Cinco candidatos e un elefante

O elefante na habitación © Manuel Casal Lodeiro

A expresión inglesa elephant in the room adoita empregarse para referirse a situacións evidentes e ineludibles, mais tremendamente incómodas, das que ninguén se atreve a falar. Unha desas situacións na sociedade de hoxe en día, un dos problemas de maiores consecuencias pero de menor presenza no debate público e político é o fin do crecemento e os límites que o ocasionan, entre eles o máis perentorio, se cadra, o Peak Oil (a chegada ao teito máximo de extracción do combustible fósil no que se basea o noso modo de vida).

Ante a escasamente sorprendente ausencia deste tabú na campaña para as eleccións galegas do 25 de setembro, quixen cuestionar os principais cabezas de lista para se enfrontaren publicamente a ese incómodo asunto. Con ese fin lanceilles varias preguntas moi centradas en aspectos concretos de cadanseus discursos e programas que coidei nos podían servir de enganche para tirar do fío e coñecermos un pouco mellor o que pensan dese innomeable paquidermo. A continuación ofrezo a miña análise das súas respostas a xeito de resumo comentado, mais convidando a todas as persoas interesadas a coñeceren a versión íntegra e literal das preguntas e respostas no documento adxunto.

Agardo que este artigo axude a que no debate político galego se vaia rachando o mesto silencio público sobre esta cuestión, como xa comezan facer noutros lugares (Reino Unido, sen irmos máis lonxe), se non queremos que ese elefante que non queremos ollar, acabe por esmagar todas as propostas que uns e outros ofrecen para o país.

 

PSdeG-PSOE

O primeiro en responder as miñas preguntas foi o candidato do PSOE. Fernández Leiceaga, malia achegar unhas respostas detalladas (mesmo achega algunha referencia bibliográfica), non me rematou de aclarar a miña dúbida sobre cal é a pregunta para a que ten o seu partido “unha resposta nova”. Así e todo, si que nos deixou un recoñecemento expreso de que o mundo “está a chegar aos límites de crecemento tras decenios de crecemento exponencial”, aínda que insiste en que é posible o “crecemento sustentable”. Non se aparta do discurso convencional cando afirma que existe unha “saída á crise” e que precisamente é aí onde eles ofrecen esa “resposta nova”, baseada en “recuperar o peso da acción pública na construción das condicións estruturais precisas para responder á crise”, aínda que recoñece que o papel do “público” é “importante” mais non “decisivo”. Así e todo, chama a atención que tampouco fuxe o profesor de economía dunha terminoloxía que ben podería alguén asociar ao concepto do Decrecemento, cando fala en positivo do “recorte da demanda”, mesmo empregando a anatémica palabra “recorte”. Recoñece o obxectivo dunha “economía descarbonizada” como problemático de conxugar coa conservación do emprego e cun mantemento da competitividade, que el vencella cun termo totémico en todas as candidaturas: a “innovación”. Na súa opinión esa descarbonización é unha “oportunidade” para novas iniciativas empresariais. A súa cuantificación de obxectivos, mesmo sen marcar prazos, é absoluta: “ciclos de produción sustentables de cero emisións, cero residuos, cero externalidades”. A súa fórmula parece ser innovación + eficiencia + optimización produtiva + acción pública = competitividade + sustentabilidade, no que non parece afastarse das propostas comúns na socialdemocracia actual (social-liberalismo, din outros), como tampouco o fai na súa aposta por manter o “Estado de Benestar”.

Baixando ao concreto, realiza unha repetida defensa do “altísimo potencial xeotérmico” de Galiza (menciona mesmo un plan estratéxico específico), aínda que non o cuantifica en relación ao consumo enerxético fósil que vai ir perdendo o país. Tamén salienta a idea das “electrolineiras” para os coches eléctricos, o district heating (limitado para parques empresariais) e afirma que as fontes de enerxía renovable diminúen a “dependencia do exterior”, aínda que non explica qué fontes renovables galegas poden diminuír concretamente a dependencia do petróleo, gas e carbón importado, que supoñen tres cuartas partes do noso consumo actual e que son as que están en proceso de esgotamento. Sobre o marco fiscal para favorecer a descarbonización menciona unicamente as famosas trabas ao autoconsumo do ministro Soria. Para rematar, defende a catalogación do gas natural no programa do PSdeG como unha “alternativa ao petróleo” como unha cuestión de “fases” polas que necesariamente cómpre pasarmos, na súa opinión.

