Chega a sentenza "eivada" do Prestige

Momento do afundimento do Prestige, tras partir en dous © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Once anos despois da catástrofe e catro meses despois de concluír o xuízo. Este mércores 13 de novembro, xusto no 11º aniversario do sinistro, lerase na Coruña unha das sentenzas máis esperadas. Determinaranse as responsabilidades civís e penais pola catástrofe do Prestige, un dos maiores desastres marítimo e medioambiental da historia, que verteu case 70.000 toneladas de fuel ao mar e que provocou unha enorme marea negra que afectou de cheo a Galicia, pero tamén a outros puntos da costa do Estado, de Francia e de Portugal.

Luis Pía, presidente do tribunal, lerá a sentenza tras recoñecer que botara de menos "máis implicados" no proceso

O maxistrado da sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña e presidente do tribunal, Juan Luis Pía, será o encargado de facer público o ditame. O mesmo que botara de menos "máis implicados" nun proceso que unicamente sentou no banco dos acusados o capitán do buque, Apostolos Mangouras; o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos; e o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors. Un cuarto acusado, o primeiro oficial Ireneo Maloto, non foi xulgado ao atoparse en paradoiro descoñecido.

E este mércores tamén, como ocorreu naquel inverno de 2002, volverá haber unha mobilización social. Moito máis pequena e máis simbólica que reivindicativa, pero haberaa. A plataforma Nunca Máis xa anunciou que se manifestará diante da sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á espera dunha sentenza que, na súa opinión, "nace eivada". "Nace moi restrinxida de partida en relación aos indicios que hai enriba da mesa e á resposta social que xerou a catástrofe; a Xustiza non está á altura da sociedade porque os máximos responsables non están nin estiveron sentados no banco dos acusados", asegura Xaquín Rubido, voceiro do colectivo.

"A sentenza xa nace eivada de partida porque a Xustiza non estivo á altura da sociedade e porque os máximos responsables non estiveron no banco dos acusados", di Nunca Máis

Os tres imputados saberán, xa que logo, se a Audiencia da Coruña os condena ou absolve dos delitos contra o medio ambiente e danos nun ditame que será lido ás 11 da mañá no TSXG. No entanto, non haberá cadea para ningún deles logo das peticións do fiscal e dos avogados de varias acusacións en alusión ás súas idades. Para Mangouras, capitán do buque, a Fiscalía pide 12 anos de cárcere por delitos contra o medio ambiente e desobediencia; para Argyropoulos o ministerio fiscal non solicita cadea, pero si outros comparecentes que elevan a petición até a nove anos; e para López-Sors, as partes solicitan cinco anos de prisión, pero non así o fiscal, que exime da cadea o único representante do Executivo sentado entre os acusados e que segue a defender, como fixo no xuízo, o afastamento do buque da costa que estendeu a marea negra por todo o litoral. "O Goberno foi realmente o que ocasionou a catástrofe ao converter un accidente nun desastre; foi a administración que presidía Aznar e cuxo portavoz, tamén neste sinistro, era o señor dos hilillos", di Rubido en alusión a Mariano Rajoy, actual presidente.

Malia todo, o voceiro de Nunca Máis si cre que a sentenza "pode ter unha dimensión política evidente", máis aló de que, "quede en nada en canto a asunción das verdadeiras responsabilidades". "Se López-Sors é condenado, estarase condenando tamén a decisión do Goberno de afastar o buque e iso sería importante tendo en conta que, once anos despois, o PP non fixo autocrítica ningunha da súa xestión no Prestige", explica, tras advertir de que esta falta de autocrítica demostra "que se podería repetir a mesma aloucada actuación" daquela administración. "Unha decisión que carecía de sentido común e que multiplicou por moito os quilómetros de costa afectados e os danos provocados", lembra.

"A sentenza quedará en nada xudicialmente, pero terá dimensión política se condenan a López-Sors, porque estarán condenando a xestión do Goberno"

No entanto, nin Aznar, nin Arias Cañete, nin Jaume Matas, nin Mariano Rajoy, nin Arsenio Fernández de Mesa, nin Álvarez-Cascos... Ningún dos responsables políticos directos daquela catástrofe serán condenados, porque nin tan sequera foron acusados. Os que para a inmensa maioría tomaron as decisións máis controvertidas, que acabaron todas cargadas no lombo de López-Sors. "Tristemente é así e por iso a sentenza quedará en nada; o sistema xudicial español mostrou debilidade porque non foi quen de tirar da manta, de recabar probas que demostrasen as conexións evidentes entre as decisións de López-Sors e o Goberno central. Está claro que as hai, pero o Executivo non as permitiu poñer enriba da mesa", asegura Rubido, que cre que o proceso xudicial do Prestige "pon en evidencia a falta de independencia da Xustiza e un Estado opaco e corrupto". "O ditame está xa tremendamente limitado", insiste.

A ausencia de altos cargos políticos entre os acusados fai virar a atención cara á factura do Prestige e cara á decisión sobre quen será o responsable final de pagar os 4.328 millóns de euros que a Fiscalía reclama en concepto de responsabilidade civil. Se son os mariñeiros gregos os condenados, o importe recaería na aseguradora do buque; pero se é López-Sors, sería o Estado o que tería que facer fronte ao pago. No entanto, as disputas xudiciais entre operador, aseguradora, armadora e Goberno fai pensar a moitos que, no caso de que se condene a Mangouras, se produza un acordo extraxudicial coa aseguradora para que a Administración garanta cando menos o cobro dunha parte da suma reclamada.

"O proceso do Prestige mostrou a debilidade e a falta de independencia do sistema xudicial español"

Así o cre tamén o voceiro de Nunca Máis, que considera este acordo "unha posibilidade real". "As indemnizacións son unha espada de Damocles sobre moitas cabezas; tendo en conta tamén a crise económica na que nos atopamos, creo que repartirán as responsabilidades", asegura Rubido, que lamenta que desta sentenza non se tiren "medidas e acordos internacionais que garantan que se cubran as posibles consecuencias económicas de catástrofes deste tipo". "A nosa posición é que deberían garantirse medidas que protexeran o noso litoral. Entendemos que neste caso concreto, o Goberno foi o verdadeiro responsable da catástrofe, aínda que tamén haxa unha responsabilidade do estsdo do buque, que queda no propio buque", engade. Nese aspecto, o portavoz da plataforma coincide con expertos como Michel Girin, que cre que a sentenza "non terá validez internacional ningunha".

Sexa como for, a expectación aínda é máxima. A lectura da sentenza será, cando menos, un punto e seguido nunha catástrofe económica, marítima e medioambiental que marcou os galegos e que segue presente no imaxinario colectivo dun pobo que, como moitos dos expertos, xuíces e partes comparecentes na causa, cre que os verdadeiros responsables non serán condenados nunca.

Once anos despois, como lembra Nunca Máis, "cambiaron algunhas cousas". "Hai máis medios que daquela e o que se logrou foi grazas á presión e mobilización social, pero os graves recortes afectan tamén a seguridade marítima e non se fai todo o que se podería facer", lembra Rubido, que recorda que o Estado "non participou en ningún dos doce exercicios de salvamento feitos pola Axencia Europea da Seguridade Marítima en 2012" ou que "non hai un control efectivo do corredor de separación de tráfico en Fisterra". O perigoso, insiste, está en que os responsables políticos poidan volver tomar decisións como as que tomaron aquel inverno de 2002. Se a sentenza non é exemplarizante neste aspecto, así o poderían facer.

 

Manifestación de Nunca Máis ante o xuízo CC-BY-SA Praza Pública
López Sors declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.