En Coia viven ao redor de trinta mil persoas. Un barrio, unha pequena cidade dentro doutra cidade, que constitúe a columna vertebral de Vigo, e que malia a súa densa urbanización, até hai relativamente pouco (os anos sesenta) era aínda unha zona rural, unha das tantas parroquias do Val do Fragoso. A súa construción e crecemento reuniu varios dos elementos que caracterizaron o desarrollismo e o desenvolvemento urbano na España tardofranquista: urbanización acelerada, insuficiencias dotacionais, elementos de marxinalidade e, fronte a todo isto, a organización e loita da veciñanza, organizada en asociacións e plataformas co obxectivo de que o barrio fora un suxeito activo do seu propio desenvolvemento integral.
De todo isto é do que se fala este mes no ciclo de charlas organizado por Eduardo Rodríguez (responsable do blog Alicerces) e Diego Lores (ODS de Coia), que se celebran na Biblioteca Neira Vilas de Vigo (Avenida Martínez Garrido, 21). As charlas teñen lugar ás 19.30 todos os martes e serán completadas o martes 25 cunha actividade dirixida ao público infantil, co obxectivo de que aprendan máis sobre o seu barrio. Ademais, a biblioteca acolle unha exposición sobre a evolución de Coia.
"No caso da Coia dos anos 70 e 80, a perigosidade e a subversión tiñan unhas razóns moi claras. En apenas unha década, pasou de ser unha das tantas parroquias rurais do Val do Fragoso a un barrio urbano construído a toda velocidade"
"Pensamos que é unha historia que paga a pena ser recuperada e contada", destacan os seus organizadores. Os primeiros edificios foron construídos pola Promotora Benéfico Popular da entón Caixa de Aforros Municipal de Vigo, por cooperativas de vivenda promovidas por empresas como Citroën e Vulcano e por vivendas de Protección Oficial. En xaneiro de 1975 o Ministerio de Gobernación, no seu documento interno Plan Barrios, catalogou como "perigoso e subversivo" o barrio de Coia, xunto aos tamén barrios vigueses de Calvario e Ribadavia. "Por ignorancia ou por mala fe, poñíase o énfase nas consecuencias e non nas causas, cun falaz discurso que segue plenamente vixente na actualidade" -destacan- "no caso da Coia dos anos 70 e 80, a perigosidade e a subversión tiñan unhas razóns moi claras. En apenas unha década, pasou de ser unha das tantas parroquias rurais do Val do Fragoso a un barrio urbano construído a toda velocidade. O paro, as drogas, a precariedade e a desatención por parte das administracións eran o ecosistema cotián no que tiñan que vivir os veciños do barrio".
A segunda das charlas programadas, que terá lugar o vindeiro martes, Das leiras aos grandes bloques, afondará nesa urbanización acelerada. Mentres, a terceira, Do barrio que temos ao barrio que precisamos, prevista para o martes 18, mirará cara ao futuro: "A fractura social é cada día máis evidente, e nos barrios populares os seus habitantes están máis expostos as súas consecuencias negativas. Os anos de deterioro dos lazos comunitarios, de individualismo, de consumismo, de inseguridade, de privatizacións… fixeron que estes espazos foran perdendo a súa forza coma xeradores de vida. Partindo deste momento de mudanzas, queremos deternos e pensar -en común- que vida queremos/precisamos construír día a día nos nosos barrios", explican. Falamos con Eduardo Rodríguez.
"Ao pasear polo noso barrio ateigado de rúas e altos edificios resulta moi difícil imaxinar que ata hai unhas décadas era unha das tantas parroquias rurais do Val do Fragoso"
Coia semella un barrio de moi recente creación, pero vós falades dunha orixe que afunde as súas raíces na Prehistoria. De verdade é así?
Si. Ao pasear polo noso barrio ateigado de rúas e altos edificios resulta moi difícil imaxinar que ata hai unhas décadas era unha das tantas parroquias rurais do Val do Fragoso. E se retrocedemos aínda máis no tempo, e grazas a disciplinas como a arqueoloxía ou a toponimia, descubrimos un pasado moi rico. Sabemos que houbo un pequeno castro de vocación mariñeira habitado posiblemente entre os século IV e II antes de cristo, ou unha Coia medieval na que vivía e morría xente, a teor dos restos arqueolóxicos de natureza funeraria que apareceron na contorna da igrexa de San Martín de Coia. E o máis sorprendente e que, na estrutura urbana actual aínda quedan pegadas dese valioso pasado: algún resto arqueolóxico descontextualizado, construcións tradicionais populares, unha inmensa riqueza toponímica...
