Houbo un tempo no que a Comunicación para o Desenvolvemento se xestaba nos laboratorios comunicativos dos Estados Unidos e se entendía como a elaboración de campañas informativas para sacar aos "pobres países do sur do seu atraso". Mais a comunicación que procura un verdadeiro cambio social non é vertical senón horizontal e nace das propias comunidades, non de grandes conglomerados mediáticos. Desta forma de entender a comunicación, que apenas ten eco nas universidades españolas, falounos o profesor Thomas Tufte, que estivo en Compostela no encontro da REAL_CODE, a Rede Europa América Latina de Cooperación e Desenvolvemento.
O concepto de desenvolvemento pode ser entendido de formas moi diversas e mesmo dispares. Que é para ti a comunicación para o desenvolvemento?
O desenvolvemento ten sido interpretado de forma moi estreita, ligada cun crecemento económico lineal. Para min, porén, o desenvolvemento implica dereitos humanos, xustiza social e igualdade social e económica. Dende o meu punto de vista, a comunicación para o desenvolvemento implica un cuestionamento ao proxecto de desenvolvemento hexemónico neoliberal que pon a énfase no crecemento económico e nun mercado libre, cun gran custe social.
Dis que a Comunicación para o Desenvolvemento está nun momento de encrucillada. Por que?
Hai toda unha práctica das institucións ─gobernamentais, non gobernamentais e transnacionais como a ONU─ na que a comunicación para o desenvolvemento se entende de maneira vertical, de arriba abaixo, como acontece, por exemplo, nas campañas de saúde, de educación ou de desenvolvemento agrícola que organizan. Porén, na maioría das veces, non se cuestiona o proxecto hexemónico de desenvolvemento. A mobilización social que podemos ver trala Primavera Árabe ou o 15-M cuestiona ese gran proxecto de desenvolvemento e utiliza os medios de formas novas, de abaixo arriba, e distintas á das prácticas institucionais.
"A mobilización social que podemos ver trala Primavera Árabe ou o 15-M cuestiona ese gran proxecto de desenvolvemento e utiliza os medios de formas novas, de abaixo arriba, e distintas á das prácticas institucionais"
Mais ti consideras que en movementos como a Primavera Árabe ou o 15M se sobrevalorou o papel das novas tecnoloxías…
É unha simplificación tremenda falar delas como revolución facebook ou revolución twitter. Detrás hai toda unha interrelación entre as novas tecnoloxías e os medios tradicionais e, ademais, non podemos esquecer que o 15M parte de toda unha historia de movementos sociais, como foi no seu momento a mobilización contra a guerra de Iraq, no desenvolvemento da sociedade española.
América Latina é un referente na Comunicación para o Desenvolvemento. Que nos ten que ensinar neste campo?
As boas experiencias en comunicación comunitaria, as décadas de experiencia en movementos populares e sociais, as loitas contra as ditaduras na década dos oitenta e mesmo antes, é unha rica experiencia que América Latina nos ensina. Brasil leva xa vinte anos con presupostos participativos, o que implica abrir á discusión cidadá os presupostos locais, e agora esta experiencia estase exportando a África. Hoxe en día, en Kenia, por exemplo, estase aplicando esta práctica usando as novas tecnoloxías As ONG, por exemplo, expanden as súas denuncias empregando de maneira masiva os móbiles cando os gobernos locais non gastan o diñeiro comprometido e existen irregularidades na gobernanza local.
"As ONG, por exemplo, expanden as súas denuncias empregando de maneira masiva os móbiles cando os gobernos locais non gastan o diñeiro comprometido e existen irregularidades na gobernanza local"
Como valoras o modelo de desenvolvemento co que traballa a UE?
O proxecto de desenvolvemento da UE segue estando máis orientado ao apoio a si mesma ca ao resto do mundo. Temos que seguir cuestionando a súa forma desenvolvemento e os fins que pretende ─o fortalecemento de Europa como motor económico─ a través dos proxectos que apoia. O intercambio de estudantes, por exemplo, ten máis que ver coa importación de boas e bos estudantes para Europa que co apoio a África, Asia, ou América Latina.
Na actualidade, estanse a debater visións moi distintas do desenvolvemento, dende as propostas do Bo Vivir en América Latina até o crecemento económico de China e o seu apoio interesado á cooperación en África…
A presenza de China é un novo colonialismo: constrúense estradas e hospitais a cambio do fortalecemento económico do seu propio país. Quizais é unha reprodución do que o mundo occidental veu facendo en África. Mais hai outras propostas de desenvolvemento. En Bután, por exemplo, hai todo un concepto de desenvolvemento ao redor da felicidade e teñen ao redor de 32 indicadores ao redor da mesma. Detrás da proposta do bo vivir, en América Latina, hai unha proposta moi seria. Dende o PNUD hai xa vinte anos que se fixo unha proposta de desenvolvemento humano que vai alén o económico. En cada lugar hai unha interpretación de desenvolvemento. Pero, dito isto, temos que pensar a partir dos valores que todos compartimos, dos principios de xustiza social, equidade social e dereitos humanos.
"A presenza de China é un novo colonialismo: constrúense estradas e hospitais a cambio do fortalecemento económico do seu propio país"
En momentos de crise, os orzamentos para a cooperación diminúen. Como lle está afectando isto á Comunicación para o Desenvolvemento?
Os orzamentos para a cooperación estanse reducindo dramaticamente en España. Mais esta non é aínda unha tendencia global. En Dinamarca mesmo se aumentou en cooperación técnica tralo cambio de goberno acontecido o ano pasado e Estados Unidos está mantendo o mesmo nivel de cooperación técnica. De todos os xeitos, probablemente nos próximos anos si haxa unha redución, que obrigará a priorizar. O que está habendo xa na cooperación para o desenvolvemento é unha énfase cada vez maior en procesos de boa gobernanza, que quizais sexa máis barato ca enfatizar noutras cuestións como campañas de saúde, con moito peso en anos anteriores.
"Está habendo xa na cooperación para o desenvolvemento é unha énfase cada vez maior en procesos de boa gobernanza"
Gustaríame rematar esta entrevista cun proxecto de medio comunitario que a ti te chegara especialmente…
Acabo de volver de Malaui. En agosto estiven facendo unha avaliación dun proxecto comunitario baseado nas ideas de Paulo Freire, nos seus círculos de reflexión. De maneira moi práctica, xente moi humilde baseou, nunha pedagoxía que parte da comunicación dialóxica, a adopción de pasos importantes como a organización en cooperativas ou a realización de demandas aos seus gobernos locais. É todo un exemplo de articulación cidadá baseada nunha articulación comunitaria que parte da comunicación dialóxica.