Aumenta o rexistro do seu corpo por parte de grupos de mulleres en Galicia. Se hai dúas semanas foron trinta as que acudiron ao Rexistro da Propiedade de Vilagarcía para solicitar a titularidade sobre o seu propio corpo, este mércores foron centos as que acudiron á chamada na Coruña e en Compostela. Continúan así con esta acción de protesta que xurdira da artista Yolanda Domínguez a nivel estatal - e da pintora Martha Azul no caso da Arousa- e que levara centos de persoas aos rexistros de Madrid, Barcelona, Sevilla, Bilbao ou Pamplona. É unha maneira máis de protestar contra o anteproxecto de lei do aborto do Goberno do ministro Gallardón e que, de saír adiante, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller.
A acción de protesta segue a impulsada pola artista Yolanda Domínguez no Estado e que xa se realizara en Vilagarcía
É unha reivindicación que se une á campaña que levou a Plataforma Galega Galega polo Dereito ao Aborto a pendurar pancartas en varias pontes do país e en recintos deportivos -como no partido da pasada fin de semana en Riazor onde a retirada da faixa provocou tanta polémica como visibilidade á protesta- ou a enviar solicitudes masivas ao Valedor do Pobo reclamando o seu amparo para a protección dos dereitos das mulleres.
En ambos os dous casos, tanto na Coruña como en Santiago, as solicitudes de rexistro do seu corpo por parte das mulleres foron admitidas a trámite e o trato dos funcionarios -en contraste ao que lles deran ás mozas que acudiran á sede do Rexistro en Vilagarcía- foi moi receptivo. Tanto que incluso decidiron ampliar un chisco o seu horario de oficina para poder recoller todos os impresos das cidadáns que alí se achegaron e entre as que había "persoas de todas as idades", tal e como lembra Rocío Fraga, unha das activistas que impulsou a acción na Coruña e que destaca que a protesta foi secundada non só por xente habitual nas protestas feministas, senón por mulleres anónimas "que non coñeciamos de nada".
Os centos de solicitudes de rexistro foron admitidas a trámite
Unhas 500 reclamaron a titularidade do seu corpo entre as dúas cidades e as colas para agardar pola quenda chegaron a saír fóra de ambas as dúas sedes. Entre elas, moita rapazada e xente nova, pero tamén mulleres de avanzada idade nunha nova protesta contra a prevista reforma da lei do aborto que lidera o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón.
"Estase a priorizar unha capacidade biolóxica sobre a nosa propia existencia e négasenos a decidir sobre os nosos corpos e proxecto vital", declaraba a Radio Galicia outra das mulleres que se achegou ao Rexistro da Propiedade en Compostela. Agora, as cidadáns que levaron a cabo esta acción reivindicativa decidirán que pasos a seguir unha vez cubertos os impresos e despois de que reciban a resposta da Administración. Na "descrición do ben" que exixe a documentación, as alí presentes escribiron o que quixeron, como exemplo, parte deste texto: "O meu corpo, bregado como as estradas comarcais, cos meus dous peitos (dos que mamaron as miñas tres fillas durante 27 meses), as cicatrices producidas por dúas cesáreas, os meus ovarios (que levan ovulando 26 anos)...".