Contas pendentes en Barcelona

Cartaz da campaña © Carmen Momo

Outubro de 2013, día 5 na capital catalá. Un grupo de Mossos d'esquadra danlle unha malleira a Juan Andrés Benítez, veciño do pluricultural e multiétnico barrio do Raval, ata provocarlle un paro cardíaco. A xente grava o episodio dende as súas casas, a policía, a sabendas do que fai, intenta infrutuosamente que as filmacións sexan borradas. Ao igual que coa sangue vertida na rúa Aurora. Outro axente é reclamado polas forzas do orde pra que limpe as evidencias do que recén acontecera. Tanto el coma os seus 13 compañeiros son chamados a declarar. 9 de eles serán imputados, aínda hoxe á espera de que se celebre o xuízo. Xustiza, iso si, é algo que aínda non tivo lugar.

No Raval lembrouse o asasinato deste veciño, empresario e emblemática figura do gayxample, lembrando tamén que non foi este o único caso de abuso policial que ten sufrido a xente de Barcelona recentemente

Cumpridos dous anos desta barbaridade, ninguén tivo que responder pola actuación policial, non houbo dimisións nin depuracións entre os altos cargos. E non semella que os responsables últimos destes fenómenos, falamos dos derradeiros consellers de interior, Felip Puig e Ramón Espadaler (que foi cabeza de lista de Unió nas eleccións do 27S) vaian ter a súa ración de xustiza. Nin por suposto, a comisaría de Nou de la Rambla, establecida fai anos no corazón do Raval coa firme idea de controlar un barrio que o goberno segue a considerar conflitivo cando o que segue a ser é pobre, popular e non-branco. Namentres as cazoladas puidáronse escoitar estes días por outros barrios da capital catalá, en apoio de Artur Mas, no Raval conmemorábase o asasinato deste veciño, empresario e emblemática figura do gayxample, lembrando tamén que non foi este o único caso de abuso policial que ten sufrido a xente de Barcelona recentemente. Montaxes coma o do 4F ou os 11 pakistaneses. Os ollos de Esther Quintana (a cal está presentando agora un documental centrado no seu proceso, que parece comeza a vislumbrar unha pequena posibilidade de reparación) e de tantos outros. As mortes sen explicar no CIE.

Non, non é xustiza o que reciben os barceloneses. Neste mesmo 5 de outubro, realizábase un xuízo, impulsado por CIU e La Caixa (e anteriormente tamén polo concello de Xavier Trias), aos folguistas do 29N de 2012, aos cales pídeselles 12 anos de cárcere, demostrando así o compromiso do partido máis votado de Catalunya cara os cidadáns descontentos que ven a democracia como algo máis que o exercicio pasivo dun voto.

Non houbo cazoladas masivas pero sí concentración nos xulgados en apoio ás catro encausadas. É o que ten non gozar dos privilexios de exercer un cargo nas institucións, as cales semellan cada día máis indolentes cara o sufrimento que causan. Senón, como é posible que o discurso oficial siga a manter que os Mossos d'esquadra “proceden correctamente” mentres oculta probas (os axentes rasuráronse o corpo pra evitar o exame toxicolóxico) e implementa lexislacións coma a Lei de Seguridade Cidadá, a cal, basicamente, impediría que episodios coma o asasinato de Juán Andrés poidan ver a luz?

Non houbo cazoladas masivas pero sí concentración nos xulgados en apoio ás catro encausadas. É o que ten non gozar dos privilexios de exercer un cargo nas institucións

Barcelona, como podemos ver, ten demasiadas contas pendentes coa xustiza. Coa xustiza penal e coa xustiza social. Durante todo o verán pasado, por mor da morte dun traballador senegalés en Salou, os chamados manteros levan sufrindo o acoso constante da Guardia Urbana nas inmediacións da Rambla. Non é outro exemplo aleatorio, tan só a constatación de que sendo pobre hai moi poucas posibilidades de atopar apoio ante a represión. Xa veremos quen remata entrando na cadea, se Artur Mas ou as encausadas de Aturem el Parlament. Ou mellor, aínda, podemos contar o número de indultos que estes mesmos políticos conceden cada ano e cantos dos indultados pertencen ás forzas do orde. Facendo estas comparativas entenderemos mellor a que clase de xustiza estamos expostos.

Por sorte, a resposta popular pode darlle á volta ás cousas, se se fai con forza. Os traballadores do top manta da Cidade Condal sindicábanse a pasada semana, de forma autoorganizada

Por sorte, a resposta popular pode darlle á volta ás cousas, se se fai con forza. Os traballadores do top manta da Cidade Condal sindicábanse a pasada semana, de forma autoorganizada. E, na mesma rúa na que Juán Andrés topouse cos seus verdugos, hoxe sitúase unha ágora que leva o seu nome e transformouse en centro neurálxico, artístico e de recursos pra todo o barrio do Raval, onde, pese a asfixiante presión daqueles demasiado pobres pra agardar unha xustiza xusta, o apoio mutuo atopa camiños pra dar esperanza e non deixar caer no esquecemento ás vítimas da impunidade.

Cartaz da campaña © Carmen Momo
Unha imaxe da marcha celebrada no Raval © Carmen Momo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.