Compostela dálle voz á cadea de solidariedade co Sáhara

Hassanna Aalía realizou unha folga de fame na praza do Obradoiro © Esquerda Unida

Mohamed Lamin Haidala, un mozo saharauí de 21 anos, morreu o pasado 8 de febreiro nun cárcere de O Aaiún despois de ter sido atacado por un grupo de colonos marroquís e, segundo denuncian as plataformas de apoio ao pobo saharauí, torturado pola Policía dependente de Rabat. A súa nai, Takbar Haddi, iniciou a comezos de maio unha folga de fame ante o consulado marroquí en Tenerife para esixir que se investiguen as circunstancias do crime, e se as autoridades que ocupan o territorio lle presta a axeitada atención sanitaria. Pedía, igualmente, que lle entregasen o cadáver do seu fillo. 

Hai uns días asociacións e movementos sociais de toda España iniciaron unha folga de fame rotatoria en apoio das demandas desta muller, que despois de 36 días de protesta, tivo que abandonar a súa acción o pasado 19 de xuño, no momento en que, moi debilitada, comezou a vomitar sangue e foi ingresada nun centro hospitalario. Na folga de fame rotatoria participaron ou participarán representantes políticos coma Miguel Urbán ou Teresa Rodríguez (Podemos), Cayo Lara (IU), sindicalistas como Diego Cañamero, artistas como Pepe Viyuela ou deportistas coma Salah Amaidan.

Entre este luns e martes a quenda foi para o activista saharauí Hassanna Aalia, que realizou a súa acción en Compostela. Hassanna Aalía demandou "xustiza" e denunciou que Mohamed Lamin Haidala foi "asasinado con apoio das autoridades ocupantes"; así mesmo, criticou "a postura do Goberno de España", que continúa sendo a potencia administradora" da súa antiga colonia, e polo tanto "responsable do que está pasando", dixo. Hassana Aalia (O Aaiún, 1988) leva en España dende xaneiro, á espera de que a Audiencia Nacional recoñeza o seu dereito ao asilo político. Foi condenado por Marrocos a cadea perpetua por participar en actos de resistencia pacífica reclamando o dereito do pobo saharauí a decidir o seu futuro. O atleta Salah Amaidan tomou este martes dende Tolosa o seu relevo na folga de fame rotatoria.

Dende a Praza do Obradoiro a Asociación Galega Solidariedade co Pobo Saharauí sinalou a necesidade de dar a coñecer este caso e de que se atendan as demandas realizadas pola nai do mozo falecido, engadindo a importancia de difundir a realidade da situación pola que vive o Sáhara e os seus habitantes. Tanto o alcalde compostelán, Martiño Noriega, coma as concelleiras Noa Morales e Concha Fernández (CA) e Rubén Cela (BNG) e igualmente o deputado Xabier Ron (AGE), apoiaron a acción de Hassanna Aalia. 

Noriega salientou que o Concello de Santiago debe "dar voz" a estas reivindicacións e a esta realidade, fronte a aqueles que "pretenden instaurar a desmemoria e o esquecemento nunha causa que leva décadas aparcada décadas", dixo, criticando o "silencio" que conta "coa complicidade dos grandes partidos". O alcalde compostelán demandou o recoñecemento do "dereito do pobo saharauí a vivir en condicións de dignidade e a exercer a súa soberanía". "Non consideramos que esta sexa unha causa perdida, é unha causa por gañar e por iso estamos aquí", concluíu.

Hai dúas semanas a Asociación Galega Solidariedade co Pobo Saharaui manifestouse en Compostela en apoio de Takbar Haddi, esixindo unha "investigación parcial e independente" sobre a morte do mozo, unha "autopsia independente" do seu corpo, a entrega dos seus restos á súa nai e o cese das "ameazas" que está a recibir a súa familia. Os participantes na protesta, na que o deputado Xabier Ron foi o encargado de ler o manifesto, denunciaron que “a inxustiza segue” e lembraron a "responsabilidade moral" de España neste conflito.

Hassanna Aalía realizou unha folga de fame na praza do Obradoiro © Esquerda Unida
Takbar Haddi, no momento de suspender a súa folga de fame, tras 36 días © Plataforma de Apoyo al Pueblo Saharaui
Hassanna Aalia Dominio Público Praza Pública
Concentración na Praza de Praterías © Solidaridade Galega co Pobo Saharaui
Remate da folga de fame de Hassanna Aalia © Sogaps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.