Todos os anos Verdegaia entrega os seus premios Cemento e Semente, destinados a denunciar malas prácticas ambientais e a recoñecer o traballo e as iniciativas positivas para o medio.
Nesta ocasión, o premio Cemento céntrase nas empresas e institucións que se atopan detrás dos proxectos de fumigación dos montes, "vinculados ao pesticida Cascade e aos intereses da industria da pasta de papel". Verdegaia responsabiliza destas prácticas a un amplo conxunto de empresas, entidades e institucións, encabezadas por Aspapel, ENCE, Xunta de Galicia, Mesa da Madeira, Subdirección Xeral de Recursos Forestais, Asociación Forestal de Galicia, PROMAFOZ, Ecología y Espacio S.L., Fitoaragón S.L., Estación Fitosanitaria do Areeiro e BASF. Porén o colectivo centra o premio na Xunta de Galicia "como representante político destes intereses empresariais, para que despois poida compartir con eles a boa nova deste recoñecemento".
Semente premia nesta ocasión as prácticas de soberanía alimentar, "nomeadamente ás persoas que conectan este concepto coa nosa propia raigame labrega". Verdegaia quere estender o recoñecemento "a moitas outras prácticas que loitan por manter vivo o noso rural, vivo e libre, vivo e respetuoso do seu pasado, vivo e con futuro". O premio, consensuado so SLG, céntrase en dúas mulleres labregas, Mª Carmen Pazos Rabuñal de Rois e Mª Dolores Lea Santiso, de Teo, que segundo Verdegaia "simbolizan co seu traballo a conexión entre a nosa tradición e a práctica da soberanía alimentar e o papel central que a muller ten xogado dende sempre no coidado da terra e da nosa alimentación".
Verdegaia quere recoñecer igualmente a Fundación Galiza Verde, a Rede de Sementes, a Cooperativa Rainha Lupa de Quilmas, a Asociación Galega de Horticultura Urbana, e ás persoas que puxeron en marcha a horta comunitaria do Barrio do Cura, en Vigo
Verdegaia quere recoñecer igualmente a Fundación Galiza Verde, a Rede de Sementes, a Cooperativa Rainha Lupa de Quilmas, a Asociación Galega de Horticultura Urbana, e ás persoas que puxeron en marcha a horta comunitaria do Barrio do Cura, en Vigo. Ademais entrégase un premio Semente especial, para Xosé Reigosa, socio fundador de Salvemos Monteferro e falecido no pasado mes de febreiro.
Nas últimas edicións recibiron o premio Semente o Foro Social de Cangas, a Plataforma Veciñal Cruceiro de Meá, o Grelo Verde, ou as veciñas e veciños de Coruxo. Mentres que o Cemento foi para Brenntag Iberia, as consellerías de Industria e Medio Ambiente, Clara Millán (como alcaldesa de Cangas) e Gas Natural-Fenosa.