 

BNG

A candidata do BNG, Ana Pontón, contestou máis parcamente e deixando varias das cuestións sen resposta, algo se cadra menos comprensible na única formación que leva o Peak Oil de maneira expresa no programa como algo que Galiza debe abordar. Malia vencellar a “sustentabilidade económica e social” coas consecuencias do uso da enerxía fósil, sorprende que o obxectivo que ela salienta con insistencia (e non só nesta entrevista) o cualifique como un “sistema cada vez menos contaminante” (tamén fala de “enerxías limpas”), e non máis resiliente ou máis sustentable ou simplemente viable. É dicir, interpreto que para ela o problema principal parece ser que o petróleo contamina, non que vaiamos quedar sen el sendo tan dependentes. Cuestionada expresamente polo asunto da dependencia alimentar do país (só producimos o 50% do que comemos, segundo datos de Carreira & Carral en O pequeno é grande) á candidata do Bloque parécelle esa situación “un disparate” xa que somos “potencia” en produción de diversos tipos de alimentos. Porén, ante a miña mención do Periodo Especial cubano como analoxía do noso posible futuro, evita explicitar a cuestión da vulnerabilidade nacional que representa o feito de que dependamos do petróleo para traer até Galiza a metade do que comemos. O obxectivo da formación nacionalista, sinala, é “aproveitar todo o noso potencial e poñer o país a producir”, caracterizando esa produción como sustentable, saudable, creadora de emprego e riqueza e decidida democraticamente a nivel local (mención implícita á soberanía alimentar).

Ás incoherencias que tratei de salientarlle entre o meritorio recoñecemento do Peak Oil no programa da súa formación, por unha banda, e a continuidade coa aposta polo crecemento, por outra, a licenciada en Ciencas Políticas responde con rotundidade: “É perfectamente posible combinar crecemento económico e sustentabilidade”. E como é que propón o BNG conseguilo nun planeta finito, con rendementos enerxéticos decrecentes e cunha dependencia mundial do 86% da enerxía non renovable? Cos mesmos argumentos que atopamos habitualmente nesa esquerda que confía maioritariamente no poder da tecnoloxía: enerxía renovable + eficiencia tecnolóxica. O seu discurso rexeita que isto entre en contradición coa finitude dos recursos ou coa necesidade dun uso “racional e honesto” dos mesmos. A extensión da captación de enerxías renovables e a mellora continua da eficiencia —danos a entender o seu discurso— non teñen límites, nin son contrarrestados polo Paradoxo de Jevons (ou efecto rebote, que leva a maiores consumos totais cando se mellora a eficiencia enerxética).

Finalmente, tras lle eu sinalar outra incoherencia na aposta do BNG por sectores altamente dependentes das fósiles como automoción, aeronáutica ou industria agrícola, di non compartir o meu “criterio” e defende a seriedade e solvencia do seu “proxecto de país”, poñendo Pontevedra como modelo internacional de sustentabilidade. Sostén que é “perfectamente compatible incrementar o valor engadido da nosa produción para xerar máis riqueza e emprego con ir na dirección das enerxías renovables e da redución de consumos”. Repite o termo “perfectamente” amosando unha firme seguridade na continuidade do business-as-usual nun contexto de devalo enerxético fósil, que semella superior —por exemplo— á dun Leiceaga ou á dun Villares que recoñen expresamente na entrevista os “problemas” que implica tentar conxugar todos os obxectivos sociais e económicos durante a transición a unha sociedade “descarbonizada”. A candidata nacionalista entra a retrucar a miña crítica unicamente na cuestión da agroindustria, que ela defende que pode ser local e crear emprego e riqueza “sen prexudicar o medioambiente”. Se Galiza se ten que alimentar a si mesma dun xeito sustentable —dinnos Carreira e Carral no estudo citado— o que cómpre é apostar principalmente pola pequena agricultura familiar, máis ca pola industrial. Por contra, semella que o BNG ten unha aposta preferente pola industria. “Podemos conciliar desenvolvemento e benestar ambiental”, afirma a súa candidata. Pontón, malia defender o crecemento, tamén aposta por “minimizar consumos”, sen atopar ningunha contradición nisto.

 

PP

Por parte do partido no goberno, e en ausencia das respostas do seu principal candidato, a conselleira Beatriz Mato foi a encargada de contestar as miñas preguntas. Comeza evitando responder a cuestión de se tras o Peak Oil (que non recoñece expresa nin implicitamente) vai existir tránsito rodado que xustifique a ampliación das estradas e autovías que defende o seu partido, aínda que matiza esa “ampliación” presente no programa do seu partido como unha simple “mellora” (menciona expresamente a cuestión da seguridade) das estradas existentes e “non tanto” construír novas estradas. Afirma que “incluso no longo prazo, un modelo territorial como o galego seguirá necesitando dos desprazamentos por estrada”. E como pode ser a mobilidade por estrada tras a queda do petróleo, para o PP galego? Afirman estar traballando para reducir a “dependencia do petróleo”, e apunta a que a substitución será “seguramente a través do maior aproveitamento da electricidade”, en liña co apuntado polo candidato do PSOE (coches eléctricos), sen atopar ela tampouco ningún problema á substitución da enorme mobilidade rodada privada actual baseada na gasolina/gasóleo por outra equiparable baseada na electricidade ¿renovable? (pode non ser casual que evite incluír ese adxectivo na súa resposta; contará o PP galego con poñer en marcha novas centrais de carbón ou de gas? Ou, se cadra, coa electricidade de orixe nuclear?).

