Crece a oposición á privatización do rexistro civil

Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

O vindeiro 15 de xullo entrará en vigor a nova Lei do Rexistro Civil, aprobada en solitario polo PP, que consumará a privatización destas funcións, que pasarán a ser exercidas polos rexistradores mercantís. O proceso será gradual e completarase en 2017. A reforma foi iniciada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, que buscaba desxudicializar o rexistro civil, aínda que o seu plan non especificaba que departamento ou entidade recibiría estas competencias.

A medida pode levar consigo, así mesmo, a imposición de novas taxas para os servizos que realiza o rexistro civil, hoxe gratuítos para os e as cidadás, coma as inscricións matrimoniais ou os procesos de cambio de nome

A medida pode levar consigo, así mesmo, a imposición de novas taxas para os servizos que realiza o rexistro civil, hoxe gratuítos para os e as cidadás, coma as inscricións matrimoniais ou os procesos de cambio de nome. Os rexistradores mercantís son funcionarios sen soldo do Estado, e os seus ingresos dependen das xestións que realicen. Así mesmo, poden verse obrigados a contratar persoal para a realización das súas novas funcións. Descoñécese aínda se os custes engadidos serán abonados directamente polos cidadáns ou se sairán dunha partida dos orzamentos do Estado. Nestes momentos o Goberno negocia co corpo de rexistradores mercantís as posibles compensacións económicas que recibirían e nos borradores de traballo xa se establecen novas accións de obrigado rexistro que si terán que ser pagadas directamente polos cidadáns.

Nas últimas semanas foi crecendo a mobilización de distintas entidades, sindicatos e forzas políticas contra esta medida. Este luns a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, representantes sindicais e traballadores do Rexistro Civil de Vigo cualificaron a privatización deste servizo como unha forma de "facer negocio" e chamaron a  "visibilizar" as consecuencias da privatización para os cidadáns, sen descartan a convocatoria de mobilizacións nos vindeiros meses. Díaz pedirá a comparecencia do director Xeral de Xustiza para que explique o futuro deste servizo público. No acto, unha das traballadoras do rexistro vigués subliñou que en Galicia hai tan só cinco rexistradores mercantís, que centralizarán a actividade dos actuais rexistros civís das cidades e dos xulgados de paz.

Yolanda Díaz e representantes sindicais cualificaron a privatización deste servizo como unha forma de "facer negocio" e chamaron a  "visibilizar" as consecuencias para os cidadáns, sen descartan a convocatoria de mobilizacións nos vindeiros meses

Esta mesma fin de semana o deputado de IU Gaspar Llamazares cuantificaba en 1.200 millóns de euros o valor do “espolio” do Rexistro Civil, e o beneficio xerado para o corpo de rexistradores mercantís. Llamazares lembraba a condición de rexistrador do propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy e preguntábase se non debería absterse de tomar decisións que benefician de forma tan importante ao seu gremio. O deputado cualificou a reforma de “arancel expropiatorio" e subliñou que o custe da externalización do servizo é moi superior ao actual, “accesible e barato”.

De igual xeito, o pasado mes de decembro CC.OO. presentou no Congreso unha Iniciativa Lexislativa Popular para garantir o carácter de servizo público do Rexistro Civil e a súa gratuidade, así coma a confidencialidade e privacidade dos actos da cidadanía. Pola súa banda, Francisco Delgado, presidente de Europa Laica, denunciaba este domingo que "privatizar o rexistro civil" é "un proxecto ideolóxico da política máis casposa" e que ademais dos beneficios económicos para empresas privadas, "a cuestión de fondo ten que ver moito máis co desmantelamento do Estado de Dereito e da laicidade institucional".

As críticas chegan tamén do SPJ (Sindicato Profesional de Justicia)-USO, que este luns denunciou en Lalín que a reforma obrigará, por exemplo, aos habitantes desta vila a desprazarse a Pontevedra para realizar as súas xestións. O sindicato distribuíu polas sedes dos xulgados galegos cartaces con necrolóxicas nos que se chora a morte do rexistro civil, despois de 144 anos, seis meses e catorce días de vida, pois foi creado en 1871. O sindicato denuncia que a medida chega "despois de que se investisen máis de 180 millóns de euros en modernizar e dixitalizar" as instalacións xudiciais, e que supón entregarle "o máis grande rexistro de datos persoais" a mans privadas.

Encontro entre Yolanda Díaz (AGE) e traballadores do Rexistro Civil de Vigo Dominio Público AGE
Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.