Cooperativismo cultural: unha ferramenta para a transformación social

Un momento do Festiclown Wirikuta © Pallasos en Rebeldía

Existen, en Galicia, máis de 1.100 cooperativas que agrupan uns 80.000 socios e socias, segundo un informe da Xunta. Perto da metade, -un 45 por cento-, son cooperativas de traballo asociado, que producen distintos tipos de bens e servizos. Un dos sectores nos que están presentes é o cultural, un dos máis afectados pola contracción do emprego nos últimos anos -no 2013, as industrias culturais déronlle traballo a 23.000 persoas, fronte ás 33.900 de 2009 ou as 26.300 de 2008, segundo os datos do Observatorio da Cultura Galega-.

Mais a cooperativización non é só unha alternativa para o autoemprego. A xestión democrática ou a primacía das persoas e dos fins sociais sobre o capital tornan este modelo empresarial atractivo para cada vez máis xente. “Nós tiñamos claro como ía ser o funcionamento interno, a toma de decisións, independentemente da fórmula legal. Viñamos xa do eido asociativo, do traballo asembleario”, explica Emi Candal, socia da cooperativa Urdime.

A mesma filosofía motivou as socias de O Cable Inglés. Segundo salienta unha delas, Marián Fernández, “partiamos xa dun posicionamento. Queriamos compartir responsabilidades, tomar decisións en igualdade. Antes traballamos por conta allea en diferentes empresas, e estabamos insatisfeitas coas condicións, co traballo que desenvolviamos… Unha empresa convencional busca outro tipo de rendibilidade e nós queriamos apostar por proxectos máis sociais”.

O cooperativismo conta, ademais, cunha certa tradición histórica no país. Na actualidade, o 46 por cento dos cooperativas galegas encádranse no sector agrario. Aínda que tampouco habería que sobredimensionar un fenómeno que foi, demasiadas veces, utilizado para a propaganda política. Segundo ten explicado o historiador Daniel Lanero, a destrución do tecido asociativo preexistente ou o dirixismo do sindicalismo vertical, mais a ausencia dunhas políticas agrarias dignas de tal nome, desincentivaron os labregos a unirse aos proxectos cooperativos da administración franquista. Despois, o cooperativismo tampouco conseguiu completar, na maioría dos casos, o ciclo produtivo, ficando a súa actividade reducida ao fornecemento de inputs ou de bens de primeira necesidade.

No sector cultural, porén, e, xa moito máis recentemente, coa obrigada reestruturación da industria ante a caída das axudas públicas, as rápidas transformacións do mercado demandan estruturas empresarias híbridas, capaces de achegar solucións integrais. O Cable Inglés oferta servizos de xestión, produción, comunicación e deseño, do mesmo xeito que Urdime traballa en distribución, comunicación e xestión. A interdisciplinariedade é, así, un dos piares do desenvolvemento deste tipo de empresas.

“A diversidade dos nosos perfís é unha oportunidade"

Un xeógrafo, un antropólogo e unha bióloga crearon a cooperativa Trespés. “A diversidade dos nosos perfís é unha oportunidade. Son campos que se complementan ben e iso dálle ao noso traballo unha perspectiva ampla e aberta”, sinala Alberte Román. Trespés constituíuse, ademais, como cooperativa de iniciativa social, sen ánimo de lucro. O cal non significa que ofreza os seus servizos de balde. Senón que calquera beneficio, se o houbera, non sería repartido entre as persoas socias. Ademais, as retribucións das mesmas non poderán exceder do 150 por cento do que corresponde á súa actividade e categoría profesional. “Somos cada vez máis. Nós vimos de presentar, ademais, un proxecto común con outras dúas cooperativas, Cestola na Cachola e Tempo de Loaira. Cremos que o cooperativismo pode ser unha ferramenta de transformación social”, engade Román.

Nunha liña semellante, mais lonxe da vocación empresarial, móvese GZ Imaxinaria, rede de espazos autoxestionados que agrupa proxectos de Alg-a Laboratório, do colectivo Baleiro ou de Axóuxere Editora. Concibida como plataforma aberta, baseada na filosofía do procomún e da cultura libre, as súas liñas de traballo son a experimentación sonora e visual, a cidade como espazo público, a crítica institucional ou a permacultura, entre outras.

Os comezos e o marco legal

A maioría destes proxectos son de creación recente, o cal dá pistas sobre a expansión da fórmula cooperativa no ámbito cultural nos últimos anos. Semella habitual, ademais, que haxa unha experiencia asociativa previa. É o caso de Melandrainas Creativas, un grupo de cinco mulleres que van abrir un café-teatro no que, ademais de programar espectáculos, vanlle dar continuidade á actividade formativa que xa realizaban como asociación, segundo explica Marga Fernández. Outra experiencia interesante é a da empresa Xandobela que, malia non ser formalmente cooperativa, actúa como tal no seu funcionamento interno.