Continuando coa cuestión das infraestruturas rodoviarias, a enxeñeira industrial asegura que “a ampliación da rede ven acompañada dunha serie de medidas que permitan cumprir os compromisos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro”, aínda que non ofrece cuantificacións acerca de como se poden reducir estes gases aumentando o tránsito. Defende tamén a aposta do seu goberno polo transporte público “máis útil e accesible” o cal concreta en medidas como a ampliación da rede metropolitana nas sete cidades, a gratuidade dos buses para a xente nova e os sistemas de “pagamento intelixente”. Ela tamén fai bandeira da eficiencia, indicando que “os propios vehículos tenden a ser cada vez menos contaminantes”, sen entrar na cuestión de se o uso (e polo tanto emisión) global está a diminuír ou a aumentar. Tamén propón novas “sendas” para desprazamentos non motorizados e a peonalización.

A respeito do “autoconsumo eléctrico”, polo que apostan fortemente no seu programa, recoñece que é “unha realidade imparable” e que xa o están a apoiar: “A Xunta xa ten tomado medidas en favor desta alternativa como facilitar a legalización das instalacións de baixa tensión sen vertido á rede ou apoiar economicamente instalacións de xeración distribuída e o autoconsumo”. En canto á situación lexislativa no Estado defende a “estabilidade” e “ordenación” que supón, na súa avaliación, o Real Decreto que o regula e apunta como probabilidade a que “unha vez controlado o déficit de tarifa e consolidada a estabilidade económico financeira do Sistema Eléctrico” se dea “un cambio regulamentario no sector do autoconsumo no que as peaxes de respaldo serán simbólicas e o balance neto o principio reitor”.

 

CxG

O candidato de Compromiso x Galicia, Xoán Bascuas, demostra nas súas respostas que, malia a súa formación non levar a mención expresa do Peak Oil no programa, o recoñecen e o teñen en mente, aínda que o sitúen como algo nun futuro aínda indeterminado: “compre de maneira urxente abordar a crise do petróleo”... “seguimos con atención a información sobre a data do Peak oil e os demais combustibles fósiles. Data que polo de agora é moi incerta”, afirma. De feito, dá claramente a impresión de confiar en que aínda hai tempo para realizar unha profunda transición antes de que “chegue o Peak Oil”, pasando se cadra por alto a necesidade de comezar a preparar unha sociedade como mínimo 20 anos antes (Informe Hirsch, 2005) e o feito de a propia Axencia Internacional da Enerxía recoñecer que pasamos o Peak Oil do cru convencional ¡hai 10 anos! e de que o Peak de todos os líquidos que se adoitan equiparar nas estatísticas co petróleo fálase que puido ser no 2015 (vid. o último Oil Market Report, da mesma AIE, ou o Monthly Energy Review de agosto deste ano da Axencia Estadounidense da Enerxía). “A nosa economía non se verá afectada no momento que chegue o Peak oil porque xa teremos outras fontes de enerxía”, afirma demostrando ampla confianza nas posibilidades da política enerxética que propoñen, e á que queren destinar “100 millóns de euros en 4 anos” (pouco máis do 1% do orzamento total actual da Xunta). Xustifica a súa confianza en que “moitos autores son optimistas acerca da capacidade da innovación tecnolóxica para retardar esa data ata un futuro moi lonxevo, mesmo hai teorías de que a explotación dos hidratos de metano das plataformas oceánicas poderían reverter o cénit dos combustibles fósiles séculos”, aínda que recoñece que iso podería ser “economicamente inviable”. Tamén pasa por alto que calquera posible retraso no comezo do devalar enerxético fósil (como o que se ten producido nestes últimos anos grazas a unha explotación dos pseudopetróleos non convencionais de baixo retorno enerxético e de moi curto percorrido) ten a contrapartida de facer máis abrupta a caída posterior. Noutra das súas respostas recoñece: “Non existen solucións técnicas rápidas”, do cal se deriva que se é certo que estamos xa no Peak Oil, “as consecuencias poden ser graves”.

