Clamor multitudinario en Lugo contra a estafa das preferentes

Manifestación de afectados polas preferentes en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

Aseguraron que manterían a súa loita na rúa e estano a cumprir. Máis de 3.000 persoas afectadas polas participacións preferentes e as subordinadas das antigas caixas de aforros galegas volveron saír á rúa, desta volta en Lugo e cadrando con protestas semellante en todo o Estado, para denunciar a "estafa" á que as someteu a actual Novagalicia Banco e para esixir a devolución dos seus aforros, reclamacións que veñen realizando dende hai moitos meses e á que agora se engade unha máis: que o Goberno central non aplique a quita pactada coas autoridades europeas no marco do rescate bancario.

"Estafados polos bancos, expropiados polo Goberno", rezaba a pancarta principal dunha mobilización que tivo como escenario en parte do seu percorrido o adarve da Muralla romana da cidade. Bandeiras de Nunca Máis readaptadas a estas novas reivindicacións ou carteis con alusións directas á responsabilidade da Xunta serviron para ilustrar unha protesta na que o voceiro dos afectados lugueses, Javier Novo, explicou a súa frontal oposición á quita, isto é, a que o Estado avale a perda de parte dos aforros. "Non estamos disposta a aceptar ningunha quita porque, como eles mesmos recoñeceron, as prefernetes foron un produto mal comercializado".

"Non estamos dispostos a aceptar ningunha quita, que recoñezan a fraude xeralizada, sobre todo á xente maior"

"Somos aforradores, non especuladores", coreou a multitude, á que apoiaba o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, ademais de outros representantes do Bloque e tamén de Alternativa Galega de Esquerda. Mentres, dende a plataforma de afectados Novo explicitaba que a única petición que se está a realizar nestas protestas é a devolución "dos nosos cartos". "Que se recoñeza a fraude xeralizada e a estafa, sobre todo á xente maior", a mesma, que, lembra, xa está a protagonizar outras accións de protesta como peches en caixeiros, froito da desesperación.

O manifesto ao final da marcha, ante o edificio administrativo da Xunta na cidade, incidiu na mesma liña. Cómpre a devolución do "100% dos aforros" das persoas "estafadas", maís aínda cando agora o Goberno central ten, a través do FROB, na súa man os cartos enviados pola UE para sanear a banca. Tamén en Bruxelas "están ao noso favor", afirman o voceiros dos afectados, en cuxa opinión os únicos "refractarios" a resolver o conflito satisfacendo a quen foi estafado "son a Xunta e o PP".

Ao PP dirixiuse tamén durante a marcha Francisco Jorquera. Para o nacionalista, a Xunta debe "buscar unha saída global aos milleiros de persoas afectadas" polas preferentes, a comezar por "impugnar" o decreto do Goberno central "que permite a "expropiación dos cartos", isto é, a devandita quita. A xuízo do voceiro nacionalista na Cámara a Xunta só tentou "apaciguar os ánimos" durante a campaña electoral das autonómicas abrindo a vía da arbitraxe de consumo, un recurso que agora está "paralizado". Mentres, "non é de recibo" que as persoas enganadas poidan chegar a perder "ata o 70%" do seu diñeiro, recibndo o resto en accións que, por outra banda, os afectados "non poden vender, porque Novagalicia Banco está intervida".

Jorquera e outros membros do BNG, na marcha pola Muralla CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.