Compostela, capital do cooperativismo

Milhulhoa é unha cooperativa de Palas de Rei dedicada ao cultivo de plantas medicinais © Milhulhoa

Un encontro internacional reunirá os días 5, 6 e 7 de xullo en Santiago de Compostela cooperativistas de Galicia, do resto de España e tamén chegados de Ecuador, Arxentina, Perú, Bélxica, Francia ou Portugal. O obxectivo é que este Encontro Cooperativo Internacional sirva, a través de xornadas técnicas, procesos formativos e posta en valor de experiencias, para difundir e fomentar esta fórmula empresarial como xeradora de emprego, riqueza e xustiza social en tempos de crise. O foro enmárcase na celebración este 2012 do Ano internacional do cooperativismo e pecharase o sábado 7 coincidindo co Día do Cooperativismo Galego.

As xornadas terán lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia con representación dunhas trinta cooperativas e organismos vinculados ao fomento do cooperativismo. Nas mesas redondas poranse en común de proxectos cooperativos de éxito nos ámbitos agrario, dos servizos sociais e do traballo asociado. Tamén se abordarán as novas fórmulas de cooperación e as redes internacionais, entre outros temas. Os expertos e asistentes ao Encontro Internacional Cooperativo compartirán experiencias de boas prácticas e cooperativas exitosas, tanto no aspecto económico como na creación de benestar social, baixo o lema As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor.

O sábado 7, Día do Cooperativismo Galego, entregaranse os premios á cooperación

O sábado 7, Día do Cooperativismo Galego, entregaranse os premios á cooperación, que teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que os cooperativistas, cooperativas e outras persoas e institucións veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento en Galicia. Entregaranse os seguintes galardóns: Premio aos valores cooperativos, para aquela cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos; Premio ao mellor proxecto cooperativo, para o proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia; e o Premio á promoción do cooperativismo, para a persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo.

O cooperativismo galego agrupa 88.000 socios en 1.136 entidades

Tamén se entregarán os premios do certame Cooperativismo no ensino, dirixidos a difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, potenciando e propiciando os valores e principios que o inspiran, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada. O cooperativismo galego agrupa 88.000 socios en 1.136 entidades. As empresas cooperativas galegas presentan un volume de facturación de máis de 2,4 millóns de euros. A media de idade dos asociados está por debaixo da media xeral da poboación galega, e a presenza de mulleres, aínda que segue sen chegar á igualdade, non deixa de crecer.

Milhulhoa é unha cooperativa de Palas de Rei dedicada ao cultivo de plantas medicinais © Milhulhoa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.