Contra o estado de excepción musical en Compostela

Concerto de Caxade nun local compostelán © Casa das Crechas

A tensión entre o goberno do Concello de Santiago e o tecido cultural da cidade non é nova. Comezou cando a candidatura do PP que pechaba o actual alcalde, Agustín Hernández, tomou o bastón de mando coas mans de Gerardo Conde Roa, que centrou as súas teimas na agora pechada Sala Nasa e tamén na asociación cultural Gentalha do Pichel, que xa supera os 10 anos de vida. Na primavera de 2014, xa sen Conde Roa pero aínda con Ángel Currás na Alcaldía, a asociación cultural Cidade Vella, que agrupa unha ducia de locais do casco histórico da capital, anunciaba a suspensión indefinida das súas habituais actuacións musicais ante a posibilidade de seren multados, toda vez que o consitorio non daba concretado a sinatura dun novo convenio para darlles encaixe legal a estes pequenos espectáculos. Este outono, xa con Hernández á fronte, as multas comezaron a chegar e colectivos veciñais, hostaleiros e de músicos veñen de constituírse en plataforma contra este estado de "excepción" musical.

Baixo o nome Compostela, territorio musical, a Asociación Profesional de Músicos de Galicia, a Asociación Cultural San Martiño e a propia Asociación Cidade Vella unen forzas ante o que definen como "situación de acoso irracional cara á celebración de actividades culturais en establecementos". "Despois das diversas e infrutuosas reunións co Concello", explican, ven claro que por tras da "teima de relacionar a problemática do ruído" nocturno nas rúas "coa actividade cultural" é un "intento de manipular a situación", porque "non responde á realidade". "Por tras desa postura -defendida por unha asociación que o PP alentou dende a oposición- sempre hai persoas favorecéndose a si mesmas", manteñen.

A plataforma denuncia o "acoso irracional ás actividades culturais" en locais da cidade e reclama "reconducir" a "decadencia de Compostela"

Pero, "afortunadamente", afirman, "somos moitos e moitas máis quen queremos botar luz sobre este asunto", lonxe da "crispación á que nos conduciron as posturas extremas e a inoperancia política", unha "vergoña" que "non se pode seguir permitindo". Dende o punto de vista da plataforma, que pon en marcha ademais unha "mesa de debate permanente para elaborar unha diagnose clara", as solucións "só poden vir do diálogo" e partindo da base de que "as actividades culturais nos establecementos da cidade son unha riqueza e unha ledicia". Neste escenario, e coa "firme intención de reconducir cara a outro modelo de cidade a evidente decadencia de Compostela e transformala en consenso social", a plataforma comeza as súas actividades de "defensa da cidadanía e apoio á cultura" coa publicación dun manifesto que vén de ser presentado.

O manifesto

O Concello mantén que só pode mediar entre os locais e a Xunta, de quen depende a autorización

Mentres a nova concelleira de Cultura, a non electa María Antón, asegura que o goberno local só se pode limitar a exercer de mediador ante a Xunta, de quen agora depende a autorización, o manifesto de Compostela, territorio musical reivindica que a cidade "viviu sempre de mundo musical e sonoro", dende "o coro do mestre Mateo aos cantos de taberna". "Queremos unha cidade como tantas de Europa, onde se aprecie o talento e o bo facer" e "onde a música ao vivo dos artistas locais non sexa unha excepción programada, senón unha realidade cotiá". Coa música, reivindican, "mellórase a calidade da hostlería", que redunda "en beneficio" do sector pero tamén "a prol dunha cidadanía que quere vivir de maneira leda, hospitalaria, sostible e cultural". "A vida cultural -evidencian- faise a través destes pequenos actos repetidos, non só de actos excepcionais o día do Apóstolo".

Músicos e locais piden "un convenio que estableza claramente" as condicións en que se poden celebrar espectáculos

Na actualidade, lamentan, "o catálogo de actividades culturais permitidas en establecementos públicos" foi "indiscriminada e cegamente elaborado de costas á realidade e ao sentir e interés dos profesionais e cidadáns" mentres "as actividades que viñan celebrándose con normalidade en cafés, restaurantes, hoteis e bares foron acosadas, multadas e postas fóra da lei". A plataforma alerta dun modelo "no que a cidade e os cidadáns son mero escenario ao servizo dun hipotético turismo que non acaba de chegar" e, mentres, "entre fasto e fasto", "consúmase a destrución do pequeno comercio tradicional e da vida diaria da cidade". A petición, en última instancia, non é outra que "un convenio que estableza claramente en que horarios, decibelios e condicións se poden seguir a programar concertos en locais e espazos públicos". Só así se pode volver, aseguran, a "un marco de alegría, cultura, prosperidade e boa veciñanza".

Presentación do manifesto CC-BY-SA Compostela, territorio musical

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.