A Praza da Chousa, en Combarro, foi en orixe unha praia e empregouse tamén como peirao. Hai algunhas décadas cubriuse de terra, conformando un espazo de uso público a carón do conxunto histórico da vila. Hai uns anos o Concello de Poio reformouna, dotándoa dun enlousado de pedra sobre o que hoxe xogan rapaces e rapazas e no que a xente pasa a tarde sentada. A Chousa é unha praza. Porén, a pesar de que hai moito tempo que non ten xa usos portuarios, a súa xestión segue a depender de Portos de Galicia, aínda que o seu mantemento, limpeza ou iluminación corren da man do Concello.
Cando unha entidade quere organizar unha actividade na praza, ten que solicitar un permiso ante Portos, un trámite longo que en ocasións é denegado e que implica ademais o pagamento dunha taxa
O problema chega cando unha entidade quere organizar calquera tipo de actividade na praza. Daquela, ten que solicitar un permiso ante Portos, un trámite longo (máis de dous meses) que en ocasións é denegado e que implica ademais o pagamento dunha taxa (a asociación Armadiña tivo que aboar 340 euros por un día de uso o pasado ano). O pasado ano Portos de Galicia mudou a súa normativa, regulando a nova Lei 6/2017 a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas nos portos, e prohibindo aquelas non relacionadas directamente co mar. Nese momento, a ACDeM Armadiña decidiu solicitar a desafectación do espazo, para que pasase a ser xestionado polo Concello.
"A evolución da Chousa nos últimos anos afastouna de calquera uso portuario. Chousa non é un porto, Chousa é unha praza. Na praza non hai chalanas, hai crianzas xogando. Non hai nasas, hai veciñ@s paseando. Non hai aparellos, hai xente conversando. A Chousa mudou, hoxe é a nosa praza", podíase ler no documento difundido nas primeiras semanas de xullo e que moi rapidamente recolleu un milleiro de sinaturas na vila. A entidade vira rexeitada a súa solicitude para a organizar a cuarta edición do torneo de fútbol 3x3 Armadiña, que finalmente si se puido celebrar, unha vez que Portos de Galicia cedeu ante a presión social.
Este xoves outros sete colectivos sociais da vila uníronse á demanda, unha reivindicación que vai gañando peso e que conta co apoio do Concello de Poio. Marga Caldas, concelleira de Deportes anunciou en rolda de prensa que o Goberno local iniciará os trámites para solicitar a desafectación deste espazo. En setembro o tema chegará, ademais, ao pleno municipal, co debate e votación dunha moción ao respecto.
"A evolución da Chousa nos últimos anos afastouna de calquera uso portuario. Na praza non hai chalanas, hai crianzas xogando. A Chousa mudou, hoxe é a nosa praza"
"Hai moito tempo que a praza non ten uso portuario. Os rapaces e rapazas xogan aí coa bicicleta, coa pelota. A xente pasa as tardes sentada, falando. É unha praza", destaca Fran Acuña, da ACDeM Armadiña. "A contorna de A Chousa debe ser desafectada e traspasada a súa titularidade ao Concello de Poio. Entendemos que a praza debe regularse acorde aos intereses xerais da veciñanza e non segundo os seus usos portuarios. Queremos un acceso libre e gratuíto para a celebración das actividades e eventos na praza", sinala a entidade que, por exemplo, aínda non sabe se poderá celebrar en setembro unha xornada de xogos tradicionais que leva tempo organizando.
"Tardan máis de dous meses en confirmar unha actividade, o que é moi molesto á hora de organizar calquera evento, contratar empresas... En moitas ocasións Portos de Galicia non responde até despois da realización do evento, isto crea incerteza e pon en perigo a celebración das actividades. Queremos aforrar todos estes trámites, para nós e para calquera", di Acuña. O que si está garantida a é a celebración do Festival Armadiña Rock, que terá lugar do 24 ao 26 de agosto (con La Pegatina, Amparanoia, Sés, Terbutalina, Zënzar, Banda Xangai...), xa que o evento está incluído na programación das Festas do Mar que se organizan dende o Concello.
Coa nova normativa de Portos, o problema estase reproducindo noutros puntos do litoral galego
Os oitos colectivos sociais que apoian a reivindicación van seguir mobilizando á poboación para buscar un cambio de posición en Portos de Galicia, nun problema que coa nova normativa se está reproducindo noutros puntos do litoral galego.