Cando desapareceu esa Coia tradicional para dar paso á Coia actual?
Sen dúbida, o punto de inflexión foi a execución do Plan Parcial de Coia, nos anos 60 e principios dos 70. Nesas datas, a ditadura franquista promove políticas de desenvolvemento industrial, e varios millóns de persoas desprázanse do campo á cidade para servir de man de obra a esas fábricas. E claro, esa xente necesitaba vivenda. Coia é un claro exemplo de barrio xurdido como consecuencia desa realidade histórica. O novo eixo vertebrador do novo barrio, a Avenida de Castelao, foi deseñado polo arquitecto Desiderio Pernas, quen moi influenciado polas ideas de Le Corbusier e da Escola de Arquitectura da ITT de Chicago proxecta unha avenida ampla e abundantes zonas verdes. Ademais proxectou moitos dos edificios desta avenida cunhas formulacións arquitectónicas bastante avanzadas para a súa época.
"As insuficiencias dotacionais constituíron un problema de primeiro orde que chegaron a causar trastornos de saúde ou mesmo mortes"
Pero inicialmente houbo moitos problemas de índole urbanística...
Si, porque construíuse a marchas forzadas, a toda presa, levantándose da noite á mañá un barrio novo onde ata ese intre só había descampados ou leiras. A ausencia de dotacións culturais, sanitarias, ou incluso as básicas urbanísticas (redes semafóricas, beirarrúas, saneamentos,...) foi un dos principais problemas cos que se toparon os novos veciños. As insuficiencias dotacionais constituíron un problema de primeiro orde que chegaron a causar trastornos de saúde ou mesmo mortes.
O barrio foi coñecido nos momentos por algúns elementos de marxinalidade, pero tamén por unha activa organización social...
Coma noutros barrios obreiros do Estado os consumos abusivos de drogas legais e ilegais fixeron grandes estragos en varias xeracións. En Coia a heroína matou moita xente, ademais supuxo unha ruptura no devir do barrio. Coas drogas chegou o medo e a desconfianza nas familias, na veciñanza... É moi curioso como nesa época comezan moitos edificios a levantar muros, poñer cancelas, pechar os baixos nun intento de se protexer contra uns consumidores que cando non eran os seus propios fillos, eran os seus veciños, sobriños...
"Coma nas orixes do polígono, a veciñanza busca saídas no apoio mutuo, na resposta colectiva, na denuncia da inxustiza e dos responsables de tanta dor"
Cales son as principais necesidades do barrio neste momento?
No comezo os primeiros habitantes esixían: semáforos, transporte público, centros escolares, sumidoiros... Agora a insuficiencia de recursos para afrontar a vida cuns mínimos que trouxeron o desemprego e a ineficiente protección social colocan a moitos fogares do barrio en situacións dramáticas. En moitas casas os únicos ingresos regulares son as pensións das avoas que estiran os cartos para manter a fillos, netos... Pero coma nas orixes do polígono, a veciñanza busca saídas no apoio mutuo, na resposta colectiva, na denuncia da inxustiza e dos responsables de tanta dor.
"As saídas teñen que ser colectivas e pasar por recuperar as rúas, por festexar, por reducir os circuítos comerciais, polo apoio mutuo"
O futuro do barrio onde pode estar?
Onde decidan os seus habitantes. Temos a sorte de contar aínda cuns lazos comunitarios vivos que resistiron tempos moi complicados para os movementos veciñais: individualismo, consumismo, profesionalización, privatización dos espazos públicos... Algunhas pensamos que as saídas teñen que ser colectivas e pasar por recuperar as rúas, por festexar, por reducir os circuítos comerciais, polo apoio mutuo... Son intuicións, pero sobre todo experiencias polas que pode pasar un futuro onde os nosos barrios, poidan ser verdadeiros espazos de vida.