadictos, pero nós non. Nós somos as persoas máis limpas”, indica.
A finais de 2022 pechou a Estación de Autobuses de Vigo situada no barrio da Dobrada, na confluencia coa avenida de Madrid, unhas das principais entradas á cidade. A estación pechaba ao tempo que abría a intermodal de Urzaiz, ao carón de centro comercial Vialia. Desde entón as instalacións , que foron erixidas nuns terreos cedidos polo Concello á Xunta nos anos 80, permanecen sen destino e serven como acubillo para persoas sen fogar.
O Goberno galego chegara a presentar o seu plan para este edificio, como centro interxeracional. “Cun investimento de preto de 5 millóns de euros, o obxectivo é que o futuro centro conte cun centro de día, con 80 prazas para persoas maiores; cunha escola infantil de ata 82 prazas; cunhas oficinas para técnicos de servizos sociais; e cun espazo sociocultural, que estará composto por unha aula multiusos, unha sala de exposicións e unha cafetería. O edificio, plenamente sustentable, contará ademais con paneis fotovoltaicos...”, detallaba en marzo de 2020. Mais nada se sabe disto.

Os plans da Xunta pasan por valar a estación de forma inmediata para previr a ocupación do inmoble. Mentres, segue a analizar as posibilidades de uso
O 6 de febreiro deste 2025, cinco anos despois, a Consellería de Facenda concretou os seus plans: “levar a cabo o cercado da mesma á maior brevidade posible, para garantir a seguridade viaria para a cidadanía e previr a ocupación do inmoble. Na actualidade, o Goberno galego está analizando as posibilidades de uso da antiga estación”, explicaba nun breve comunicado. Consultada por Praza.gal, Facenda informou de que xa hai un empresa adxudicataria para levar a cabo este valado. “Está pechando os trámites para comezar a obra, polo que o presuposto aínda non está pechado”, indicaron o martes, 15 de abril.
Desde o colectivo Os Ninguéns defenden "un dispositivo de carácter residencial" para as persoas sen fogar que tivera uns mínimos de atención para garantir unha alternativa habitacional estable
“Sería bo que o que lle custa ese valado, decidisen investilo en axudar as persoas”, argumenta desde o colectivo Os Ninguéns o seu coordinador, Antón Bouzas. A entidade leva tempo reclamando melloras nos servizos de atención social na cidade e alternativas para estas persoas, unhas dezaseis na actualidade. “Aquí nós pensamos que se podería facer un dispositivo de carácter residencial para as persoas sen fogar que tivese uns mínimos de atención para garantir unha alternativa habitacional estable”, detalla Bouzas.
O coordinador dos Ninguéns alerta de que moitas destas persoas teñen enfermidades, “problemas de tipo biopsicosocial”, que precisan coidados. “Para unha persoa sen fogar é moi cruel que a recollan da rúa para o albergue e logo a boten aos dez días. Non teñen capacidade de alugar algo permanente porque os seus ingresos son cero”.

Actualmente na cidade de Vigo existen tres albergues para persoas sen teito: o municipal, un en Teis e outro no Calvario, que non chegan ás 100 prazas en total. “O albergues moitas veces están cheos e non hai alternativas. Estamos convencidos de que en Vigo se necesita un novo dispositivo residencial que atenda as persoas con técnicos profesionais, con persoal sanitario para coidar os enfermos crónicos, por exemplo”, refire Antón Bouzas.
“Rexeitan” a axuda municipal
Desde o Concello de Vigo explican que a través dos servizos de integración social da Concellería de Benestar Social e a Unidade de Rúa levan facendo un seguimento da situación. “A todas esas persoas ofrecéuselles recursos municipais para que poidan ter unha alternativa de pernocta e de coidados, pero esas persoas, por diferentes motivos rexeitaron a axuda municipal”, asegura María Xosé Caride, concelleira de Urbanismo.
“As familias teñen que poñer tamén da súa parte e estar dispostas a entrar dentro do circuíto de control e integración que fan os Servizos Sociais”, puntualiza Caride
“As familias teñen que poñer tamén da súa parte e estar dispostas a entrar dentro do circuíto de control e integración que fan os Servizos Sociais”, puntualiza Caride.
“Estamos buscando traballo pero non é doado. Eu necesito unha solución para vivir coa miña parella e o noso can ata poder atopar algo estable. A Risga non me vai chegar para o aluguer “, explica Jéssica, de 32 anos, que é de Vigo pero marchou un tempo a Ponferrada, onde estivo a traballar como varredora. “Cando quedei sen traballo volvín a Vigo, á casa da miña avoa, pero a desafiuzaron. Estiven na casa do meu irmán e durmindo nun coche ata que me instalei aquí hai nove meses. Necesitamos que nos axuden”, detalla.

“Cando quedei sen traballo volvín a Vigo, á casa da miña avoa, pero a desafiuzaron. Estiven na casa do meu irmán e durmindo nun coche ata que me instalei aquí hai nove meses. Necesitamos que nos axuden”, detalla Jéssica
Entrementres, a Xunta segue a “estudar as opcións” para o lugar e tramita o valado para a expulsión das persoas sen fogar; o planeamento prevé “unha reordenación total das infraestruturas” cunha zona verde dotacional, xa que “as alternativas de uso residencial teñen que vir da man da Xunta en primeiro lugar”, segundo explica Caride, que pide a reversión dos terreos a favor do Concello. “A alternativa de pechado non pode ser permanente. “Vigo non se pode permitir que á entrada da cidade teñamos unha instalación nun nó de comunicación pechado, valado e oculto. Ten que ser unha solución transitoria”, defende.
“O que queren uns e outros é sacar as persoas empobrecidas de diante. A Xunta aproba un valado para expulsar as que maldormen alí. Unha política que coincide coa do PSOE, xa que Caballero trata este problema como estético e de seguridade, non social”, resume Xabier Pérez Igrexas, voceiro municipal do BNG.