Centos de persoas camiñaron contra o proxecto de Porto Cabral

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

A loita contra o proxecto de construción dun megacentro comercial e de ocio nos montes que rodean a cidade de Vigo entra nunha semana decisiva. O vindeiro domingo 26 os membros da comunidade de montes celebrarán unha nova asemblea para decidir se lles venden os seus terreos á multinacional inglesa Eurofund Investiments. Hai un mes unha primeira asemblea tivo que ser suspendida ante as protestas dunha parte dos comuneiros, molestos por non ter sido informados dos detalles do proxecto e por ter que realizar a votación a man alzada, sen tempo apenas para estudar a información. Daquela reivindicaban maior "transparencia", que se abrise un prazo para o seu estudo e que a votación final se fixese en urna.

É o que se volveu pedir este domingo na andaina polos montes de Cabral convocada polos colectivos contrarios ao proxecto. Centos de persoas participaron nun acto "pola defensa do monte" e no que tamén se criticou que ao redor deste proxecto "se está a vender moito fume". O vindeiro domingo ao redor de 780 comuneiros terán dereito a voto na asemblea pero previamente se entregarán "entre 400 e 500" sintaturas de comuneiros esixindo que se vote en urna. Ademais, este domingo está convocada unha concentración ás portas do Ifevi, onde se celebra a asemblea. A protesta comezará as 9.30 da mañá.

Os colectivos contrarios ao proxecto non só sinalan aspectos medioambientais: "eliminaría masa forestal necesaria como pulmón para a atmosfera dunha cidade xa bastante polucionada, afectaría ao patrimonio arqueolóxico, social e cultural, aos recursos económicos asociados ó monte, á paisaxe e á propia memoria vital dos veciños e veciñas da zona". Senón que tamén fan fincapé en aspectos económicos e laborais. Neste senso cualifican Eurofond de "exemplo de compañía que deseña centros comerciais co modelo norteamericano de liberdade absoluta de horarios” e que este centro comercial "será a tumba do pequeño e mediano comercio en Vigo".

Tamén destacan que "un bosque ben xestionado podería dar beneficios constantes non só aos comuneiros senón a xente de toda a comarca. A xestión dos múltiples productos forestais en madeira, froitos, cogomelos, espacios de lecer e esparcimento, etc. poden ser unha fonte de emprego local, sostible e perdurable" e lembran que "as grandes áreas empregan a moita menos xente que o pequeno comercio. E emprego de peor calidade".

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende
Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende
Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.