Centos de tractores ateigan a estrada entre Curtis e Teixeiro polo sector lácteo

Tractorada de camiño a Teixeiro © Revista Afriga

Centos de tractores -uns 700 segundo os convocantes- saíron de novo ás rúas na oitava tractorada comarcal que o sector leiteiro leva a cabo nas últimas semanas para reclamar solucións contundentes de eficaces ante a grave crise que afecta os gandeiros. De Curtis a Teixeiro trasladáronse os vehículos convocados pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo na última mobilización -a oitava xa- antes das dúas grandes que se levarán a cabo o vindeiro 3 de setembro en Lugo e, sobre todo, o día 7 en Compostela.

O número de tractores que se xuntaron obrigou a cortar o tráfico na N-634 e os locais comerciais de Teixeiro pecharon durante unhas horas en apoio a unha manifestación que reuniu despois centos de persoas na localidade de Curtis. Gandeiros, veciños, pequenos e maiores lembraron a importancia do sector leiteiro na comarca e a necesidade dunha solución á crise máis grave que recordan. 

Centos de tractores -uns 700 segundo os convocantes- marcharon de Curtis a Teixeiro pedindo prezos dignos para o leite

Coa presenza das principais figuras do sindicalismo agrario e de representantes da oposición, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, que reclamou a dimisión da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, logo que volvese censurar as actitudes dos manifestantes por reclamar "un acordo á fracesa que non existe" e cualificase de "ilegal" regular os prezos. 

Vilalba lembrou que a Lei de Competencia di que é unha posición de dominio impoñer prezos ou condicións non equilibradas, "e vender a perdas non é equilibrado". A líder do SLG acusou a Xunta e a Consellería de "pemitir o abuso" da industria cos gandeiros. 

O SLG volve pedir a dimisión de Quintana e UUAA lémbralle que "ilegal é que os gandeiros cobren a 18 céntimos o litro"

Ao tempo, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, tamén rexeitou que as reclamacións do sector sexan "ilegais" e aclarou que "ilegal é que os gandeiros cobren a 18 céntimos o litro ou pagar a 130 días". Ademais, destacou que máis de 150 gandeiros levan sen cobrar o produto desde o pasado mes de marzo. Ademais, pediu á Xunta que "deixe de poñer atrancos" e que supervise un acordo no sector para evitar "o abuso de posición dominante" da industria. 

Mentres, durante a súa visita a Compostela, o secretario xeral de Agricultura, Carlos Cabanas, deixou a porta aberta á posibilidade de aumentar as axudas de mínimos anunciadas polo Ministerio e que agora podían abranguer unhas 5.000 explotacións, fronte ás 2.500 que se dixeron nun principio. Serían 300 euros por vaca, unha medida que os sindicatos cualifican de "parche". Ademais, insistiu en que non ten "dúbida ningunha" de que ahberá un acordo entre os diferentes integrantes do sector leiteiro para lograr prezos xustos e dignos

O Ministerio de Agricultura abre a porta a aumentar as axudas de mínimos a máis gandeiros

Non obstante, Cabanas volveu asegura que "é falso" que Francia establecese un prezo mínimo, dado que é algo "prohibido". "Inentouse revalorizar o prezo do leite a través de acordos bilaterais, que é o mesmo que se propuxo en España", engadiu sobre un pacto polo que levan anos agardando os gandeiros galegos, que nunha importante porcentaxe cobran por debaixo dos custos de produción. 

Cabanas compareceu en rolda de prensa xunto a secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, e o presidente estatal de Asaja, Pedro Barato. Mentres, os tractores facían ruta en Curtis. 

Concentración en Teixeiro a favor do sector lácteo © Revista Afriga
Tractorada de camiño a Teixeiro © Revista Afriga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.