Malia esa fe nas posibilidades da tecnoloxía —que comparte con todos os demais candidatos— o profesor da Escola de Traballo Social amosa nas súas respostas ter reflectido sobre as consecuencias do devalo petroleiro: “Case todos os aspectos da nosa vida están ligados dunha ou doutra maneira ao petróleo e o gas natural”... “a enerxía non é solo un recurso estratéxico senón tamén a pedra angular sobre a cal se formou o mundo que hoxe en día coñecemos (…) se entramos no Peak Oil a nosa economía se vería gravemente afectada ao non ter posto en marcha outro tipo de políticas enerxéticas (…) A política enerxética dos próximos anos é a clave do futuro do país, do mundo e da supervivencia da humanidade”, chega a afirmar. Así, resulta notable o nidio vencello que recoñece entre a “viabilidade das enerxías alternativas e o mantemento e progreso do Estado do Benestar”, e que se percibe no programa de CxG. A combinación de ambos elementos sintetízaa Bascuas nun concepto que outros candidatos non mencionan pero que ben pode identificar algunhas das súas propostas: o “keynesianismo verde”. Tamén denota a primacía do “aforro” dentro dunha política de transición enerxética, fronte a outros candidatos que se limitan a facer fincapé na mellora da eficiencia enerxética, a cal —Jevons mediante— non asegura por si mesma un aforro neto global, asemade de estar sometida a unha curva de rendementos decrecentes xa moi avanzada en case todas as tecnoloxías vencelladas ao consumo enerxético.

Destácase como o único dos candidatos que fai fincapé na necesidade de “educar” e “informar” a cidadanía como paso necesario para a transición enerxética: “a primeira solución real é a racionalización do consumo dos combustibles fósiles tanto de maneira individual como colectiva grazas a concienciación cidadá”. Tamén resulta interesante a súa identificación da “crise do petróleo” (o Peak Oil) como unha “oportunidade” para o país. Afirma o convencemento de Compromiso de que “Galicia pode ser autosuficiente se apostamos por enerxías limpas. Incluso pode ser unha grande fonte de ingresos para o pais” e menciona o famoso termo “potencia” en relación coas enerxías renovables, que el denomina en repetidas ocasións (igual cá candidata do BNG) “enerxías limpas”.

 

En Marea

Luis Villares é o derradeiro en responder (un día despois do prazo indicado) e é dos que se mostra máis elusivo nas súas respostas. Comeza considerando unha “sorte” que a pluralidade de En Marea implique que haxa dentro dela quen defende o Decrecemento e quen non o fai (e cualifica isto de “non excluínte”) e evita responder á pregunta explícita sobre o punto no que se achan nun posible proceso de avance ideolóxico desde as tradicionais posicións keynesianas cara a un modelo ecosocialista. Porén, nunha resposta posterior recoñece defender o “crecemento industrial”, nun modelo cualificado, iso si, (de novo o oxímoron) como “sostible a nivel humano e ambiental” ou como “crecemento económico autocentrado e ecoloxicamente sustentable”. E aínda que non inclúe a cuestión da transición enerxética dentro das “claves fundamentais para un pacto de cara á formación dun goberno” si que recoñece que as “cuestións relativas ás enerxías” están “dalgún xeito relacionadas con garantir os servizos públicos esenciais e a profundización democrática” e que nese sentido os “principios políticos” da súa formación “serán vinculantes á hora de chegar a acordos”.

Afirma que “as propostas arredor do Peak Oil, do esgotamento dos combustíbeis fósiles e do necesario e urxente inicio dun plan de transición enerxética en Galicia, foron recollidas e integradas no programa, malia que o teito do petróleo non apareza explicitamente mencionado”. Porén, revisando o programa non se acha nin unha soa mención ao petróleo, e á enerxía dedican tan só 1 das 132 páxinas que compoñen o programa.

Nese sentido, el argúe que “o programa político non vai ao detalle concreto” aínda que afirma que “En Marea recolle nos seus documentos” (estará detallado fóra do programa, se cadra?) “un plan de transición enerxética necesario para afianzar o futuro do país a nivel ambiental e a nivel económico”. Chama positivamente a atención que o xurista indique que ese plan “debe ser debatido en foros amplos e democráticos, en que se conte co tecido asociativo e coa sociedade civil”. De maneira semellante ao candidato do PSdeG, recoñece que “vai ser un proceso complexo, de múltiples combates en múltiples frontes, no que non podemos facer falsas promesas”. Como outros candidatos, menciona tamén a famosa “innovación” e fai fincapé no obxectivo de das “industrias limpas” que empreguen “alternativas ás enerxías fósiles”, o cal anuncian que promoverán mediante “criterios” para “os novos proxectos empresariais” e que comprerá mudar “inercias ideolóxicas”, “lexislación” e “intereses económicos privados”.

 

O elefante na habitación © Manuel Casal Lodeiro
Hai anos que se ven alertando do próximo final dos combustibles fósiles que moveron a economía mundial nos últimos dous séculos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.