Centos de artistas e colectivos defenden o pregón do Entroido santiagués contra "un novo ataque cavernario"

Carlos Santiago, interpretando o pregón do Entroido compostelán xunto á figura do Meco © Concello de Santiago

Máis de 50 colectivos, entre eles a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ou a Asociación Galega de Dramaturxia, e centos persoas a título particular apoian o actor e dramaturgo Carlos Santiago, logo de que a Igrexa e a dereita política se lanzasen contra el e contra o pregón que deu co gallo do Entroido o pasado día 10 de febreiro en Compostela. A través dun manifesto, A prol do Apóstolo Santiago, os asinantes censuran "un novo ataque cavernario á máis elemental liberdade de expresión artística" e chaman a cidadanía a "pronunciarse a prol da liberdade artística" e "en contra das argalladas da prensa tóxica e irresponsable e en apoio do auténtico Apóstolo Santiago, o único, o de verdade, o galego, non o palestino, ese pobo irmán".

O manifesto ven nas denuncias ao pregón "un novo ataque cavernario á máis elemental liberdade de expresión artística"

O pasado día 10, o Pazo de Bendaña acolleu o tradicional pregón entroideiro ao carón do Meco, a figura tradicional do Entroido compostelán. Interpretouno Carlos Santiago, encarnando un dos seus personaxes máis clásicos, unha sátira do apóstolo Santiago, versión contemporánea e retranqueira do fillo do trono coa que xa caricaturizara a actualidade política e social da cidade e do país en innumerables ocasións. Nos escenarios e tamén nalgunha praza da capital galega, caso por exemplo do verán de 2011

Precisamente, o manifesto lembra que ese "verdadeiro Santiago Apóstolo" leva "tempo predicando entre nós" e "chegando dende hai ben anos a ouvidos da cidadanía atenta que frecuenta os teatros, as asociacións, os baretos e outros templos da cultura civil local". "ECG, polo visto, non estaba informado disto", di un texto que recomenda "escoitar con máis atención" estas actuacións porque "o seu verbo é articulado, non unha lista de insultos, sacrilexios e herexías". "O seu ánimo non é ofender, é criticar" e "o seu é o humor, a sátira e a ironía que tan pouco lle presta aos hipócritas que se erixen en árbitros do 'bo gusto', sempre raudos a vilipendiar aquilo que nin sequera presenciaron", di. 

O texto lembra que esa versión retranqueira do apóstolo leva anos interpretándose en Santiago: "O seu ánimo non é ofender, é criticar"

Refírese o manifesto a todo o balbordo levantado por un pregón que nin tan sequera foi escoitado polos seus críticos. Non houbo reacción ningunha a el ata que, tres días despois de levarse a cabo, un diario impreso local divulgou o que describía como indignación de persoas asistentes ao acto, así como algunha "familia", por mor do que consideraran expresións "soeces" e "ofensivas" para a relixión católica. Os testemuños atribuídos a viandantes aseguraban que na representación se describiran condutas sexuais do Apóstolo e da Virxe, así como supostas ofensas a "empresas" santiaguesas e mesmo algunha "crítica" ao alcalde, pero "poucas" -agregaban-.

Logo apareceu o PP de Zaragoza reclamando ao rexedor da capital aragonesa (Zaragoza en Común) que se dirixise ao seu homólogo compostelán para esixir desculpas polas supostas ofensas a "La Pilarica". Ao tempo, o Arcebispado de Santiago anunciou unha sesión de oración en "desagravio" a ambas figuras relixiosas. Todas estas entidades referíanse á información inicialmente publicada en Santiago e replicada por algunha outra publicación, se ben ningunha destas fontes reproducía exactamente o contido do pregón máis alá das expresións "ofensivas" que os devanditos viandantes dicían lembrar. Días despois, o PP compostelán e ata o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, censuraban o devandito pregón, ao que tamén contestou o rexedor da cidade, Martiño Noriega, defendendo o dereito á liberdade de expresión. 

"Engánase quen afirme ou pense que a expresión artística, e máis no Entroido, non está amparada pola liberdade de expresión que defende a lexislación vixente"

"Inventar frases que o Apóstolo non dixo e armar con elas unha campaña de discurso apocalíptico sobre o que foi, nin máis nin menos, un pregón para as festas do Entroido, iso non se pode chamar información", di o manifesto, que cre que iso, máis ben, é "amarelismo", "incitación ao odio", "axenda ideolóxica", "esperpento" ou "axitación, vontade de confundir e ganas de armar follón". 

"Engánase quen afirme ou pense que a expresión artística, e máis no contexto do Entroido, non está amparada pola liberdade de expresión que defende a lexislación vixente. Neste país aínda é legal o escarnio de ideas, crenzas, mitos e ideoloxías dentro dun inequívoco sentido crítico e paródico", remata un texto asinado por numerosos actores e actrices galegos e portugueses, políticos, cantantes e diferentes artistas. "O verdadeiro Apóstolo Santiago non ataca nin ofende. "Queremos que a súa palabra continúe esclarecendo as celebracións da cidade que lle debe o nome, e que nin sequera tivo a ben adicarlle unha triste rúa", finaliza. 

Con todo, as reaccións eclesiásticas seguen chegando. O cardenal arzobispo de València, Antonio Cañizares, asegura que no pregón "insultouse e inxuriouse" tanto ao apóstolo como á virxe e que o pregoneiro "como un mal fillo tratou de tan malísima maneira á que tamén é nai súa e tamén nai do alcalde, que non estivo á altura de ser alcalde e, menos aínda, de ser alcalde de Santiago". 

O arcebispo de València cre que o pregón "tamén é corrupción, a peor de todas" e "condúcenos por sendas de ruína"

Cañizares di que esta acción "condúcenos por sendas de ruína" e aclara queu "tamén é corrupción: a peor de todas as corrupcións, porque é corrupción das conciencias, que corrompe a sociedade". Así, entende que "se creba a orde política, moral e social na que nos atopamos e provocan creba profunda da humanidade" e da "orde política e a paz social" que "garante a Constitución". 

Manifesto A prol do Apóstolo Santiago

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.