"Cómpre que os medios reflictan unha imaxe máis ampla e realista do papel das mulleres na sociedade"

Hoxe é o Día Internacional contra a Violencia Machista Dominio Público Praza Pública

O Colexio de Xornalistas de Galicia publica un comunicado no Día Internacional contra a violencia de xénero, e convida aos e ás xornalistas galegas e ás cabeceiras "a unha reflexión profunda sobre o papel dos medios de comunicación na loita contra os crimes machistas, un dos máis graves problemas da nosa sociedade".

O comunicado destaca que "os asasinatos machistas non son acontecementos fortuítos nin sucesos illados nin crimes paixonais", polo que "é a tarefa das e dos xornalistas poñer o foco nas súas causas estruturais". Sinala que "as novas sobre violencia de xénero deben afrontarse sen eufemismos, evitando o sensacionalismo, a culpabilización das vítimas e a xustificación das agresións". E lembra os principios recollidos na Declaración de Compostela (asinada en 2004), entre eles a consulta a fontes expertas e a protección da intimidade das mulleres agredidas e das súas familias.

O Colexio quere ir máis alá e chama atención sobre o feito de que "os asasinatos machistas son só a consecuencia máis extrema e visible da violencia machista" e que "a desigualdade entre homes e mulleres afecta a todos os ámbitos sociais e tamén aos propios medios, cuxos postos de dirección están ocupados maioritariamente por homes malia que as redaccións son crecemente femininas". O comunicado esixe a "eliminación das mensaxes sexistas nos contidos informativos e de entretemento" e demanda que "os medios reflictan unha imaxe máis ampla, diversa e realista do papel das mulleres na nosa sociedade e que sexan especialmente coidadosos nas mensaxes dirixidas ao público infantil e xuvenil".

Hoxe é o Día Internacional contra a Violencia Machista Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.