A maioría destes proxectos son de creación recente, o cal dá pistas sobre a expansión da fórmula cooperativa no ámbito cultural nos últimos anos. Semella habitual, ademais, que haxa unha experiencia asociativa previa.

Entre as veteranas atópanse Culturactiva ou Cidadanía. A primeira é coñecida, sobre todo, por iniciativas como o Festiclown ou Terractiva. “A nosa vocación era desde o principio ser cooperativa, mais por un tempo fomos sociedade limitada, por falta de socios. Viñamos da militancia, do traballo arredor da risa como bandeira de rebeldía. O zapatismo era o noso referente, entón o modelo cooperativista era o máis coherente coa nosa filosofía”, conta Manuel Roxo.

Daquela, -hai máis de dez anos-, non era, ademais, tan doado, segundo Roxo, crear unha cooperativa cultural. “Había cooperativas agrarias pero culturais eramos moi poucas. O primeiro que atopamos foi o baleiro. A administración non che daba moita información… Mais acompañounos, no proceso, unha cooperativa catalá que xa non existe, Chou, que foi como un espello para nós”. Cidadanía tivo máis sorte nos seus inicios. “No marco legal hai bastante continuidade. Non houbo cambios que nos impactasen de forma potente. Tampouco mudaron moito as políticas de maior incidencia, de apoio á constitución. Nós comezamos hai case 15 anos como asociación sen ánimo de lucro, mais non era a mellor fórmula para acadar un emprego no ámbito das ciencias sociais. Empezamos cinco e hoxe somos sete”, apunta Ana Lorenzo.

“O problema foi a subida de impostos. Pagabamos unha barbaridade e as contas non daban. O 21 por cento de IVE en cultura é moitísimo"

O Cable Inglés, constituída hai dous anos, contou co asesoramento da rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar ao abeiro do Programa Operativo do Fondo Social Europeo 2007-2013. “Para nós foi sinxelo, no aspecto dos trámites. Tamén hai axudas para comezar. Eu si que animaría a xente a crear cooperativas. Para nós é a fórmula ideal para o emprendemento”, asegura Marián. Máis dura foi a experiencia de Imperdible Servizos Culturais, na actualidade en cesión de actividade. “O problema foi a subida de impostos. Pagabamos unha barbaridade e as contas non daban. O 21 por cento de IVE en cultura é moitísimo. Ademais, tiñamos moitos gastos que non entraban no IVE deducible. Despois está o IRPF, que son case 300 euros. Fanche unha redución durante uns meses, mais despois tes a obriga de seguir pagando por un tempo aínda que non teñas ingresos”, sinala Inés Portela.

Á procura dun nicho de mercado

Imperdible centraba a súa actividade na organización de eventos culturais, concertos, exposicións, xornadas temáticas, representación de artistas ou mostras de artesanía, sobre todo. O Cable Inglés traballa desde o deseño de proxectos ata a produción de concertos, festivais, exposicións, feiras, xornadas, xestión e contratación de artistas ou a promoción e publicidade en medios de comunicación, imaxe corporativa, proxectos web… Atopar un nicho de mercado pouco explorado é importante para este tipo de empresas.

Urdime especializouse nas artes escénicas para público infantil e xuvenil. “Hai un mercado e ademais o sector está bastante profesionalizado. E para nós era fundamental traballar con compañías profesionais, cuns criterios de dignidade laboral. Estas compañías tiñan feito nos últimos anos un esforzo importante no ámbito da comunicación, distribución e xestión. Mais as dificultades económicas do momento fixeron que retrocedesen neses aspectos. Nós pensamos en compartir ese traballo con elas. Ofrecerlles eses servizos para que elas poidan dedicarse ao traballo de creación”, explica Emi Candal. Culturactiva centra, pola súa banda, o seu traballo no teatro cómico e de rúa. Ademais do Festiclown ou Terractiva, xestiona proxectos como Magiclown ou Pallasos en Rebeldía, que organiza caravanas solidarias por distintos lugares do mundo, como Chiapas ou Palestina.     

Atopar un nicho de mercado pouco explorado é importante para este tipo de empresas

Trespés traballan en asesoría en materia de políticas de participación cidadá e xestión de recursos; en promoción e desenvolvemento local e turístico; educación e formación; investigación social e produción de contidos: exposicións, publicacións, materiais didácticos, audiovisuais... Cidadanía foi pioneira en Galicia na dirección de procesos de participación da cidadanía nas políticas públicas, como as axendas 21 locais ou os orzamentos participativos en Ferrol. Tamén fan investigación social e labores de consultoría e formación.

Mais hai moitas máis cooperativas no sector cultural. Na web da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (Ugacota) poden atoparse información sobre proxectos como Sonaxe, dedicado á promoción e produción musical ou Tagen Ata, que é tamén das pioneiras e ofrece servizos de e-learning, contidos dixitais educativos e formativos, redacción web, servizos lingüísticos e comunicación social, entre outras. No páxina do Consello Galego de Cooperativas hai un listado máis completo.

Curso de cociña con Trespés © Trespés
Actividade de Xandobela © Xandobela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.